Tabela dos Libros de maio, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a Tabela dos Libros do mes de maio. Nela figuran seleccionados os volumes que, ao ver d@s crític@s participantes (Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo), son estimados como os máis recomendables de entre os publicados nas últimas semanas. Boas lecturas!”

A Coruña: Gala das Letras da AELG 2013

Os 425 socios e socias da AELG xa escolleron os finalistas aos premios á mellor obra publicada no 2012 nas modalidades de ensaio, poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infanto-xuvenil e traxectoria xornalística. Nestes dous últimos casos tamén participaron na elección os asociados de Gálix e os membros do Colexio de Xornalistas respectivamente.
As obras gañadoras daranse a coñecer na Gala das Letras, un dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que comezará ás 20:00 do vindeiro sábado 4 de maio no Auditorio do Centro Ágora da Coruña.

Son finalistas as obras:

Blogs Literarios
Caderno da crítica, de Ramón Nicolás
Criticalia, de Armando Requeixo
Versos e aloumiños, de Antonio García Teijeiro e Antón García-Fernández

Ensaio
Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón (Xerais)
O labirinto da saudade, de Luís G. Soto (Laiovento)
Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás (Xerais)

Literatura Infanto-xuvenil
Eu, pel, de Teresa González Costa (Xerais)
O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas (Xerais)
O neno can, de Fina Casalderrey e Francisco Castro (Galaxia)
Palabras de auga, de Marcos Calveiro (Xerais)

Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2012
Ana Romaní
Blanca-Ana Roig Rechou
– Carme Vidal
Fran P. Lorenzo
Iago Martínez
María Solar
– Moncho Paz
Ramón Nicolás

Narrativa
A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval (Xerais)
As voces baixas, de Manuel Rivas (Xerais)
Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño (Galaxia)
Tonas de laranxa, de María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón (Xerais)
Verde oliva, de Xavier Alcalá (Galaxia)

Poesía
Boca da cobra, de Francisco Salinas Portugal (Biblos)
Emily on the road, de Ramón Blanco (Acha Escrava Editora)
Fase de trema, de Lorena Souto (Espiral Maior)
O silencio, de Mario Regueira (Xerais)
Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro (Faktoría K de libros)
ruído de fondo, de Daniel Salgado (Xerais)

Teatro
Banqueiros, de VV. AA. –Francisco Pillado, coordinador- (Laiovento)
Novo teatro fantástico, de Manuel Lourenzo (Laiovento)

Tradución
Cancioneiro, seguido das Rimas dispersas, de Francesco Petrarca, en tradución de Darío Xohán Cabana (Edicións da Curuxa)
Carné de identidade, de Mahmud Darwix, en tradución de Moncho Iglesias e Samar Sabat (Barbantesa)
Gretchen, miña nena, de Christine Nöstlinger, en tradución Isabel Soto (Oxford University Press)
O home unidimensional, de Herbert Marcuse, en tradución de Jesús Saavedra (Universidade de Santiago)
O sentido dun final, de Julian Barnes, en tradución de Xesús Fraga (Rinoceronte)

Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros tres galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG:

  • O premio Mestres e Mestras da Memoria, de nova creación, que se concede nesta primeira edición a Manuela Cortizo Medal e Ángel Rivas Veiga, por toda unha  vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional;
  • O Premio Institucións que se concede a quen contribuíse á divulgación da lingua e cultura galega, e que este ano será para o asociacionismo cultural representado por aquelas asociacións que, nacidas nas décadas dos 60 e 70, aínda manteñen a súa vitalidade e activismo cultural (Agrupación Cultural O Galo, Agrupaçom Cultural O Facho, Clube Cultural Valle Inclán, Agrupación Cultural Auriense, Agrupación Cultural Francisco Lanza, Agrupación Cultural Avantar, Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, Agrupación Cultural Lumieira, Sociedade Cultural Medulio, Associaçom Cultural Amig@s da Cultura de Pontevedra);
  • E mais o Premio AELG 2013 Escritora Galega Universal, outorgado pola Asemblea á escritora Lídia Jorge, galardón que a distingue como autora que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana.
  • Tamén se recoñecerán os Premios da Crítica Galega nas categorías de Narrativa e Poesía (Begoña Caamaño, por Morgana en Esmelle e Manuel Álvarez Torneiro por Os ángulos da brasa).

No transcurso da gala a AELG tamén entregará aos humoristas gráficos Siro López Lorenzo “Siro”, Xosé Lois González Vázquez “O Carrabouxo”, Xosé Ángel Rodríguez López “Gogue”, Xosé Carreiro Montero “Pepe Carreiro” e Xaquín Bieito Marín Formoso “Xaquín Marín” a distinción Bos e Xenerosos.

A Gala das Letras contará coas actuacións musicais de César Morán e Uxía Senlle, e é un acto aberto con entrada libre até completar aforo.

A duración prevista é de 2 horas, aínda que as obras gañadoras daranse a coñecer durante a primeira hora da Gala.

 

Santiago: actividades destacadas do venres 3 de maio na Feira do Libro

O venres 3 de maio prosegue a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda), cos seguintes actos literarios destacados:

19:00 h. O escritor Manuel Portas presenta o seu libro Faneca Brava, publicado por Edicións Xerais. Xunto co autor, participarán no acto o crítico Ramón Nicolás e Fran Alonso.
19:00 h. Chisco Fernández Naval e Antón Riveiro Coello asinarán os seus libros na caseta da Libraría Pedreira.
20:00 h. A noite no deserto. Un diálogo sobre a novela e a construción da memoria, con Chisco Fernández Naval, autor de A noite branca, publicado por Edicións Xerais e Antón Riveiro Coello, autor de Laura no deserto, publicado po Editorial Galaxia. O acto estará guiado da man de Armando Requeixo.

Parlamento das Letras: Fran Alonso

Entrevista de Armando Requeixo a Fran Alonso no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Fran Alonso (FA): Á literatura galega fáltanlle dúas cousas fundamentais para garantir o seu futuro, e non teñen nada que ver co propio proceso creativo: un estado que a apoie e lectores/as. E a existencia do primeiro non implica necesariamente a existencia do segundo. En primeiro lugar, á literatura galega fáltalle un estado que a apoie, que lle dea entidade administrativa, que a visibilice fóra das nosas fronteiras e que a prestixie dentro, e dígoo á marxe de calquera consideración ideolóxica. Se tivésemos un estado, o estatus do que gozaría a nosa literatura sería infinitamente superior. En segundo lugar, á literatura galega fáltanlle lectores e lectoras, e ese feito crea unha atmosfera de permanente decepción no ámbito da creación literaria e impide unha verdadeira correlación de forzas, amais de imposibilitar a profesionalización dos escritores e escritoras que o desexan. Non obstante, as posibilidades de medre para a literatura galega son enormes, porque só un 20% dos lectores galegos len na nosa lingua (polo tanto, potencialmente poderiamos incorporar para a literatura galega un 80% de persoas que xa son lectores/as en castelán). Evidentemente, este feito está directamente relacionado coa situación sociolingüística de Galicia.
No referido ao ámbito da creación literaria, creo que historicamente o que máis acusa a literatura galega é a falta de humor, e seguramente neste momento precísao máis ca nunca. O país da retranca, cun humor tan de seu, debe trasladar ese sentido do humor socialmente compartido á literatura. O problema principal é que, con frecuencia, aos escritores nos resulta difícil asumilo debido ás circunstancias que vivimos. Pero é un importante reto pendente. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– FA: Hoxe por hoxe, o que máis me preocupa é a terrible fenda, ese enorme desnivel, que existe entre a indiscutible calidade e a ambición literaria dos escritores e escritoras galegos e a resposta da sociedade ante a creación literaria na nosa lingua. O abismo é tan enorme que ás veces resulta profundamente desmotivador para unha literatura rica, plural e competente como a nosa. E eu, que pola miña profesión manexo cifras constantemente, convivo con ese feito a diario. Actúa como un lastre que impide a normalidade —malia que aparentamos vivir nela— e crea unha reiterada sensación de decepción nos escritores e escritoras. Evidentemente, o problema non está na literatura que se produce, senón na lingua na que se produce esa literatura; pero o futuro da literatura galega está inevitable e inseparablemente ligado ao futuro da lingua. Cando o goberno galego do PP está a lexislar contra a lingua galega (si, contra a lingua galega, por acción ou por omisión) tamén está a lexislar contra a literatura galega, contra o teatro, contra a industria cultural, contra toda a cultura galega, en definitiva. Agora ben, o problema da lingua (tamén transmitido á literatura) non é un problema conxuntural (conxuntural é a presenza dos depredadores do PP no goberno), senón un problema estrutural, que padecemos desde finais da Idade Media, e a súa solución está inevitablemente ligada a unha decidida vontade de cambio do pobo galego que supoña unha ruptura histórica, vontade que, polo de agora, non se albisca. (…)”.

Parlamento das Letras: Suso de Toro

Entrevista de Armando Requeixo a Suso de Toro no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Suso de Toro (SdT): A literatura galega ten mudado moito desde que eu comecei a publicar, de modo que críticas ou consideracións que fixen nos anos oitenta (algunhas recollidas en F. M., Edicións Positivas) hoxe xa non serían tan pertinentes. En galego escríbense na actualidade cousas moi diversas e con moita liberdade. É unha literatura interesante e viva. O que non ten é o que non está nas súas mans, o que non lle dá o país: apoios. Carece de atención nos medios de comunicación, puramente colonizados, e do apoio do poder político: nunca o tivo. Nunca. Nin sequera o goberno bipartito na Xunta permitiu que a literatura na nosa lingua chegase á sociedade. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– SdT: Cando S de T comezou a publicar tiña tamén a intención de modificar esteticamente e tamén na ideoloxía subxacente e mesmo modificar as relacións cos lectores, encontrar outro público non necesariamente ideolóxico. Non se entenden libros dos oitenta como Caixón desastre, Polaroid, Land Rover e Ambulancia se non é desde eses presupostos. Nin tampouco se poden entender as actitudes públicas do S de T. Hoxe vexo que mudaron esas cousas, o que si que gañamos e logo perdemos foi o público lector. Alguén terá que pararse a analisar por que nos anos noventa e principios da década do dous mil se foi construíndo un público para a literatura galega e hoxe semella estar case perdido. (…)”.

Parlamento das Letras: Miguel Anxo Fernández

Entrevista de Armando Requeixo a Miguel Anxo Fernández no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Miguel Anxo Fernández (MAF): Quizais se edita demasiado (aínda que son partidario de non coartar a quen queira publicar, que para iso, por fortuna, as Redes son unha canle perfecta, como a autoedición), pero non son un experto no tema. Boto de menos unha modernización “real” do sector editorial, vexo que teñen a autoestima polo chan, que non asumen a pertenza a un mercado que vai máis rápido ca eles e que non queda outra que someterse e asumir as leis da competencia. Quero dicir, ser agresivos e imaxinativos nos lanzamentos, facerse ver e facerse valer. Mesmo darlle un cambiazo ás edicións, demasiado antigas, quedáronse nos anos oitenta… Desanímame moito ver nos andeis como “resalta” o libro español fronte ao galego, pero non tanto por espazo (que tamén), senón por imaxes atractivas, deseños para o XXI, tipografías máis doadas, en fin. Certo que o acoso ao galego e a indiferenza das institucións (públicas como privadas, que tirar só contra a Administración é un tópico que cómpre virar), vai na súa contra, pero tampouco entendo, por exemplo, por que as editoras galegas non asumen o mercado noutras linguas, mesmo o español como alternativa para mellorar a conta de resultados. En fin, son as opinións dun profano, pero cústame entender tamén por que non temos axentes literarios e por que moitos dos nosos autores e obras non acceden a mercados máis alá do galego. Hai pendente unha revolución. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MAF: Penso que estamos nun bo momento creativo, pero outra cousa é o mercado e a difusión. Nese eido os atrancos son moi serios. A lousa da crise trouxo como consecuencia serias convulsións no sistema editorial e, polo mesmo, unha depresión que é tan económica coma de autoestima. Un escritor galego parécese cada vez máis a un francotirador. O tema daría para moito, e non é o caso. (…)”

Na entrega do I Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey

Crónica-reportaxe de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“Este sábado 13 de abril, Fornelos de Montes, como París na célebre novela póstuma de Hemingway, era unha festa. Unha festa da poesía, da palabra entre amig@s, do pracer da lectura e do recordo polos que foron bos e xenerosos e sempre connosco van.
E velaí como dende ben cediño a banda de gaitas do concello percorreu as rúas da vila amenizando a xornada con seus acordes, música para os versos que logo resoarían nas lastras e casas grandes na celebración da entrega do I Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey, organizado polo cámara municipal co seu alcalde Emiliano Lage Rodríguez á fronte e mais a benemérita Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe, coa súa presidenta, a ubicua Carmen Carreiro, axudando a coordinalo todo para que nada fallase en tan sinalado día.
As moitas xentes que participaron das actividades tiveron tamén a oportunidade de adquirir novas lecturas, pois a pontevedresa Librería Paz desprazou un posto ata a localidade no que se ofertaron, amais do libro gañador do certame —o poemario As uñas crecen de Silvia Penas— todas as obras do escritor de Fornelos e moitas outras novidades editoriais de noso.
Os actos propiamente ditos deron comezo ás doce do mediodía, cando, no multiusos da vila, o alcalde, acompañado de parte da corporación, deu oficialmente a benvida aos asistentes e congratulouse publicamente pola ledicia que supuña poder presidir o acto de entrega da primeira convocatoria dun premio que, dende o seu propio nome, nacía coa vocación de lembrar e homenaxear a quen foi un dos máis senlleiros fillos do concello, que tiña na sala unha nutrida representación dos seus descendentes, entre a que se contaban varios dos seus fillos e netos.
A seguir, e logo da pertinente lectura da acta do xurado, tomou a palabra o profesor e ensaísta Luís Cochón, quen, en calidade de presidente do xurado do premio (que se completou cos nomes da crítica e investigadora Mercedes Queixas Zas e mais quen isto escribe, tamén presentes), fixo un completo retrato da figura de Lueiro Rey no que non faltaron as palabras que ao autor dedicaron outros compañeiros da escrita como, poño por caso, Uxío Novoneyra, facendo especial fincapé no que este representou para a sociedade a literatura galegas do seu tempo, memoria que se perpetúa con este premio que tan alta participación alcanzou xa nesta convocatoria primeira.
Inmediatamente despois, Olegario Sotelo Blanco, como editor responsable do volume gañador, quixo significar o mérito que para el supuña que un concello como o de Fornelos de Montes, no actual contexto, tivese feito o esforzo de botar a andar unha iniciativa coma esta, na que se honra un fillo querido do concello e un brillante escritor galego, á vez que amosou o seu incondicional apoio ao premio ao que desexou longa vida.
Acabada esta intervención, procedeuse á entrega do galardón a Silvia Penas Estévez, quen, amais do premio en metálico, recibiu tamén un diploma acreditativo e mais o primeiro exemplar de As uñas crecen, poemario acabado de saír do prelo de Sotelo Blanco Edicións co que a escritora se fixo acredora do premio. A viguesa pronunciou unhas palabras de agradecemento, nas que non esqueceu nin as entidades convocantes nin o xurado, pero que remansaron sobre todo no recordo do Lueiro Rey, a quen a poeta dixo admirar ata o punto de querer xunguir o seu nome ao deste co concurso no premio.
Tras a entrega, deuse paso á proxección dun valioso vídeo realizado polo alumnado do CEIP Doutor Suárez e coordinado polo profesorado deste centro, con Óscar Martínez Iglesias á cabeza. Nel, os escolares da zona recitaron versos da obra de Lueiro Rey, confirmando coas súas voces noviñas que a escrita do seu paisano segue viva entre as novas xeracións daquel lugar.
Logo desta proxección, que gañou o aplauso acendido do numeroso público e familiares concorrentes, a gañadora deleitou á concorrencia co recitado, de cor, de dous longos poemas do seu libro, que tamén mereceron a admirativa resposta dos alí presentes.
Finalizadas as alocucións, e tras asistir á interpretación do himno galego por parte da banda de gaitas do concello, o alcalde despediu o acto animando a todos a apoiar coa súa asistencia vindeiras convocatorias do premio e convidou á veciñanza a un pequeno refectorio no que se serviu un viño galego e a os presentes tiveron tempo para falar de literatura en particular e de cultura en xeral na lembranza de Manuel Lueiro Rey, ilustre paisano que o pasado día 9 de abril estivo de aniversario natalicio.
Vaian os meus parabéns tanto para Silvia Penas, flamante gañadora do premio co excelente As uñas crecen que ben pronto estará en todas as librerías do país, coma tamén ao Concello de Fornelos de Montes e Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe quen, xunto a Sotelo Blanco Edicións, fan posible este pequeno gran milagre de dar á luz belidos versos en tempos tan sombríos.”

No reino da mourindade, por Armando Requeixo

Recensión de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“Como cada ano destes últimos ―e vai alá xa un lustro, que neste paisiño de noso non é cativa cifra― a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega publica un novo número da súa revista Escrita Contemporánea recollendo as intervencións das Actas das V Xornadas de Literatura de Tradición Oral, coorganizadas pola propia a AELG e mais a AS-PG co patrocinio da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo.
Nesta ocasión, o volume leva por subtítulo o que foi tema do congreso que tivo lugar o pasado mes de outubro en Lugo, isto é, Os mouros e as mouras: máxicos enigmáticos da mitoloxía popular, tema apaixonante onde os haxa para todos os interesados nesta cuestión etnográfica, histórica, mitolóxica e literario oral que vertebra un dos mitos perennes da nosa cultura.
Para disertar sobre este particular os organizadores do evento (os industriosos Isidro Novo e Antonio Reigosa) convocaron desta volta o antropólogo, escritor e músico Rafael Quintía Pereira; o tamén antropólogo e comunicador Alexandre Parafita, profesor da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro; a historiadora e investigadora arqueolóxica Mar Llinares García, docente na Universidade de Santiago; e mais o filólogo e responsable do Arquivo de Tradición Oral do Muséu del Pueblu d’Asturies Jesús Suárez López.
Quintiá Pereira dedicou a súa intervención aos Mouros e mouras. Na procura de nós mesmos. Na súa longa e moi documentada disertación tentou clarificar como xorde o mito da mourindade, quen son os mouros, onde viven, cal é a utilidade deste mito, quen son as mouras, de que atributos se revisten, cal é o seu hábitat e a súa escatoloxía e que relación poden ter coas Tríades, virxes ou deusas primitivas.
Pola súa banda, Parafita centrou o seu relatorio nos Mouros históricos e mouros míticos: dualidades e complementariedades, detallando con acuidade como se foron tecendo eses pretos viortos que unen os ‘mouros’ históricos (é dicir, os invasores árabes) cos mouros mitolóxicos, atribuíndo a estes últimos características negativas nunha clara campaña de desprestixio cara aos primeiros.
A profesora Llinares García ilustrou os asistentes sobre Mouras e mulleres. As imaxes femininas na mitoloxía popular galega, unha moi interesante comunicación que deixou claro a figura mítica da moura foi deliberadamente empregada dentro da cultura de noso para desenvolver todo un programa sociodidáctico de como deben ser as mulleres e como non deben ser, de cal debe ser o seu comportamento xenérico e/ou sexual e que se espera delas no seo da comunidade.
Por último, Suárez López disertou sobre Os mouros e os seus tesouros no imaxinario popular asturiano, achegando valiosos datos orais e literarios sobre a presenza destes neste territorio irmán e analizando a súa función e características sobre todo en relación ao subtema da procura de tesouros.
O libro complétase coa transcrición dos longos diálogos suscitados a través de dúas mesas redondas, os limiares e saúdas de rigor e uns anexos nos que se reproducen o Seminario de conclusións, os Datos biográficos dos/as intervinientes, un mínimo Apéndice fotográfico e unha sucinta Bibliografía.
Este número de Escrita Contemporánea dedicado a Os mouros e as mouras: máxicos enigmáticos da mitoloxía popular (que, como noutras ocasións, incorpora un dvd coa gravación de todas as xornadas) é un perfecto vademecum co se guiar polo complexo e fascinante mundo da nosa mourindade, territorio meigo e imprevisible que segue a cativarnos, imperecedoiro, neste novo milenio.”

Tabela dos Libros de abril, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a Tabela dos Libros do mes de abril Nela figuran seleccionados os volumes que, ao ver d@s crític@s participantes (Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Héitor Mera Herbello, Montse Pena Presas e Armando Requeixo), son estimados como os máis recomendables de entre os publicados nas últimas semanas. Boas lecturas!”

Parlamento das Letras: Emma Pedreira

Entrevista de Armando Requeixo a Emma Pedreira no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Emma Pedreira (EP): Non creo que falte nada porque non tratamos de facer unha comparativa nin unha competencia con ningún outro sistema literario. A literatura galega é para min un absoluto, un principio e un fin en si mesma e, se cadra, nesa cerrazón si existen vezos e grallas a ter en conta, como o embiguismo, o ensimesmamento e endogamia e, talvez, unha profunda afectación —sobre todo no eido da poesía—. Se teño que buscar algo que falte realmente é a proxección e a promoción exterior de máis autores, o que aumentaría a nosa visibilización e poder entrar a compararnos con outros sistemas literarios. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– EP: Penso que hai de todo, como en cada momento e en cada lugar, hai negras sombras, cansazo, crebas doutros tempos, mortes súbitas de proxectos consolidados e estancamentos, pero sempre digo o mesmo: se hai ganas, hai futuro. E as ganas, o interese, a loita, vense a cada paso. (…)”.