Alba de Gloria no cumio do Pico Sacro 2018, o 21 de xullo

PROGRAMA

12:00 h. Chegada ao Pico e concentración na fonte roubada do Pico Sacro. Recitado dun poema adicado a este monte a cargo do taller de poesía da AVC. Agra do Orzán da Coruña, asociación invitada este ano a partillar a lectura do discurso Alba de Gloria.
12:15 h. A escritora Mercedes Queixas daranos a benvida. De seguido, subida do último treito do cumio do Pico Sacro.
12:45 h. Izado da bandeira e lectura de Alba Gloria. Intervirá pola AC. O Galo de Santiago, Elvira Cienfuegos, ecoloxista; pola AVC Agra do Orzán da Coruña, Belén Núñez Romero e pola AC. Vagalumes da Estrada David Otero, escritor. Canto do himno galego e baixada con visita ás covas da raíña Lupa, e intervención da escritora Iolanda Aldrei sobre as lendas e historia deste espazo.
14:00 h. Actuación do grupo Bico de Mar no adro da capela do Pico Sacro.
– Xantar e roteiro literario pola Ulla
(Organizado por A. C. O Galo, A. C. Vagalumes)
15:00 h. Xantar no restaurante Aldea Grande, en Stª Cruz de Rivadulla (a 300 m do pazo de Ortigueira), telef. 669-523488 e 609-906623; na sobremesa volta a actuar o grupo Bico de Mar.
17:30 h. Saída do restaurante. Ofrenda literaria no adro da igrexa de Berres nos enterramentos de Avelina e Marcial Valladares.
Visita guiada ao pazo de Vilancosta de Avelina e Marcial Valladares.
Recital poético no Areal de Berres á beira do Ulla.

* Xantar:
Para participar no xantar debe aboarse por transferencia antes do día 19 de xullo ás 15:00 h. na conta que se indica no seguinte formulario no que anotarse e escoller o menú.

“O ascenso ao Pico Sagro resgata o espírito de Castelao”

Desde Sermos Galiza:
“Malia a chuvia, foron perto de dúas centas as persoas que asistiron á convocatoria da federación Galiza Cultura, da A. C. O Galo de Santiago e da A. C. Vagalumes da Estrada para ascender ao Pico Sagro e rememorar así o Alba de Groria de Castelao. Unha actividade de marcado carácter reivindicativo que ten lugar desde 2011 e que recupera a subida á montaña, fonte de numerosas lendas e contos populares, de Castelao e outros membros das Irmandades da Fala, en plena ditadura de Primo de Rivera.
Castelao e os membros das Irmandades que aquel 19 de xullo de 1924 coroaban o Pico Sagro “coñecían os mitos asociados a este cume e entendían que a lenda da raíña Lupa, recollida no Códice Calixtino, aínda con todos os seus elementos fantásticos, o que simboliza é a historia, ou mesmo a prehistoria, da nosa nación”, explicou na súa intervención a escritora Marica Campo, a encargada de dar lectura ao manifesto de benvida na chaira da capela deste monte. Unha intervención de marcado carácter literario.
“Cando a montaña é un símbolo”, salientou, “o que importa é a ascensión, a tensión de avance”. “Convídovos a subir ao Pico Sagro, símbolo o seu cumio dos soños do país. Coroalo e coroalos. Agarrando a bandeira, coma funambulistas na corda frouxa, para non perder o equilibrio, para entendermos desde a perspectiva histórica a conexión co futuro”, agregou.
Marica Campo lembrou como as citadas asociacións “pretenden reavivar aquel espírito de outrora para reivindicar que temos que recuperar os nosos, seguir construíndo a historia, ascender á posesión dos atributos propios da dereitos nación que somos” e apelou a que “nada nin ninguén nos coute o ascenso”. “Somos estirpe de liberdade. Temos un lugar na Alba de Groria que Daniel soñou por e para nós. Somos nós. É tempo de chegarmos ao cumio”, finalizou a escritora, cuxa intervención completa está dispoñíbel en Sermos Galiza.
En declaracións a este medio, María Pilar García Negro, presidenta de Galiza Cultura, sinala que a subida ao Pico Sagro, un símbolo do nacionalismo galego desde o citado ascenso de 1924, é “un prólogo á celebración do Día da Patria Galega”. “Desde Galiza Cultura e as asociacións O Galo e Vagalumes, temos todo o interese en resgatar datas significativas da nosa historia e sempre cun espírito non unicamente de recordación, senón de reivindicación e modernización, entendendo por tal que toda a defensa política e patriótica da Galiza que eles fixeron hai case cen anos hoxe continúa tendo non só sentido senón aínda moitísimos máis argumentos a favor”, afirma. (…)”

Xosé Manuel Lobato: “O Pico Sacro sempre foi espoliado, é un gran símbolo pero non está protexido”

Desde Sermos Galiza:
“Alvarellos e a Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio veñen de publicar Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda, un libro coordinado por Xosé Manuel Lobato -presidente desta sociedade- e Miro Villar, que reúne a obra de noventa autores e autoras arredor deste outeiro. Inclúe textos éditos desde Marcial Valladares até Murguía, Suso de Toro ou María Solar; e inéditos xuntados para a ocasión, asinados por autoras como Rosalía Fernández Rial, Xavier Queipo ou Emma Pedreira.
Todo partiu desta asociación, que leva ben anos defendendo e divulgando os valores culturais asociados a este cume. Lobato explica a orixe do proxecto: “Para min é unha experiencia vital porque eu nacín mesmo na aba do Pico Sacro e desde sempre nas miñas lecturas observaba que practicamente todos os autores se referían ao Pico Sacro nas súas obras. Ese foi o aliciente para empezar a investigar e ao final publicamos este libro no que fixemos unha escolma do que hai publicado sobre este monte”.
E hoxe segue a ser unha referenza, afirma Lobato, tanto en obras literarias de Galiza coma de fóra, “porque neste libro temos colaboracións de Portugal e tamén obras tamén en español que traducimos”. E, alén desta obra, Lobato apunta dous libros recentes con presenza importante deste accidente xeográfico: Bótame deste mar fóra, de Ricardo Losada, ou Once portas, de Héctor Cajaraville. Aínda que quizais foi no tempo das Irmandades e do Seminario de Estudos Galegos cando máis atención se lle prestou, Lobato defende que hai probas da súa importancia xa desde os romanos, aparece no Códice Calixtino… “Eu sempre poño o mesmo exemplo: no preito Tabera-Fonseca de 1526 practicamente máis do 8% das testemuñas que declararon nese conflito coñecían o Pico, e moitas eran de lugares ben apartados como Lugo ou Tui”.
Un dos sucesos máis coñecidos arredor deste outeiro é a excursión de Castelao en xullo de 1924, cuxa crónica se glosa tamén no libro. E desde 2011 vense recuperando cun acto que a A. C. Vagalumes e O Galo organizan para lembrar esta visita (este ano será o 22 de xullo) e tamén o ‘Alba de Groria’ no que o rianxeiro dicía así: “Hoxe as campás de Compostela anuncian unha festa étnica, filla, tal vez, dun culto panteísta, anterior ao cristianismo, que ten por altar a terra nai, alzada simbolicamente no Pico Sacro (…)”.