Parlamento das Letras: Baldo Ramos

Entrevista de Armando Requeixo a Baldo Ramos en Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): Se tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria, ¿que trazos salientarías?
– Baldo Ramos (BR): Empecei a escribir sen saber moi ben o que facía. Logo andei á procura das marxes da linguaxe. Dei coa pintura, coa caligrafía, e souben que a poesía é un territorio de creación ilimitado, no que a liberdade é unha escusa para ir sempre máis alá, para estar sempre experimentando. E nestes momentos estou desencantado da escrita convencional, por iso nos últimos tempos o que máis me interesa é esculcar nas posibilidades do libro como soporte, como continente: o libro obxecto, o libro de artista, a edición non seriada… (…)
– AR: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– BR: Ás nosas letras fáltanlles, evidentemente, lectores e máis espazos que fomenten ou acollan iniciativas orixinais. Tamén proxectos que as dean a coñecer aquí e fóra de aquí sen paternalismos nin partidismos. Con profundidade de miras e sen prexuízos extraliterarios. E sobrarlles, ao meu entender, non lles sobra nada. Ninguén pode estar de máis no ámbito da creación, interésenos máis ou menos o seu traballo. E os erros na literatura non deberían provocar condenas, senón revisións e melloras. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– BR: Coido que as nosas letras están a vivir un bo momento creativo, quizais o mellor momento creativo da súa historia. Pero os escritores galegos sabémonos nunha encrucillada. Non nos preocupa tanto ese debate trasnoitado de escribir para que, senón que o noso dilema pasa por atopar resposta á pregunta de escribir para quen. (…)”

Lugo: presentación de Fornelos & Fornelos, de Xerardo Quintiá

O venres 3 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Trama (Avenida da Coruña, 21) de Lugo, preséntase o libro gañador do XI Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, Fornelos & Fornelos, de Xerardo Quintiá, publicado en Espiral Maior. No acto, organizado pola Agrupación Cultural Ergueitos, participan, xunto ao autor, María Casar, Baldo Ramos e Miguel Anxo Fernán-Vello.

Santiago: presentación do monográfico Celso Emilio fai 100 anos

O xoves 26 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o monográfico Celso Emilio fai 100 anos, publicado pola Asociación Arraianos, onde se recolle material inédito do poeta celanovés, un CD dos Labregos no tempo dos Sputniks e as colaboracións de Xesús Alonso Montero, Aser Álvarez, Miguel Castelo, Lois Codias, Carlos Díaz, Isaac Díaz Pardo, Celso Emilio Ferreiro, Luís Ferreiro, Benedicto García, X. L. Méndez Ferrín, Ramón Nicolás, Xaime Quessada, Baldo Ramos, Armando Requeixo, Xosé Benito Reza, Sabino Torres, Miro Villar, Manuel Vilanova e Xosé Vizoso. Intervirán no acto Aser Álvarez, Xoán Xosé Moralejo e Armando Requeixo. Actuarán interpretando temas musicados con versos de Celso Emilio os Labregos no tempo dos Sputniks.

Santiago: Palabra e Cor, acto pictórico e literario arredor de Brais, de Guillerme Coen

O venres 16 de decembro, ás 20:30 horas, na Galería Citania (Rúa Algalia de Abaixo, 39) de Santiago de Compostela, terá lugar Palabra e Cor, programa pictórico e literario ao redor da novela de Guillerme Coen, Brais, publicada en Toxosoutos. Intervirán, xunto ao autor, Baldo Ramos, Manuel Figueiras e Xulio Maside.

Cambados: homenaxe a Luis Fernández Silvoso, exposición e recital poético

O sábado 12 de novembro, ás 20:00 horas, na Galería Borrón 4 de Cambados (Avenida de Galicia), inaugúrase unha exposición en homenaxe a Luis Fernández Silvoso, que permanecerá aberta até o sábado 3 de decembro, na que participan 23 pintores e oito escultores. No acto leranse poemas de Saúl Otero, Miguel Anxo Fernán-Vello e Baldo Ramos.

Revista Atenea, nº 42: Especial Poesía Visual

“A Revista Atenea, publicada polo Ateneo Ferrolán procura ofrecer, en cada número, unha miscelánea de colaboracións rigorosas e atentas aos temas do noso tempo, para elo conta coa colaboración de autores e autoras de Galicia e do resto da península, cunha especial atención a todo o concernente á cultura en galego, que sempre estivo presente na tribuna do Ateneo onde, por riba de todo, se divulgan todas as inquietudes intelectuais do noso país e danse a coñecer as primicias de novas correntes artísticas e literarias. Neste nº 42 da revista trimestral Atenea abordamos a poesía visual, unha forma experimental na que a imaxe, o elemento plástico, en todas as súas facetas, técnicas e soportes, predomina sobre o resto dos compoñentes. Esta forma de poesía no verbal, constitúe un xénero propio, e no campo da experimentación, os seus creadores móvense na fronteira entre os xéneros e as artes, como a pintura, acción poética, o teatro, a música e a mesma lírica discursiva, dando lugar a diversas formas de poética”. Neste novo número colaboran Agustín Calvo Galán, Alfonso Rodríguez, Ana González Moro, Ángels Jornet Sagués, Artemio Lándoas, Baldo Ramos , Bartolomé Ferrando, Corporación Semiótica, Cristina Ferreiro, Jesús García Eiroá, Jorge Chamorro, José Francisco Varela Rial, Eliso, Marisol Gándara, Miguel Ángel Alonso Diz, Paulo Pardo Carrera, Rosanegra e Sergi Quiñonero.

Santiago: exposición con obra pictórica de Baldo Ramos, Aurichu Pereira e Xulio García Rivas

Do venres 30 de setembro ao venres 28 de outubro, con horario de visita de luns a venres de 12:00 a 14:00 horas, e de 18:00 a 21:00 horas, na Galería de Arte Citania (Rúa Algalia de Abaixo, 39) de Santiago de Compostela, exporán a súa obra pictórica Baldo Ramos, Aurichu Pereira e Xulio García Rivas. A inauguración terá lugar o propio venres 30 setembro, ás 20:30 horas.

Santiago: presentación de Materia infinita, de Xoán Carlos Domínguez Alberte

O martes 7 de xuño, ás 20:00 horas, na Sala de presentacións da Editorial Follas Novas (fronte á librería, Rúa Santo Domingo da Calzada, 1 entrechán), de Santiago de Compostela, preséntase o libro Materia infinita, de Xoán Carlos Domínguez Alberte, publicado na colección Libros da Frouma de Follas Novas Edicións. No acto interveñen Luís Alonso Girgado, Anxo Pastor, Baldo Ramos e o propio autor, quen ofrecerá unha lectura dos seus textos.