Arquivos da etiqueta: As sete mortes de Leopoldo Pardo
Ourense: actividades destacadas da Feira do Libro o 2 de xuño
O 2 de xuño finaliza a Feira do Libro de Ourense (na rúa do Paseo), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 18:30 h. Sinatura de exemplares de Galeguia, de Manuel Miragaia, publicado por Chiado Editora, na caseta da Libraría Pedreira.
– 20:00 h. Presentación e coloquio arredor de As sete mortes de Leopoldo Pardo, de Jorge Emilio Bóveda, publicado por Xerais. Acompañarán ao autor David González Couso e Manuel Bragado.
– 21:00 h. Presentación da obra gañadora do XVIII Premio Risco de creación literaria: A simetría das bestas, de Alberto Ramos. No acto participan Luís Martínez-Risco, David Cortizo e Belén Iglesias Cortés.
Jorge Emilio Bóveda: “Eu escribo por puro amor á arte e por tratar de preservar a lingua galega”
Entrevista a Jorge Emilio Bóveda en La Región:
“(…) – La Región (LR): Cal é a temática da novela?
– Jorge Emilio Bóveda (JEB): As sete mortes de Leopoldo Pardo responde a un proxecto que xa vén de atrás, de combinar a cultura e os xéneros populares coa literatura máis profunda. É o terceiro volume da saga que comezou con Asasinato no centro comercial vencellado ao libro de peto; e seguiu con A morte vén en chancletas, baseado na novela policial do século XIX, basicamente nas de Agatha Christie. Nesta ocasión, o texto ten moito da novela negra americana de finais do século XX, en combinación con elementos da cultura galega.
– LR: Cales?
– JEB: Sieiro, o antagonista de Leopoldo Pardo, é unha persoa obsesionada coa cultura galega, polo que saen referencias a Curros Enríquez, Vicente Risco ou Blanco Amor. Nalgún momento, Manolo Bragado chegou a comentar que era unha edición moderna do Divino Sainete de Curros Enríquez.
– LR: Despois de dous libros, é máis doado agora escribir sobre Leopoldo?
– JEB: Penso que estou máis preto, porque habita na miña cabeza. A cuestión é facelo andar. O máis complicado é dotalo dun contido orixinal, e penso que o conseguín bastante ben.
– LR: Cal é a súa vinculación con Celanova?
– JEB: Son o xefe de estudos do colexio Curros Enríquez da localidade e, por amor á cultura, coñezo a existencia deses marabillosos poetas que son Manuel Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro ou Xosé Luis Méndez Ferrín, aínda que este último presume de ser de Vilanova dos Infantes.
– LR: Cantos libros leva publicados?
– JEB: De xeito profesional e dende o ano 2010, nove. Con anterioridade autoeditei varios libros, é algo do que non me arrepinto. De todos os xéneros polos que pasei, incluído o ensaio, quédome co de agora, mesturar cuestións populares co ideal literario.
– LR: En que está traballando agora?
– JEB: O ano que vén está previsto que saia publicada unha novela cómica, que mestura a sociedade pre-castrexa, a política galega e a mitoloxía local, que penso que é moi didáctico porque non se sabe moito dela.
– LR: Como está o sector da literatura en galego?
– JEB: En Galicia para nada é rendible a literatura. Hai dous ou tres “bestseller” e nada máis. Eu escribo por puro amor á arte e por tratar de preservar a lingua galega. A xente escasamente le en castelán, moito menos en galego.”
Compostela: Semana da novela negra, do 6 ao 15 de abril
Celanova: presentación de As sete mortes de Leopoldo Pardo, de Jorge Emilio Bóveda
Jorge Emilio Bóveda: “A min o que me interesa nesta miña fase vital é probar novos camiños combinando o incombinable”
Entrevista a Jorge Emilio Bóveda en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (PdG): Cal é o xerme de As sete mortes de Leopoldo Pardo (Xerais, 2018)? Como concibiu o proceso creativo?
– Jorge Emilio Bóveda (JEB): Esta é a terceira parte dun proxecto que eu chamo “As variacións Pardo”, que comezou con Asasinato no centro comercial, na que Leopoldo Pardo, desmotivado, nugallán e con complexos, vivía gris enchufado como vixilante nun centro comercial, e, como quería demostrar ao cacique que lle regalou o posto de traballo que el valía para moito máis, fixo algo que non se lle ocorrería nin ao que asou a manteiga. Un libro que homenaxeaba no seu formato aos bolsilibros de Bruguera.
O proxecto continuou con A morte vén en chancletas, na que Leopardo, logo de saír do cárcere, vai coa muller a celebralo a unha casa de turismo rural e de socato vense pechados con outros oito personaxes e un morto, coa estrutura dos Dez Negriños de Agatha Christie. Tamén tiña certo recordo do Isidro Parodi de Borges e os Crimes da Rúe Morgue de E.A. Poe.
Agora, nesta terceira parte, Leopardo fíxose axente de seguros sen escrúpulos e bate cun antagónico chamado Marco Aurelio Sieiro quen, coma se do conde Drácula de Stocker se tratara, concédelle unha estraña entrevista para proporlle asegurar varias pezas paradigmáticas da cultura galega como o estatuto de autonomía de Galicia ou a caveira de Breogán, desenvolvéndose unha trama moi contraria ao que semella ao principio.
– PdG: Por que combinar clichés e elementos da literatura de masas coa tradición e a tendencia popular da nosa literatura?
– JEB: Pois supoño que por influencias e por outros referentes previos como a cinema. Grazas ao meu pai vin centos de filmes de cinema fantástico dende que abrin os ollos de neno (de aí o meu libro con Urco A xanela escura) pero tamén comecei moi novo a ler aos clásicos por rebeldía. E cando digo os clásicos refírome aos occidentais tendo en conta tamén os de noso: Risco, Cunqueiro, Curros, Blanco Amor, Pedrayo… aos que cheguei máis tarde.
Na miña opinión, moitas veces a innovación procede de mesturas imposibles a primeira vista, e a min o que me interesa nesta miña fase vital é probar novos camiños combinando o incombinable. Por que non? E que sexa realmente anovador ou non xa o dirá o tempo, non eu.
– PdG: O compoñente de sátira tamén é moi relevante neste libro como forma de crítica social…
– JEB: Si, penso que é mester procurar unha mensaxe porque a evasión por evasión xa está moi vista, e lida e sobradamente contada. Ás veces penso que os que defenden a morte da novela como tal se refiren á súa concepción tradicional encadrada nos xéneros e cos mesmos lugares comúns de sempre, algo co que non podería estar máis de acordo se se refiren a iso. Para que a novela non morra hai que procurar novas combinacións, camiños e rangos caracteristicos propios do escritor. (…)”
Ourense: presentación de As sete mortes de Leopoldo Pardo, de Jorge Emilio Bóveda
Jorge Emilio Bóveda, sobre As sete mortes de Leopoldo Pardo
Desde Chamando á Terra, da Radio Galega:
“A entrevista de María Solar a Jorge Emilio Bóveda sobre o seu novo libro As sete mortes de Leopoldo Pardo. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Entrevista a Jorge Emilio Bóveda sobre As sete mortes de Leopoldo Pardo
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Xerais publica As sete mortes de Leopoldo Pardo, a nova aventura de Jorge Emilio Bóveda. Pode escoitarse a entrevista aquí.”