A AGAL honra José Luís Rodríguez, Montero Santalha e Alonso Estravis

Desde Nós Diario:
“A Associaçom Galega da Língua (AGAL) nomeou en asemblea este domingo 19 de decembro como socios de honra os profesores José Luís Rodríguez, José-Martinho Montero Santalha e Isaac Alonso Estravis, fundadores e aínda membros activos da AGAL.
Pola mañá inaugurouse na presenza de representantes de diferentes colectivos e institucións unha placa conmemorativa para lembrar o acto fundacional cos nomes das 40 persoas que promoveron en 1981 a entidade. Foi no mesmo lugar en que naceu a AGAL hai catro décadas: o Centro Don Bosco de Santiago de Compostela. Alí se realizou en 1981 a primeira asemblea da Associaçom. Naquela data, sinala a entidade nun comunicado, 50 persoas botaban a andar un proxecto chamado a mudar o rumbo da lingua no que supuxo o comezo do movemento reintegracionista moderno e do desenvolvemento sistemático desta escrita.
Aliás, no interior do recinto enterraron unha cápsula do tempo con as avaliacións das persoas participantes sobre a situación actual da lingua galega e mais unha previsión da mesma en 2081. Ese é o ano no que se prevé abrir esta cápsula, a coincidir co centenario da AGAL. O contedor acolle así textos inéditos que só se darán a coñecer dentro de 60 anos.
A xornada continuou cun xantar en que interviron diferentes socias e socios fundadores para lembrar aquel momento fundacional e recoñecer o traballo de toda unha vida desenvolvido por José Luís Rodríguez, José-Martinho Montero Santalha e Isaac Alonso Estravis no seo do reintegracionismo. O proceso de fundación da AGAL foi impulsionado por un numeroso grupo de persoas, moitas delas discípulas de Ricardo Carvalho Calero. Xavier Alcalá, José Luís Rodrigues, Aracéli Herrero, Xosé Ramón Pena, José Martinho Montero Santalha, Maria do Carmo Henríquez Salido, Joám Trilho, X. Rodríguez Baixeras, António Gil, José Maria Monterroso Devesa, Joám Carlos Rábade Castinheira, Joaquim Campo Freire ou Manuel Miragaia Doldám aparecen como algúns dos nomes máis destacados daquel proceso, sinala a AGAL nun comunicado enviado aos medios.
Destacan desde a entidade que, “aínda que algúns deles se desvincularon do colectivo co tempo, sorprende como, logo de 40 anos de traxectoria, moitos continúan vencellados ao proxecto e á causa lusista, ademais de ser fundamentais no desenvolvemento doutros proxectos do movemento reintegracionista”.”

Ferrol: presentación de Ganduxando Vidas, libro homenaxe a Xaquín Campo Freire

Acompañando a Xoaquín Campo Freire, no Ateneo Ferrolán estarán Nieves Espiñeira, Carmen Solloso, Xoán Rubia Alejos e Julia Díaz Sixto. Colaboran neste acto: Asoc C. Xermolos; Irmande Manuel María, Ateneo Ferrolán e Club de Prensa de Ferrol.

Orixes da escrita: Penélope

capela-san-alberte-IIDesde Criticalia, de Armando Requeixo:

Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mól coma unha uva.
Pro tí envólveste en sabas de mil anos,
i en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!

Se hai un territorio emblemático na poética de Díaz Castro ese é o que vai de Parga ata A Pastoriza, espazos ambos os dous que, xunto ao etnotopónimo Galiza, figuran no máis célebre dos poemas do autor: “Penélope” (Nimbos, 1961).
No derradeiro dos serventesios hendecasílabos da composición é onde figuran Parga —que non é outra que a localidade de San Salvador de Parga— e mais A Pastoriza. E é respecto desta última onde ten xurdido certa confusión interpretativa que convén aclarar.
A Pastoriza é un haxiotopónimo que, como xa explicou algún estudoso diazcastriano (velaí, poño por caso, os traballos de Xaquín Campo Freire) non alude nin ao concello da Pastoriza norlugués nin a outras localizacións coruñesas con ese nome, senón ao santuario do San Alberte (así chamado por ser o seu padroeiro) ou da Pastoriza (tamén denominado deste xeito por celebrarse nel unha célebre romaría o primeiro domingo de agosto en honor á Divina Pastora).
A este santuario da Pastoriza ía de romeiro Díaz Castro cando rapaz, tamén de mozo e logo de adulto, tras a Guerra. Daquela, o Tempo que vai desorballando os prados coma sono percorre esa legua escasa para regresar á mandorla na que todo se envolve en sabas de mil anos, nun outono atemporal, un camiño que andan os ventos dando un paso adiante e outro atrás sempre ao carón de río Parga, guieiro fidel que á súa beira leva de San Salvador de Parga ata A Pastoriza, espazo matricial e orixe da escrita nimbada.”