Entrevista a Miguel Anxo Fernández, premio Blanco Amor de novela longa

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“O escritor e investigador cinematográfico Miguel Anxo Fernández visita o estudio do ‘ZigZag Diario’ para falar dun dos seus traballos máis recentes Blues para Moraima, premio Blanco Amor de novela longa na 35 edición dos galardóns. O libro traslada unha visión do exilio próxima á experimentada polo autor de A Esmorga, achegándolle ao lector a historia dun cineasta exiliado que traballa nunha serie sobre a memoria histórica, para tratar ademais temas como a Guerra Civil, o exilio ou a diáspora. Pode accederse á entrevista aquí.”

Tabela dos Libros de maio de 2017, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Como cada mes, chega a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Miguel Anxo Fernández gaña o XXXV Premio Blanco Amor coa novela Blues para Moraima

DesdeMiguel Anxo Fernández a Deputación de Ourense:
“O escritor, ensaísta e investigador cinematográfico Miguel Anxo Fernández (O Carballiño, 1955) foi o gañador do XXXV Premio de Novela Longa Eduardo Blanco Amor coa obra Blues para Moraima. O xurado do certame que organiza a Deputación de Ourense deu a coñecer hoxe seu ditame, elixindo por maioría a obra do escritor carballiñés de entre 22 novelas presentadas ao premio.
O galardón, cunha dotación económica de 12.000 euros, foi concedido polo xurado á obra de Miguel Anxo Fernández, destacando da novela Blues para Moraima “a axilidade narrativa, o tratamento histórico dunha época e a introdución do tema do cine e a televisión como canle de desenvolvemento dunha intriga que atrapa ao lector”. Asemade, o xurado destaca na acta “o punto de vista sobre o exilio e a vivencia artística desde a diáspora, factor de coincidencia coa biografía de Eduardo Blanco Amor”, e expresa a súa satisfacción polo mantemento deste premio grazas á Deputación de Ourense, “contribuíndo de xeito decisivo á súa consolidación”. (…)
O xurado, que deu a coñecer seu ditame no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” estivo integrado por polo poeta, Luís González Tosar, presidente; a crítica literaria, Ánxela Rodríguez, secretaria; os profesores, Ramón Gutiérrez e Luciano Rodríguez; e a escritora Inma López Silva, como vogais.
A entrega do galardón terá lugar o vindeiro 1 de decembro no Liceo de Ourense -coincidindo co trinta e sete cabodano do autor da Esmorga-, acto no que o premiado recibirá, xunto á achega económica do premio, unha escultura do artista ourensán Acisclo Manzano, realizada especialmente para este premio. (…)”