Cuestionario Proust: Eli Ríos

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Eli Ríos:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Pallasa.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O humor intelixente.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Nada. Se son amizades é porque todo o que agardaba delas xa está enriba do tapete.
4.– A súa principal eiva?
– Darlle demasiada importancia aos detalles.
5.– A súa ocupación favorita?
– A sesta. Que grande pracer!
6.– O seu ideal de felicidade?
– Pois gustaríame poder facer máis a miúdo as ceas na praia coa miña xente. Son momentos moi especiais pero como o verán aquí dura tan pouco…
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Non ter nacido.
8.– Que lle gustaría ser?
– Pois o que son porque cando quixen ser outra cousa fíxeno a través da literatura, así que ese lado xa está cuberto.
9.– En que país desexaría vivir?
– No que vivo, senón xa tería marchado.
10.– A súa cor favorita?
– Depende para que. Gosto do lila, do azul, do laranxa, do branco,…
11.– A flor que máis lle gusta?
– Ningunha. Creo que as plantas me teñen manía. Non me sobreviven nin os cactos.
12.– O paxaro que prefire?
– A lavandeira e a pega.
13.– A súa devoción na prosa?
– Non teño devocións porque leo até as instrucións do Ikea pero si libros aos que volvo con frecuencia. Calquera da Lídia Jorge.
14.– E na poesía?
– O mesmo que a anterior. Regreso habitualmente ao Álvaro de Campos e ao Herberto Hélder aínda que, desde hai uns meses, habitan a miña mesiña de noite As lavandas… de Ramón Neto.
15.– Un libro?
– Imposible. Un só non podo.
16.– Un heroe de ficción?
– R2-D2
17.– Unha heroína?
– Neste momento, Lisbeth Salander.
18.– A súa música favorita?
– O punk, británico, a poder ser.
19.– Na pintura?
– A pintura é como os libros, non podes escoller unha única obra pero se alguén desexa agasallarme un cadro do Quim Alcantara non vou dicir que non.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Nesta época de crise moita xente: desde a profe dos meus fillos que fai un traballo incrible cos poucos recursos cos que conta, a doutora que os mima como se non houbese recortes, os meus maiores que viven con pensións ridículas despois de pasar unha vida enteira cotizando, a miña viciña que quedou no paro e reinventouse montando un negocio, os amigos que crean unha empresa, os que emigran deixando aquí a súa familia… Hoxe en día hai tantos heroes e heroínas…
21.– O seu nome favorito?
– Lela.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O pesimismo.
23.– O que máis odia?
– O egotismo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Ningunha. Podo estar de acordo ou non pero toda persoa é importante para alguén.
25.– Un feito militar que admire?
– Non admiro nada militar pero interésame a Revolução dos Cravos.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O de entender o mundo con só miralo como facía miña avoa. Sabía se unha vaca ía parir ou non con mirarlle á cara ou se o bieiteiro estaba preparado para ser apañado e facer o aceite.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Morrendo dun ataque de risa.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Retranqueiro.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que conteñen unha alta dose de inocencia.
30.– Un lema na súa vida?
– Un que me dixeron hai pouco: «Nunca mates unha mosca na cabeza dun tigre».”

Radiocrítica do 03-02-2014, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 3 de febreiro en Ames Radio (107.2 FM). Nesta ocasión, falei con Nazaret López sobre a novela O derradeiro libro de Emma Olsen de Berta Dávila (I, 00:48); o volume de artigos Coa lingua na Terra de Héitor Picallo Fuentes (I, 6:58); o relato infantoxuvenil O castañeiro de abril de Antonio Manuel Fraga (II, 00:00) e mais o poemario As lavandas adáptanse a todo erro de navegación de Ramón Neto (II, 4:59).”

Lugo: presentación de As lavandas adáptanse a todo erro de navegación, de Ramón Neto

O martes 17 de decembro, ás 20:30 horas, no Lar da Cultura do País (Carril das Hortas, 1, baixo) de Lugo, preséntase As lavandas adáptanse a todo erro de navegación, de Ramón Neto, publicado pola Deputación da Coruña. No acto participan, xunto ao autor, Eugénio Outeiro e Xesús Otero Yglesias (ilustrador do libro).

Ramón Neto gaña o XVI Premio Miguel González Garcés

A obra gañadora do XVI Premio de Poesía Miguel González Garcés, convocado pola Deputación da Coruña, foi As lavandas adáptanse a todo erro de navegación, de Ramón Neto. Como finalista quedou Ledicia Costas coa obra Satén.
Ao premio, consistente nunha dotación de 6500 euros e a edición da obra gañadora, presentáronse 47 álbumes de poemas. O xurado estivo formado por Xavier Rodríguez Baixeras, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xosé Miranda e Miguel Anxo Darriba.