Crónica videográfica da XVII Xornada de Literatura de Tradición Oral 2024 (3)


A XVII Xornada de Literatura de Tradición Oral. Daquelas que cantan é unha iniciativa da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, tivo lugar o 19 de outubro no Salón de Actos da Deputación de Lugo (Rúa San Marcos, 8).

Aquí pode verse a crónica videográfica, da que publicamos hoxe os seguintes vídeos:

As autorías na música tradicional, con Ugia Pedreira:

Tradición e corazón, con Xiana Lastra:

Mesa redonda Cantar e crear a partir da tradición. As liñas de fuga, con Branca Villares, Ugia Pedreira e Xiana Lastra:

Canta, miña compañeira. Proposta para honrar a tradición oral das mulleres. Manifesto da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG

Destacado

Nas Letras Galegas do 2025 honraremos a oralidade: recoñecer a poesía da tradición oral das mulleres como elemento fundamental na transmisión da cultura e língua galegas supón unha validación longamente agardada por un amplo tecido cultural de base do país. Tamén supón un recoñecemento ao importante traballo de investigación e divulgación realizado á marxe das institucións oficiais por numerosas persoas particulares, asociacións e colectivos que permitiron que esta  herdanza do pobo galego chegase ata nós hoxe.

A Sección da Literatura de Tradición Oral da AELG ten unha ampla traxectoria en relación coa recuperación e estudo destas manifestación literarias, que deberan ter a mesma consideración que a produción escrita. Froito da experiencia, propoñemos unha reflexión previa sobre o xeito de abordar a celebración das nosas letras, de cara a futuras programacións institucionais, presencia nos medios e divulgación nos centros de ensino.

Neste ano que dedicamos á memoria das que nos precederon no verso musicado, a RAG personificou de xeito audaz a tradición oral feminina en 3 figuras: a muller, na persoa de Eva Castiñeira de Muxía; a complicidade do par de mulleres en Rosa e Adolfina Casás de Cerceda, e a pequena comunidade das veciñas da bergantiñá Mens representada por Prudencia e Asunción Garrido e Manuela Lema.

A oralidade das pandereteiras demostrou ser eficaz na transmisión da cultura e língua, tamén na conformación da identidade e sentido de pertenza, e merece ser tratada con rigor para tirar o máximo proveito deste ano de recoñecemento e divulgación que temos por diante.

Ademais a coralidade nas letras do 2025 vén dada non só polas 6 mulleres nomeadas, senón por todas as que foron parte da cadea de transmisión oral: todas elas contribuíron ao legado deste imbricado patrimonio inmaterial, que son as cantigas tradicionais e populares. Implicitamente legáronnos o xeito, ese construír comunidade a través da palabra, do verso rápido, da lingua viva.

CONTEXTO: A MÚSICA VOGAL EN COMUNIDADE

As polavilas, seráns, filandós ou ruadas eran puntos de encontro naturais da comunidade nos que a oralidade transitaba múltiples camiños: contos, cantigas, romances, traballos, xogos e demais lerias. Nestas xuntanzas a interacción no baile era tamén un fin en si mesmo, e as cantigas coa pandeireta o medio máis rápido, común e económico para que acontecese. A súa expresión é popular, cotiá e vulgar, e o seu ámbito privado.

Enunciamos estas condicións a modo de valorización: desa cotiandade e repetición nace a mestría na interpretación vogal, percutiva e na composición, do popular vénlle ser fiel reflexo de tantos elementos da súa sociedade e da vulgaridade vén a súa frescura e atrevemento (fronte ao distinguido ou extraordinario). Na excepcionalidade, no momento que a veciñanza podía xuntar cartos contratábase un gaiteiro, un dúo, cuarteto, posteriormente acordeonistas, charangas e finalmente orquestras.

Celebrando as pandeireteiras honramos á música vogal feminina, e debemos facer unha lectura en clave de xénero, pois tradicionalmente as formacións musicais de maior prestixio e recoñecemento social nin foron as pandeireteiras, nin incluíron pandeireteiras.

As mulleres cantadoras estiveron tradicionalmente ausentes da esfera pública, e foron as grandes esquecidas nos diferentes procesos de patrimonialización de elementos da nosa cultura. De xeito tardío acadaron recoñecemento a través da espectacularización do folclore, para finalmente chegar ao punto actual: unha resignificación da súa figura e reificación do seu legado facendo un xusto recoñecemento a elas como piar na transmisión de lingua e cultura, e conformación de identidade.

Tamén se observa nos últimos tempos certa renaturalización na súa práctica, grazas á remuda da oralidade.

Non precisamos vestir de gala nin de acompañamentos e artificios a música das pandeireteiras para celebrar a poesía de tradición oral. O minimalismo musical é aconsellable, e a voz da muller debe ser a protagonista. Temos un nutrido sustrato sociocultural do que botar man para iso, e pensalo de abaixo a arriba semella o máis honesto neste ano de celebración.

SOBRE O CONTIDO FORMAL DAS CANTIGAS HERDADAS

Un xeito de abordar o estudo de tipoloxías na poesía de tradición oral son os ciclos do ano ou os ciclos vitais:

– Arredor do ciclo do ano temos cantigas de Nadal, Panxoliñas, aninovos e xaneiras, Reis, entroidos, cantos de pascua, maios, cantigas de traballos, segundo a zona ou a estación, etc.

– Arredor do ciclo vital temos os arrolos, primeiros xogos e cantigas, xogos de roda e recitados, rondas e namoros, cantos de voda, brindos, romances e responsos, etc.

Mais debemos entender que as mulleres cantaban e compoñían versos non só nestas ocasións, senón en calquera momento ou con calquera motivo, acompañando calquera traballo ou tarefa repetitiva e pesada. Así temos labradas, cantos de segas, mondadeiras de millo, mazadeiras de liño, cantos de mazar o leite, de andar os camiños, etc.

Cómpre destacar que debido á espectacularización do folclore, nos últimos anos fóronse seleccionando para expoñer e perdurar cantigas de/para contextos festivos. Estas non son necesariamente representativas da riqueza herdada: temos un complexo emocionario explicitado nas cantigas de transmisión oral, e este é o momento de reivindicalo. Temos cantigas que falan e transmiten tristura, soidade, pranto, esperanza, xúbilo, medos, arelas… e que coa súa entoación e interpretación adquiren unha dimensión que transcende a escrita: a consonancia como esencia da comunidade.

A CREACIÓN E COMPOSICIÓN COMO EXPRESIÓN DE COMUNIDADE

As músicas de tradición oral son unha expresión colectiva do pobo: hai cantigas que son flor dun día e outras que se repiten e mesturan coas seguintes. Sempre hai unha mestura entre o herdado e o que xorde pola necesidade de narrar algo novo, ou polo mero gosto de xogar coa linguaxe e a sonoridade.

A propia comunidade regula o que perdura: o que se escolle para seguir cantando, o que vai de boca en boca e percorre distancias e tempos, o que o pobo vai facendo variar para preservar o sentido. Sen creación e actualización, só nos queda recreación: un cativo atisbo da riqueza doutrora. Honrar a oralidade é necesariamente traballar na creación e expresión orixinal e propia, e vivir a experiencia de entoalo en comunidade.

O POUSO DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER NAS CANTIGAS

Moitas coplas de tradición oral reflexan o que hoxe denominamos violencia contra as mulleres. O adoutrinamento está implícito, mais non implica necesariamente aceptación das violencias, pois as coplas contan aquilo que queremos que sexa escoitado a modo de denuncia, burla/caricatura, ensinanza ou advertencia.

A poesía popular ten tamén linguaxe retórica e figurada, os seu propios códigos e tamén contextos: non é o mesmo unha copla insidiosa nun contexto de entroidada ou desafío entre iguais que noutra cantiga.

As nosas cantigas son reflexo do tempo e sociedade que as compón, e non xurdiron con vocación de trascender. Por isto mesmo, non semella pertinente tildalas simplemente de machistas e relegar á propia muller ó papel de vítima. Isto sería xulgar coa moralidade do presente elementos do pasado.

Pero sendo nós quen as elevamos a canon cando as seleccionamos para cantar ou espectacularizar, si é nosa, entón, a responsabilidade de explicar debidamente os contextos e tamén as modalidades de violencia. Non aconsellamos obvialas nin censuralas, senón que recomendamos promover a reflexión e debate sobre elas. Poden ser poderosa ferramenta de educación social, e espertar conciencia crítica cara a outros tipos de violencia.

Especial mención merecen tamén tódalas cantigas herdadas que falan dos oficios de mulleres: muiñeiras, costureiras, panadeiras, taberneiras, criadas… incluso pandeireteiras foron historicamente vilipendiadas pola súa condición de mulleres traballadoras. É tempo de falar de memoria, e explorar posibilidades na busca de certa reparación.

O CASTELÁN NAS CANTIGAS

A presenza do castelán nas cantigas de tradición oral ten múltiples causas.

A oralidade é permeable e faise eco de modas e influencias no rural e urbano, e arremedar o castelán foi unha delas. Isto documentouse abondosamente no caso das parrandadas, petitorios ou testamentos de entroido (sarcásticos) ou no romanceiro vulgar. Máis tamén temos cantigas chegadas de outras zonas da península ou da emigración que foron naturalizadas, xunto coas súas melodías, cadencias e ritmos.

A oralidade transcende fronteiras, e o seu carácter lúdico fai que acepte influxos regularmente. Non podemos pensalas simplemente como froito dunha subordinación política ou cultural, e tampouco ten sentido negalas ou desbotalas, pero si podemos e debemos facer unha escolla.

Pese á presenza destas cantigas en castelán, as aulas e espazos da música tradicional foron nestes anos bastións de sensibilización e normalización do galego, e un medio natural no que mocidade puido aprender e practicar a língua, e finalmente soltarse a falala de xeito habitual.

Promoveremos a creación en galego. Tamén podemos seleccionar ou desbotar libremente as cantigas herdadas para traballar a nosa lingua. Incluso podemos traducir ao galego coplas que atopemos en castelán, e dicilo con honestidade: son camiños que se percorreron en ambos sentidos en diferentes momentos da historia.

O importante é non desaproveitar este ano de celebración da tradición das pandeireteiras para crear novos espazos de normalización lingüísitca e consolidación de falantes.

O PERIGO DA FOTO FIXA

A oralidade nútrese do cotián, é lixeira e fugaz. Non sente o peso da relevancia ou a coherencia perpetua, pois non ten vontade de trascender. Ten sentido no aquí e agora.

Chegaron a nós na cadea de transmisión versos sublimes en significante e significado.

É recomendable facer pequenos achegamentos ao corpus folclórico e familiarizarse coa linguaxe deste arte da man das mulleres de referencia: coñecer coplas, entender cómo se constrúen métrica e musicalmente, os ritmos bailables que as acompañan, algunhas das figuras poéticas que empregan, as posibilidades narrativas, as variedades dialectais e léxico, etc. Todas estas son cuestións relevantes, que fan rico e complexo o legado das pandeireteiras, pero nas que corremos o risco de nos perder. Corremos o risco de esquecer os principais valores da tradición oral, así que non confundamos a práctica deste arte coa mera selección e reprodución. Entidades uniformizadoras como a Sección Feminina percorreron ese camiño, e a súa selección, estandarización e espectacularización case matan por completo os valores fundamentais da oralidade. Non nos limitemos a reproducir os sucesos, ou a sesudos estudos dos procesos se contamos con pouco tempo.

A destreza na expresión oral non se adquire con tediosas explicacións e transmisión de coñecemento en vertical: practícase en horizontal. Celebrar a oralidade é outogar a palabra. Escoitar, retroalimentarse, contar e cantar libremente o que somos, o que nos move, o que nos divirte, o que nos preocupa. Facilitemos espazos e formatos para que teñan lugar experiencias significativas ao redor da linguaxe.

Coidamos que estas consideracións serán útiles de cara á patrimonialización da poesía popular de autoría feminina e a oralidade. Agardamos que traian froitos significativos para a normalización lingüística e cultural do país, rachando co desleixo institucional e dando comezo a unha nova maneira de entender a produción oral da colectividade, libre de prexuízos.

Branca Villares e Eva Teixeiro, da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG.

XVII Xornada de Literatura de Tradición Oral. Daquelas que cantan. Lugo, sábado 19 de outubro


A XVII Xornada de Literatura de Tradición Oral. Daquelas que cantan é unha iniciativa da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega.

Terá lugar o 19 de outubro no Salón de Actos da Deputación de Lugo (Rúa San Marcos, 8).

A inscrición será obrigatoria e previa, con matrícula gratuíta, seguindo estes criterios:
– As persoas que queiran dispor da homologación da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, por un total de 8 horas, deberán inscribirse directamente a través https://www.as-pg.gal/ no apartado de Formación.
– As persoas que desexen recibir un certificado de asistencia por parte da AELG, e aquelas que queiran asistir sen obter homologación nin certificado, deberán incribirse enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org. Nel indicarase o nome, apelidos e documento de identidade.

PROGRAMA

10.15 Recepción, entrega de material e inauguración

10.30-11.30 Conferencia: Olga Novo
As que cantan, as que contan, as que calan: intrahistoria das subalternas.

11.30-12.30 Conferencia: Beatriz Busto Miramontes
As de Mens. A oralidade invisíbel tornando a visíbel

12.30-14.00 Mesa redonda: Olga Novo e Beatriz Busto Miramontes
Axudaime compañeiras. As transmisoras da memoria inmaterial
Coordina: Eva Teixeiro

16.00-17.00 Conferencia: Ugia Pedreira
 As autorías na música tradicional

17.00-18.00 Conferencia: Xiana Lastra
Tradición e corazón

18.00-19.30 Mesa redonda: Ugia Pedreira e Xiana Lastra
Cantar e crear a partir da tradición. As liñas de fuga
Coordina: Branca Villares

19.30-20.30 Sesión práctica: Su Garrido
Da túa man para a miña

O programa pode descargarse en formato pdf na seguinte ligazón

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Polafía O Courel

A Polafía no Courel é unha actividade organizada pola Sección de Literatura de Tradición Oral, coa subvención da Deputación de Lugo e o apoio do Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO), que terá lugar o domingo 3 de decembro no Cebreiro e en Cervantes.

Contarase coas intervencións de: Manuel Aira, Roque, Roberto Raposo, Manuel Blanco (Carantoña), José María Núñez e Manuel Fernández, O Lamego.

Coordinan: Lois Pérez (Coordinador da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG) e Branca Villares.

Mondoñedo: homenaxe a Andrea López Chao

Lugo: Faladoiros da Memoria 2023, o 26 de outubro


Vinculada aos actos dos Premios Mestra e Mestre da Memoria 2023, actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

FALADOIROS DA MEMORIA 2023
Homenaxe a Dorothé Schubarth

O acto celébrase no marco da VIII Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria a celebrar en Lugo, co apoio do Concello de Lugo e a colaboración da Deputación de Lugo, o xoves 26 de outubro ás 19:00 h., no Salón de actos da Deputación de Lugo (Rúa San Marcos, 8).

Coa participación de:
– Branca Villares, música, cantante e recompiladora.
– Richi Casás, músico.
– Sergio de la Ossa, musicólogo, profesor e guitarrista.
– Germán Díaz – Peche Musical
– Presenta e modera: Lois Pérez

Gala dos Premios Mestra e Mestre da Memoria 2022, o 21 de outubro

A Gala dos Premios Mestra e Mestre da Memoria 2022 é unha actividade desenvolta pola Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.
A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana AcuñaFélix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros SollaXurxo Souto, Xosé Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega recoñecer como Mestras e Mestre da Memoria 2022 respectivamente a Malvela e Faustino Luís Seoane, polas súas achegas á mesma ao longo das súas vidas, contribuíndo así a manter viva unha parte fundamental da nosa memoria colectiva e o saber popular.
As distincións entregaranse no marco da VII Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria a celebrar en Lugo, co apoio do Concello de Lugo, o 21 de outubro.
O acto terá lugar no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo (Praza da Constitución, s/n) a partir das 18:00 horas.

Mestras da Memoria 2022: Malvela

Autoría: Alba Díaz

Grupo de folk galego interxeracional, creado en Sanguiñeda (Mos). Está integrado por 13 cantadeiras (Matilde, Silvina, Fita, Clara, Carmiña, Señora Carmen (falecida), Lina, Maruxa, Dina, Aurita, Teresa, Merche e Adela), acompañadas por 6 músicos: Gustavo Domínguez (acordeón), Raquel Domínguez (gaita), Pablo Ces (bombo), Anxo Pardo (tamboril), Abilio Santos (cavaquiño) e Ana Senlle (dirección vocal).

Mestre da Memoria 2022: Faustino Luís Seoane

– O gaiteiro do Canizo – A Gudiña, Faustino Luis Seoane, ten actualmente 98 anos, e é memoria viva dos gaiteiros da súa xeración. Faustino foi gravado no ano 1956 polo musicólogo americano Alan Lomax, a proposta de Félix Castro.

FALADOIROS DA MEMORIA 2022
Cara a onde vas, Entroido?

O acto celébrase no marco da VII Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria a celebrar en Lugo, co apoio do Concello de Lugo e a colaboración da Deputación de Lugo, o xoves 20 de outubro ás 19:00 h.
Salón de actos da Deputación de Lugo (Rúa San Marcos, 8).
Coa participación de:
– Inma Alonso Rodríguez
– Xosé Manuel Seixas
– Miguel Losada
– Branca Villares – Peche Musical
– Modera: Antonio Reigosa
– Presenta: Lois Pérez