Sabela González publica a terceira entrega de As crónicas de Landereina

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
As crónicas de Landereina. Libro III: Sangue de Lúa é a terceira entrega da saga fantástica que asina Sabela González. Coa apócema da destrución da Pedra de Lúa nas mans de Berenguela e Güenaela, a escritora Sabela González retoma as aventuras destas dúas veciñas de Landereina, que agora deben escapar da illa dos sabios para volver á capital do reino e rescatar o príncipe Ohn, onde a traidora segue a gañar terreo aterrorizando a todos co seu goberno tiránico. Pode accederse á entrevista aquí.”

Sabela González: “Non teño interese en chegar ao Olimpo cultural, só en contar historias”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Sabela González en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): As crónicas de Landereina é unha saga de fantasía. Nas letras galegas actuais non hai case textos deste tipo, fronte á gran cantidade de produción en castelán ou inglés. Ten algunha idea de a que se pode deber esta carencia?
– Sabela González (SG): Calquera resposta que dea ao motivo desa carencia é pura elucubración. Se cadra, ás veces, no noso entorno, se entende a cultura dende un estraño elitismo de adultos que consideran a literatura fantástica como algo innecesario, algo para mentes menores. Penso que iso axudou á ausencia deste tipo de obras e sagas: os “verdadeiros” escritores fuxiron do entretemento polo entretemento e intentaron facer “grandes obras”, un símbolo cultural para o futuro, se cadra. Na produción en lingua inglesa atopo menos elitismo e bastante respecto polas obras de ficción xuvenís. E chámolles xuvenís por ser como as clasificamos, pero o seu público é moi amplo e non responde a un só grupo de idade. E así debe ser, penso eu. Con todo, creo que hai uns anos que podemos afirmar que as letras galegas están acollendo todo tipo de obras e tomando todo tipo de riscos. Hai novas voces lanzando fantasía, terror… Por fin hai produtos de entretemento demostrando que a súa calidade non depende da seriedade da súa temática.
– B: Por que lle interesou a vostede construír unha saga deste tipo?
– SG: Non teño interese ningún en chegar ao Olimpo cultural, só en contar as historias que o corpo me pide contar. E a min o corpo pídeme fantasía e mundos distintos, ficción e máis ficción. Supoño que bebo das lecturas que máis me marcaron e me tiraron. Con todo, o feito de ter creado unha saga, unha triloxía, é meramente circunstancial: pensei que a historia ocuparía de máis para unha primeira publicación dunha escritora novel e decidin dividila en tres. (…)

Coñécense as obras gañadoras do Premio Frei Martín Sarmiento 2015

Desde a Consellería de Cultura e Educación:
“(…) Na undécima edición do premio Frei Martín Sarmiento −que premia as obras seleccionadas en cada categoría polo alumnado, e polos seus pais e nais, dos centros que forman parte de Ferega-Ceca− fixéronse cos galardóns os escritores Marcos Calveiro (na categoría de 1º e 2º de Educación Primaria, pola obra Raro), Jacobo Fernández (na categoría de 3º e 4º de Educación Primaria, pola obra Marcopola e a illa remeira), Xosé Henrique Rivadulla Corcón (na categoría de 5º e 6º de Educación Primaria, pola obra Soños de mar), David Vázquez (na categoría de 1º e 2º de ESO, pola obra Améndoas e flores silvestres), e Sabela González (na categoría de 3º e 4º de ESO, pola obra Bágoa de Lúa). (…)”

Coñécense os finalistas do II Premio Muíño do Vento de Textos de Contraportada

“Reunido o xurado do II Premio Muíño do Vento de Textos de Contraportada, formado por Sari Alabau Albors, Carmen Cuesta García, Ánxeles Pernas García, Elia Rico Lagarón e Antonio Yáñez Casal, que actúa en calidade de secretario, con voz e sen voto, acordou declarar como finalistas os textos das obras A illa de todas as illas, de Xabier P. DoCampo; As crónicas de Landereina: Bágoa de Lúa, de Sabela González; A Terra Queima, de Lalo Carnota e Xurxo Souto, e O Castañeiro de Abril, de Antonio Manuel Fraga.

Ferrol, 10 de marzo de 2014″

Vigo: actos destacados do sábado 6 e domingo 7 na Feira do Libro

O sábado 6 e o domingo 7 de xullo serán os derradeiros días da edición deste ano da Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), cos seguintes actos literarios destacados para os días sinalados:

Sábado 6
20:00 h. Presentación do libro Bágoa de Lúa, primeiro da triloxía As crónicas de Landeleira, de Sabela González, publicado por Editorial Galaxia. Xunto coa autora do libro, intervirán Ledicia Costas e Francisco Castro.
21:00 h. Encontro de Fantasía Galega con Contos Estraños e Urco Editora, coa presentación das obras Magumaba, de Fabián Plaza (Contos Estraños), O mundo secreto de Basilius Hoffman, de Fernando M. Cimadevila (Urco Editora), Galiza mutante: Poder Nuclear, de Tomás González Ahola (Contos Estraños/Urco Editora), As crónicas de Bran: A revolta dos mestres, de Xosé Duncan (Contos Estraños), A xanela insólita, de Jorge Emilio Bóveda (Urco Editora), Ninguén lembra, de Vanesa Santiago Vázquez (Urco Editora) e Contos de soños e sombras, de Ariza Piñeiro (Urco Editora).

Domingo 7
20:00 h. Presentación do libro As pontes do ego sum, de José Manuel Ledo, publicado por Editorial Ir Indo. Xunto co autor, participará no acto Xelasio Suárez Santiso.