Roberto Abuín: “O comunitarismo é patrimonio inmaterial do pobo galego”

Entrevista a Roberto Abuín en BiosBardia (foto do autor da propia revista BiosBardia):
“A editorial Axóuxere leva desde o 2010 creando pensamento crítico desde Rianxo. Falamos cun dos seus responsables, Roberto Abuín (Rianxo, 1979), sobre unha proposta singular para a lingua galega que vai máis alá dos textos dos libros.
– BiosBardia (B): Cónteme, que é Axóuxere?
– Roberto Abuín (RA): Axóuxere é un proxecto cultural que nace en Rianxo como resposta ao oco que había na nosa produción cultural de ensaio e pensamento crítico. Queriamos poder dispoñer en galego de textos imprescindibles nestas áreas e tamén favorecer que as persoas que están a pensar arestora en Galicia tivesen un lugar onde publicar. (…)
– B: Antes indicábame que había un oco na edición galega de ensaio.
– RA: Correcto. É curioso porque o interese polo ensaio e o pensamento era fundamental na Xeración Nós pero a verdade é que a día de hoxe a maior parte da produción editorial en galego é literaria. O noso interese era reverter esa situación e sermos ambiciosos. Queriamos que os textos relevantes do pensamento crítico da actualidade estivesen accesibles na nosa propia lingua. (…)
– B: Que outros proxectos lle gustaría que nacesen a partir de Axóuxere.
– RA: Hai moitos. Pero quero destacar dous.
Por unha banda, coido que nos fai falta unha revista de pensamento. Unha publicación de pensamento crítico mais feita cun criterio moi plural. Coido que nos falta en xeral dialogar, entender os argumentos das persoas que pensan diferente a nós. Conseguir un espazo de debate razoado é unha arela á que non renunciamos.
E pola outra, gustaríame moito que se crease unha comunidade de aprendizaxe, a nivel galego, que favorecese o intercambio e o diálogo entre creadores. Que viñesen escritores galegos e doutros lugares e falasen de creación. Unha convivencia semellante á que se establecía nos seminarios de verán do Laboratorio de Formas de Sargadelos. Converter a Rianxo no primeiro punto de desenvolvemento do pensamento crítico e que desde aquí a iniciativa fose sumando outros espazos para crear unha rede galega.”

Biosbardia celebra o I Torneo de Duelistas

Desde BiosBardia:
“Quince escritoras e escritoras na busca da gloria. Duelos de relatos cada semana. Unha liga que logo se converte nun torneo do KO. Só pode quedar un nesta batalla de teclados.
O I Torneo de Duelistas é unha competición de narrativa curta feita cun sistema semellante á Liga dos Campións do fútbol europeo. Cada autor e autora terá que competir con outro ou outra por gañar en cada xornada co seu relato. Serán os compañeiros e compañeiras de torneo quen voten polo relato gañador. Iso si, sen saberen nunca quen é o autor de cada relato até o final da xornada de votacións.
Todas as semanas, Biosbardia publicará os relatos de cada xornada que os autores e autoras estiveron preparando nos sete días anteriores. As historias non deben superar as 500 palabras e han cinxirse dalgún xeito a un tema prefixado e coñecido polos duelistas.
Unha vez publicados, os demais participantes na liga deben votar e comentar cal dos relatos de cada xornada lle parece merecedor da vitoria en cada duelo. O público en xeral tamén pode facer as súas valoracións e incluso votar na enquisa do twitter cuxo resultado final tamén se publicará todas as semanas.
O obxectivo do torneo de duelistas é difundir a literatura a través da rede, aprendermos entre todos a mellorar a expresión narrativa e, sobre todo, a pasalo ben.
Nesta primeira edición participan quince autores e autoras. Eva Moreda, Sabela González, Pablo Fernández Barba, Tomás González Ahola, Lois Pérez, Xosé Duncan, Marcos López, Lois Z, Lómeron, Ana Vigo, Susi Ons, César Lorenzo Gil, David Botana, Raúl Santos e Erica Couto. Os duelos da primeira xornada publicaranse o mércores, 25 de outubro e hanse publicar todos os mércores até a derradeira xornada de liga.

Bases do torneo

Convocatoria
O Torneo de Duelistas de Biosbardia é unha competición entre escritores, composta por un conxunto de duelos de relatos curtos, estruturados en base a certas características. A cerna do Torneo son os comentarios ós relatos, non os relatos en si.
Relatos
Os relatos deberán ter entre 150 e 500 palabras, sen incluír o título. A organización resérvase o dereito de aceptar algún relato que non cumpra esta norma por unhas poucas palabras, pero farase público este incumprimento para que os votantes teñan en conta isto, se queren, na súa valoración.
Os relatos deben ser orixinais e inéditos, e deben tratar o tema proposto para o seu duelo, polo menos de forma tanxencial. Serán os votantes e non a organización quen penalicen, cada un segundo o seu criterio persoal, o cumprimento este apartado.
Desde a convocatoria dos duelos, os contendentes disporán de sete días para enviar o relato co que se baterán. Cada participante ten dereito a pedir ao longo do Torneo un máximo de dúas prórrogas de tres días para enviar o seu relato. Nese caso o seu rival disporá automaticamente do mesmo tempo de prórroga sen que lle conte como utilizada.
Os relatos enviaranse ao correo biosbardia@gmail.com. Agradécese que cada participante especifique no “asunto” do correo todos ou algún dos seguintes datos: o seu nome, o do seu rival, a xornada á que pertence e o tema do duelo.
O anonimato dos relatos será parcial. Será pública a identidade dos dous duelistas, pero non se revelará ata a fin da xornada de votacións quen é o autor de cada relato.
Organización dos duelos
O Torneo componse de dúas fases: unha fase clasificatoria e unha fase eliminatoria.
Na fase clasificatoria estableceranse varios grupos en función do número de inscritos e xogarase unha liga por grupo. En cada liga enfrontaranse en sucesivos duelos todos os membros de cada grupo. Estes duelos organizaranse por xornadas.
Ao remate da fase clasificatoria calcúlase a posición de cada duelista en función do número de vitorias dentro de cada grupo. En caso de empate pasará diante o autor que gañase o duelo que os enfrontou a ambos. Os dous primeiros postos de cada grupo darán acceso á fase eliminatoria.
En cada duelo da fase eliminatoria a vitoria dá acceso á seguinte rolda (cuartos de final, semifinal ou final).
A temática de cada duelo será sorteada pola organización entre as enviadas polos participantes no correo de inscrición ao Torneo. As temáticas dos duelos da primeira fase coñeceranse simultaneamente á presentación do calendario definitivo.
Votacións e resultados
En cada unha das roldas os autores disporán de sete días para ler e valorar os duelos.
Todos os participantes están obrigados a votar de maneira pública en todos os duelos, salvo aqueles nos que participen como duelistas. A votación realizarase nomeando o título do relato que se considere gañador do duelo. A votación deberá ir acompañada dun comentario no que se valoren ambos relatos e se xustifique brevemente a elección dun relato sobre o outro.
Os votantes poden debater libremente durante o período de votación se un relato cumpre ou non cumpre co tema, así como calquera outro aspecto literario que desexen abordar, sobre os relatos ou sobre a valoración doutros votantes, pero sen menosprezar a opinión dos comentaristas nin o traballo dos autores. Cada votante pode empregar o seu propio criterio persoal de valoración, sempre que se axuste a razóns literarias, sexan de forma ou de contido.
O público en xeral tamén pode comentar e opinar, a través dos comentarios e votar na enquisa do twitter. Os votos do público do twitter non serán vinculantes pero si se publicarán nas redes sociais de Biosbardia.
Composición dos grupos
Grupo A: Ana Vigo, Lois Pérez, Lois Z, Xosé Duncan
Grupo B: Susi Ons, David Botana, Raúl Santos, Lómeron
Grupo C: Eva Moreda, Marcos López, Sabela González, César Lorenzo
Grupo D: Tomás González, Erica Couto, Pablo Fernández
Calendario da fase de grupos
Primeira xornada
Grupo A: Ana vs Lois Pérez (Todo por unha barra de pan)
Grupo A: Lois Z vs Duncan (Verba)
Grupo B: Susi vs David (As bicicletas)
Grupo B: Raúl vs Lómeron (Non existo)
Grupo C: Eva vs Marcos (Dentro de)
Grupo C: Sabela vs César (Sedición)
Grupo D: Erica vs Pablo (Tempo)
A data límite para entregar o relato desta xornada é o 23 de outubro ás 23h59
A data límite para comentar os duelos desta xornada é o 30 de outubro ás 23h59
Segunda xornada
Grupo A: Ana Vigo vs Lois Z (Roubaron na parroquia)
Grupo A: Lois Pérez vs Ducan (Tempo de reacción)
Grupo B: Susi vs Raúl (Vello Oeste)
Grupo B: David vs Lómeron (Lactancia)
Grupo C: Eva vs Sabela (Coche detido á beira da autovía)
Grupo C: Marcos vs César (Impulso primario)
Grupo D: Pablo vs Tomás (Singularidade)
A data límite para entregar o relato desta xornada é o 30 de outubro ás 23h59
A data límite para comentar os duelos desta xornada é o 6 de novembro ás 23h59
Terceira xornada
Grupo A: Ana vs Duncan (Balea)
Grupo A: Lois Z vs Lois Pérez (Fútbol)
Grupo B: Susi vs Lómeron (Maternidade/Paternidade)
Grupo B: David vs Raúl (Manual da piratería de repolos)
Grupo C: Eva vs César (Natureza)
Grupo C: Marcos vs Sabela (Tempus fugit)
Grupo D: Erica vs Tomás (Lumes e fogueiras)
A data límite para entregar o relato desta xornada é o 6 de novembro ás 23h59
A data límite para comentar os duelos desta xornada é o 13 de novembro ás 23h59
Compendio de temas:
Susi: Fonte de zorza(1), Cantos non rodados(2), Manual da piratería de repolos(3), Zumo cósmico(4), Antibohemio 2.0(5)
Eva: Verba(6), Materia(7), Experimento(8), Tradución(9), Obxecto(10)
Erica: Cordas(11), Veganismo(12), Aves parasitas(13), Lumes e fogueiras(14), Banda de música(15)
Raúl: (Des)Amor(16), Soidade(17), Tempo(18), Soños(19), Cine(20)
Pablo: Infancia(21), Medrar(22), A norte(23), A masturbación(24), As bicicletas(25)
Botana: Capote(26), Ensiladora(27), Cadeas(28), Singularidade(29), Paranoia(30)
Lois: Rol(31), Transición(32), Espiral(33), Eterno retorno(34), Tempo de reacción(35)
Lome: Tempus fugit(36), Fobia(37), Escrito nos astros(38), Castigo(39), Roubaron na parroquia(40)
Ana: Paternidade/Maternidade(41), Mentiras(42), Natureza(43), Deporte(44), Música(45)
Duncan: Coche detido á beira da autovía(46), O club dos suicidas inútiles(47), Todo por unha barra de pan(48), Condutor de bus psicópata(49), Barco á deriva(50)
Marcos: Impulso primario(51), Triunfo(52), Traballo lixo(53), Amor romántico(54), Vello Oeste(55)
César: Parroquianas(56), Auga de Valencia(57), Espazo(58), Sedición(59), Fervenzas sen auga(60)
Sabela: Inverno(61), Balea(62), Lactancia(63), Metamorfose(64), Ordenador(65)
Tomás: Dentro de(66), Semana(67), Non existo(68), Un mundo(69), Curro(70)
Lois Pérez: Soños(71), Distorsión(72), Malentendidos(73), Fantasía(74), Fútbol(75).”

Héctor Cajaraville: “Empecei a escribir con 40 anos; tres historias ao mesmo tempo”

Entrevista a Héctor Cajaraville en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Once portas é unha novela curta na que se mesturan a historia e a intriga. De onde xorde a idea?
– Héctor Cajaraville (HC): Do cansazo de escribir… Explícome. Cando rematei de escribir as miñas primeiras tres obras, que fun facendo todas a un tempo, quedei extenuado e busquei descanso na lectura. Fun á biblioteca pública de Santiago e atopei un libro que falaba sobre a muralla da cidade. Eu nacín en Santiago, vivo en Santiago e coñezo o que quizais sabe todo o mundo, que Compostela tivo muralla e que só queda un anaco do lenzo á altura de Mazarelos. E mentres lía aquel libro decatábame de que alí había unha historia, unha historia que tiña que contar. Un punto de partida para inventar unha novela. (…)
– B: Quéixase Manuel Gago de que en Galicia, en especial en Santiago, todos os temas históricos están ofuscados polo monotema: o Camiño e o mito do Apóstolo. Vostede demostrou en Once portas que hai marxe de variación.
– HC: En xeral, a cultura galega debe fuxir de pensar que só ten un ou dous temas relevantes de verdade. E xa falando concretamente de Santiago, coido que esta cidade, que é tan miña e que tanto adoro, ten un poder simbólico sobre todos os galegos; cando falamos de Santiago é raro que algún galego non se sinta identificado, pola pegada na súa biografía, pola súa forza, pola historia… A min interésame tamén ver como Santiago foi mudando nas últimas décadas. Como o cambio social e urbanístico provoca outras dialécticas, outros conflitos. Santiago, por exemplo, é hoxe a cidade na que se viviu o accidente de Angrois, a cidade do asasinato de Asunta Basterra. Estas novas realidades que foxen talvez dos tópicos sobre a historia da capital, parécenme moi interesantes e dignos de servir de temas para novelas. (…)
– B: Xa me dixo antes que cando se pon, ponse a escribir en serio. É de corrixir moito?
– HC: Corrixo a medida que escribo. Agás no caso de Once portas, que si revisei a reformulei a fondo, o meu método consiste en ir avanzando pasiño a pasiño, capítulo tras capítulo que reviso conforme o vou incorporando ao volume. Así ao final xa teño o texto corrixo e rematado e xa non volvo sobre el.
– B: E ten persoas de confianza que lle len os orixinais?
– HC: Non só iso. Tamén me propoñen temas sobre os que escribir. Eu son unha persoa que me gusta ese tipo de desafíos. Ás veces as historias veñen para ti de dentro de ti pero outras veces non teño medo en ilas buscar ou en escribir sobre aquilo que me propoñen que escriba. (…)”

Emma Pedreira: “As galegas levamos a retranca na cana do óso desde a prehistoria”

Entrevista a Emma Pedreira en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Bibliópatas e fobólogos é un libro que fala de libros. Os libros como xeito de explicar a existencia. É quizais ese o principal valor da literatura?
– Emma Pedreira (EP): Se nos poñemos filólogas, debería botar man do aprendido na carreira e dicir que a literatura está feita para aquilo do docere et delectare (ensinar e deleitar), algo que sigo ao pé da letra en todo o que busco, como lectora e como escritora. Pero a literatura e a súa función dependen de moitas máis cousas; do momento, da formación, da facultade de espellar, das expectativas (e falo sempre tendo en conta a biface persoa lectora/persoa escritora). Se nalgún momento da vida a literatura puido ensinarme a aprenderme, agora abonda con que me satisfaga nos máis primarios sentidos. Sexa no momento que sexa ou desde o recanto vital que for, para min os libros sempre son e serán fascinantes.
– B: Neste volume optou por intercalar o formato curto co moi curto. Non sei se se sente cómoda con etiquetas como micronarrativa.
– EP: Eu síntome cómoda escribindo. Punto. Non escollo abeirarme a ningunha proposta nin pegar na fronte unha etiqueta antes de poñerme a escribir. Vaia, hoxe teño o corpo de microrrelato resultón con tendencias modernistas, e aí vén o texto. Coido que as etiquetas veñen pola banda da recepción, non da emisión. Correspóndenlle á xente que nos le e valora o noso traballo. Eu emito unha mensaxe a través dunha canle, cífroa; a maneira que me apoñan despois de descifrala xa non é tanto cousa miña como pode selo o traballo de codificación, o sentido crítico e a complicidade lectora fan o resto. Por iso o certo é que o mínimo, o curto, o micro, si levan consigo un código específico pero tamén unha consideración moi activa da persoa que le porque a microficción pretende a retroalimentación para que o texto e a súa mensaxe se abran –ou se pechen- para “acabar de facerse”. Niso parécese á poesía, na confianza que depositamos en quen le para que a mensaxe se decodifique. É máis íntima aínda a relación entre poesía e relato se á poesía lle aquelamos o de “en prosa” e ao relato o de “micro”, porque aí se eslúe unha ínfima fronteira, pero non, aínda así son lugares diferentes que requiren de formacións e experiencias diferentes e non teñen por que funcionar os textos poéticos na narrativa e viceversa. (…)
– B: Vostede publica desde que tiña 20 anos. Daquela foi encadrada na xeración poética dos 90. A este respecto interésame coñecer que pensa sobre a influencia daquel tempo literario sobre a cultura contemporánea galega. Foise mitificando aquela época conforme se afasta? Tiveron que loitar vostedes, as escritoras daquel tempo, para individualizar a súa visión literaria?
– EP: A primeira vez que me apuxeron unha etiqueta foi nese momento. Publiquei o meu primeiro libro antes de rematar a década dos 90 e alí me pegaron na fronte o colante de “Poesía de muller” que foi como se nos denominou ás mulleres que publicamos no momento, como escindindo as voces femininas das masculinas e creando un subgrupo programado para traballar xuntas. Eu estaba no momento do arranque, do querer aprender e ser aconsellada e non me molestou. Tiña vinte anos e a aceptación no mundo adulto é importante nesta idade, tomeino como algo iniciático e conformeime con esa consideración porque non me pareceu pexorativa. Agora mesmo continúa a parecerme algo circunstancial e froito do boom das voces femininas daquela década, pero, xa con perspectiva, paréceme que considerar que o fenómeno era algo novo ensombreceu o esforzo das que traballaron antes ca nós. Tamén hai que dicir que somos un país mitómano e, dentro da literatura o mito é fundamental, así que como non mitificar cada paso dado se deixou pegada e foi exitoso! Queda aí o que pasou nos 90 para apreixalo e aprender e, por suposto, para manter a convivencia porque as autoras dese momento aínda somos novas e nos queda moito por traballar. O bo é que o traballo e o tempo foron destrenzando aquel pack literario e puidemos ir mantendo os nosos discursos persoais, que é doado localizarnos como poetas dos 90 pero tamén enunciar os nosos nomes individualmente. Iso solidifica cada un dos nosos discursos persoais. (…)”

María Solar: “En Galicia véndense mellor os meus libros en galego ca en castelán”

Entrevista a María Solar en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Cales son os obxectivos de Chamando á terra?
– María Solar (MS): Queremos facer un magazine sobre libros baseándonos en dous xéneros xornalísticos que favorecen esa invitación permanente á lectura: a entrevista e o comentario. Para iso conto con tres colaboradoras que me parecen perfectas para ese labor de recomendación, para abrirnos o apetito por achegarnos á libraría e ler en galego. Montse Pena, que é unha crítica con ampla experiencia e moi recoñecida, atende principalmente a literatura infantil e xuvenil, a que, para nós é, seguindo as palabras do mestre Agustín Fernández Paz, unha literatura que se pode ler a todas as idades. Malores Villanueva, que agora é editora en Galaxia, leva moito tempo asesorando a editoriais para a publicación de orixinais e estou convencida de que nos vai descubrir lecturas de hoxe e de onte moi suculentas. Alba Cid é unha poeta cunha gran bagaxe académica, unha das grandes coñecedoras das nosas letras a pesar da súa mocidade. Gústanos combinar a accesibilidade co rigor literario para que todos os públicos se sintan representados na nosa proposta. (…)
– B: Era unha rapaza que soñaba con ser escritora?
– MS: Si. Cando era adolescente escribía moito; gustábame moito. É nesa idade cando desenvolvemos o interese pola literatura. Por iso me interesa tanto ese público. Por iso me gustaría que a relación entre a mocidade e a lectura se dese dun xeito máis natural. Non pode ser que haxa unha taxa de lectura na adolescencia e que logo se perda ao deixaren o instituto. Dáme a sensación de que se xogan todas as cartas ao mercado das recomendacións escolares e esa é unha vía perigosa. Hai moitos profesores que len pero tamén hai moitos que recomendan sen criterio. Algo falla na transmisión de interese pola lectura. Eu non sei como mudalo. Seguramente non nos corresponde aos escritores mudalo pero que algo falla é evidente.
– B: Escribe todos os días?
– MS: Intento facelo acotío. Pero non son unha persoa que escriba moito. Ás veces abráiame encontrarme con escritores que me din que a noite anterior redactaron 20 páxinas!! Eu gardo durante moito tempo as historias na cabeza e plásmoas no papel cando xa están maduras. Escribo case coma unha poeta, corrixindo frase por frase pero en realidade toco pouco o texto porque xa sae bastante procesado. Prefiro ir amodo pero moi segura. Non sei se é a maneira convencional de facelo. Recoñezo que son algo escéptica cos obradoiros literarios. De verdade hai un método para escribir? Dubídoo.
Coido, en todo o caso, que me organizo moi ben a diario e este xeito de escribir axúdame. Son quen de atender o traballo, coidar do meu neno pequeno, ler e tamén escribir. Aínda que haxa quen o pon en dúbida. (…)”

Amadeo Cobas: “Hai que acompañar a calidade literaria coa busca de lectores”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Amadeo Cobas en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Co’A cacería, vostede gañou o Premio Cidade Centenaria de Ribeira. Que foi primeiro, o libro ou a convocatoria?
– Amadeo Cobas (AC): Non. Eu tiña o libro escrito e andaba nesa fase de dárllelo a ler ás miñas amizades. E foi a miña grande amiga, tamén escritora, Clara do Roxo, quen me falou deste certame. Xa te podes figurar como é presentarte a un premio. Ti deixas alí o orixinal, esperas, case que te esqueces da historia e de repente un día chámante e dinche que es o gañador. Para min foi unha grande alegría porque me permitiu publicar con Xerais, unha editorial coa que levaba tempo querendo traballar. Eu fun editor e sei do importante que é, como autor, estar no catálogo dunha das grandes.
– B: Como xorde esa historia prehistórica que se conta n’A cacería?
– AC: Xorde no Pireneu. Cando vivín en Aragón, ir á montaña pirenaica foi o meu xeito de aproximarme a Galicia. Aragón é un lugar máis ben árido, moi influído polo deserto dos Monegros. Así que o verde haino que ir procurar ás serras. Alí encontrei unha paisaxe que, por unha banda, me recordaba ao da miña terra e tamén descubrín unha afección que me acompaña até hoxe: camiñar. E nesa experiencia foi aparecendo esta historia, na que a montaña está moi presente. (…)
– B: Cal é a súa rutina creativa?
– AC: Depende do momento no que a obra estea. No primeiro momento vou construíndo o relato na miña cabeza. Doulle forma dun xeito primeiro desordenado, que se vai sistematizando pouco e pouco. Aproveito moito as camiñadas para ordenar ideas. Moitas veces vou polo medio do monte e teño que parar para anotar unha cousa. Incluso houbo veces de suspender unha excursión porque tiña que voltar á casa con urxencia e escribir.
Cando a obra xa está máis ou menos documentada e xa teño unha idea do que quero facer, escribo, a man, o primeiro texto, case toda a primeira escritura fágoa así, nun caderno e lonxe dunha mesa. Só cando está case todo rematado, paso o manuscrito ao ordenador.
– B: É vostede un escritor que estrutura o traballo ou vai creando a dinámica da obra conforme a vai escribindo?
– AC: Eu antes de poñerme a escribir unha liña sei como empeza, como acaba, cantas páxinas (máis ou menos) vai ter, que van facer os personaxes… Necesito ter todo controlado. Por unha sinxela razón: non quero sentir nunca a síndrome da folla en branco, notar que non sei cara a onde vou. (…)”

Luís Álvarez Pousa: “A prensa en galego ten pendente facer a concentración parcelaria”

Entrevista a Luís Álvarez Pousa en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Non parecen bos tempos para a prensa. Se a iso lle sumamos o idioma galego e o formato papel…
– Luís Álvarez Pousa (LAP): Si é certo que hai moitas complicacións. Seguramente, a principal é a dificultade para gañar lectores compradores. Vivimos nun paradoxo. Unha parte da sociedade reclama unha prensa independente, libre dos atadullos co poder económico e político, que cree unha axenda informativa propia… Mais cando xorden eses medios, cando existe unha oferta de cabeceiras que cumpren esas premisas, non conseguimos que se sumen ao proxecto esas mesmas persoas que as reclama. (…)
– B: Considera vostede que malia os cambios da dixitalización, os xéneros xornalísticos estrela seguen a ser os mesmos: entrevista e reportaxe?
– LAP: En Tempos, as necesidades de dimensionar o noso tamaño e aspiracións ás nosas posibilidades estruturais fixo que a día de hoxe prime quizais máis a opinión sobre a información pero o noso interese primordial e orixinario era xustamente exercer os xéneros clave do xornalismo: a investigación, a entrevista en profundidade e o informe. Velaí a nosa hemeroteca para demostralo. A nosa revista destapou a corrupción na Fundación Camilo José Cela e durante moito tempo, publicamos entrevistas en exclusiva con intelectuais de esquerda dos EUA.
Durante ese tempo de dificultades tivemos que renunciar ao noso obxectivo de ter unha redacción profesionalizada pero coido que estamos outravolta no camiño de conseguila. Cómpre que os protagonistas dos contidos da revista sexan os xéneros xornalísticos máis interpretativos e valorativos. Proba diso é que volvemos contar cunha das nosas seccións máis representativas, o debate público. Días atrás celebramos un coloquio aberto sobre o presente e funcións do Centro Dramático Galego con grande aceptación. Acto que, por certo, non atenderon os medios diarios galegos nin poñendo unha mención na axenda. (…)”

“Canto se reescribe na literatura galega?”, por Eva Moreda

Artigo de Eva Moreda en BiosBardia:
“(…) Aceptada (por intuición máis que por evidencia rigurosa) a hipótese de que na literatura galega non se reescribe moito, podemos preguntarnos por que e se isto é bo ou malo. Podemos aventurar que é unha simple cuestión de gustos motivada por diferenzas culturais, como hai moitas outras. No sistema anglosaxón a tendencia (con excepcións) é a reescribir. Algúns autores falan de cincuenta reescrituras. O resultado son textos traballados e batanados. Causa ou se cadra consecuencia destes diferentes xeitos de pensar son as diferentes paisaxes editoriais. Noutros sistemas, o editor ou o axente literario opinan sobre o texto e o modelan (aínda que cada vez con máis frecuencia este labor se ve terceirizado a servizos de pago que custea o autor antes de enviar o seu texto para publicación). En canto ao sistema literario galego, xa falei máis arriba da miña experiencia, aínda que me comentan que algunha editorial si que intenta intervir máis directamente sobre o texto en troques de limitarse a peneirar o que xa lles chega presuntamente terminado. A dependencia que o noso sistema ten dos premios seguramente tamén coarta o labor editorial. A ninguén lle gustaría que premiasen a súa novela para despois ter que reescribila. Nun dos primeiros premios que gañei, os organizadores dixéronme que algunha vez tiñan probado a orientar os gañadores antes da publicación. Cun par deles non saíra ben e a partir de entón premiaban só obras que puidesen publicarse sen moitos cambios ou deixaban o premio deserto. Pero coido que só se atreveran a probar a vía da reescritura porque era un premio para rapaces novos, non para adultos que puidesen reaccionar mal.
No mundo anglosaxón tamén proliferan os cursos e titulacións de escritura creativa, nos que o lema (á parte do manido e pouco útil show, not tell) parece ser “escribir é reescribir”. Posto que non teño contacto coas escolas e cursos de escritura creativa que apareceron nos últimos dez anos en Galicia, non sei se seguen tamén este lema. De ser así, se cadra poderiamos ver algún desenvolvemento interesante no futuro. (…)”

Xosé Miranda: “Son un escritor melancólico e imaxinativo”

Entrevista a Xosé Miranda en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Viaxemos ao principio. Cando empezou a ser consciente vostede do feito literario?
– Xosé Miranda (XM): Cando era pequeno, na miña casa había libros. Meus pais tiñan o bacharelato concluído e recordo obras de Gustavo Adolfo Bécquer, de Lope de Vega… Incluso había libros en galego, de Ánxel Fole, por exemplo. Mais para min foi moi importante a oralidade. Loxicamente, coma en calquera casa daquel tempo, había familiares que contaban contos, había os romances de cego. A televisión chegou moi tarde á miña vida. Había unha soa en todo o barrio e iamos todos ver “El virginiano”. Recordo moi vivamente xuntármonos os amigos para escoitar argumentos de películas. Un de nós ía ver a película ao cine porque nin todos tiñamos diñeiro para facelo, e pasabamos horas e horas a escoitar de que ía. Aqueles filmes de dúas horas medraban e medraban, recreados por nós.
– B: Que primeiros libros marcaron o seu eu escritor.
– XM: Eu tiña familia no Brasil. Os meus avós e os meus tíos tiñan unha cadea de librarías alá e de cando en vez chegaban libros. Recordo ler o Tintín en brasileiro mais, sobre todo, unha edición do Tom Sawyer, de Mark Twain. Papeino compulsivamente. Non era quen de facer outra cousa ca ler nel. Ese libro, que debín ler con 12 anos en portugués, foi o que me fixo pensar por primeira vez en que eu quería ser escritor para poder contar cousas coma aquela. (…)
– B: Que tipo de escritor é: dos que fan esquema?
– XM: Para nada. Non son capaz. As historias fermentan na miña cabeza. Hai ideas que pairan no cerebro durante anos, cando me poño a escribilas, saen dunha maneira compulsiva. Si podo saber de onde parten e cara a onde quero que desemboquen, pero polo medio non sei nada. Para min, a obra ten que ser autónoma, os personaxes independizárense do autor e cada páxina, un misterio para o propio autor que vai desentrañando a medida que o escribe. É que, se non, eu aburriríame moito. Eu son un escritor melancólico e imaxinativo que intento seguir e cumprir as miñas obsesións.
Eu doulle moita importancia á trama. Ten que ter consistencia e ser esixente na súa construción. Non digo con isto que non se poida facer literatura sen trama pero eu necesito contar algo, non escribir por puro artificio.
Mais non hai literatura sen lingua. Son seguidor de Eduardo Pondal nese sentido: “Eu quero escribir nunha lingua de ouro”. Para min, a literatura é tamén un xeito de evitar que se perdan formas da fala que están en perigo por falta de uso. Non entendo escribir simplemente para reproducir vulgarismos ou castelanismos. Non vale para min ese modelo de literatura baseado en moi poucas palabras. Temos un vocabulario rico e preciso. Non existen os sinónimos, en realidade. Cada palabra ten o seu lugar propio e é tarefa do escritor saber en que momento usar cada unha. Coido que isto pódese chegar a facer sen dificultar a lectura. (…)”

Miguel Sande: “Gústame mover os marcos entre os xéneros literarios”

Entrevista a Miguel Sande en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Mais esta novela [A candidata] non é de acontecementos, máis ben é de pensamentos. Está construída, en gran medida, en base a monólogos interiores. E o peso lévano dúas figuras femininas, ademais. Que dificultades ten pórse no corpo dunha muller e contar as súas emocións máis íntimas?
– Miguel Sande (MS): Eu non atopei dificultades por mor do xénero. O importante para min era dar coa voz e coa ollada. Iso é o que me importa da literatura. Neste caso, coido que o maior desafío foi converter en lírica esa intimidade, en especial a da filla. Eu tiña claro que quería afondar no máis recóndito de si pero debía evitar que o texto acabase sendo escatolóxico. Hai pasaxes que, de escribilos sen esa estratexia poética, habían parecer antiliterarios. E nese sentido, a min vénme ben ser amais de narrador, poeta e autor de teatro. Gústame mover os marcos entre os xéneros literarios. No noso tempo cómpre saber pular as fronteiras expresivas. A miña parte de dramaturgo está moi presente na construción do monólogo, que é un xénero dramático ben recoñecido xa. A miña faceta poética valeume para construír o universo das personaxes cunha altura que a cotidianidade non me daba por si mesma. Sinceramente, para min o máis difícil é xustamente iso: atopar o ton idóneo para contar as cousas que quería contar con altura literaria. Deille moitas voltas antes de chegar ao resultado final.
– B: Explíqueme a que se refire con “atopar a voz e a ollada”.
– MS: É o que eu denomino Teoría da Lúa. Canto tempo hai que a humanidade olla para a lúa? Velaí está desde sempre. Desde sempre miraron para ela os seres humanos e desde sempre escribiron sobre o que vían. Ninguén que olle para a lúa e ignore o que xa se escribiu sobre ela pode chamarse escritor. O importante, en realidade, non é a lúa senón a ollada. A ollada é a parte da escrita na que temos que traballar para intentar conseguir dicir algo novo. Nesta novela, a voz da filla era a que eu consideraba crucial para encontrar esa novidade: tanto por esa intimidade da que veño falando como pola parte política da que se fala nese tramo. (…)
– B: Vostede é xornalista. Ultimamente son moitos os colegas de profesión que publican literatura, principalmente por mor da crise, que os deixou con máis lecer do que habían desexar. Incluso a profesora Dolores Vilavedra prognostica que no futuro inmediato esa impronta profesional hase notar na escolla de temas e de estilos. Está de acordo?
– MS: Non sei. Si é certo que hai máis xornalistas sen traballo e que iso pode motivar que teñan máis tempo para escribir literatura. Pero non acredito en que haxa un tipo de literatura “de xornalista”. O que si penso é que durante moito tempo a literatura galega mostrou unha realidade acomodada. Os temas que primaron eran os propios de quen ten máis ou menos a vida resolta. Coido que no futuro si intervirán novas voces que viven o paro e a precariedade, novos ámbitos narrativos aos que as nosas letras foron alleos nos últimos tempos. (…)”