Ramón Nicolás: Dez anos de letras galegas (2002-2012)

Artigo de Ramón Nicolás, desde o seu blogue, Caderno da crítica:
“Este pasado sábado 5 de xaneiro, no seo da entrega especial do suplemento Culturas de La Voz de Galicia, por mor dos seus 500 números publicouse este texto que reproduzo a continuación. Ao tempo tamén se incluíron o que entendo como dez títulos esenciais dunha década, no xénero da narrativa e mais do ensaio, entre outros que ben se poderían escoller, e que incorporarei nun apuntamento posterior.
Hai por volta de dez anos, pouco despois de vivirmos aqueles célebres efectos do cambio do milenio, nas letras galegas vivíase a recente desaparición de Carlos Casares e tamén a do dramaturgo Roberto Vidal Bolaño. Ausencias nunca definitivas pois sempre, afortunadamente, quedan os libros. Non debera converterse este artigo en obituario ningún pero non quixera esquecer que, neste período, tamén nos deixaron, ficando un pouco máis orfos, presenzas ben relevantes na nosa historia cultural máis recente como son -no que é unha nómina inxusta polos esquecementos- Fernández del Riego, Isaac Díaz Pardo e Marcos Valcárcel, ou poetas de percorrido truncado como Xela Arias e Luísa Villalta.
Malia todo a vida segue, tamén as letras galegas claro é, nun período talvez con luces e sombras, sobre todo estas últimas por condicionantes de carácter social e económico que pouco axudan a seguir gañando espazos para a promoción e difusión da literatura galega. A imaxinación, aliada coa crenza de que as letras en galego teñen futuro, deparou, por apenas citar dúas propostas, un proxecto como o “Culturgal”, cada vez máis afortalado como convocatoria anual das denominadas industrias culturais, e mais tamén a revista Biblos. Clube de Lectores, sempre fiel á súa cita bimestral e que supón achegar o libro galego a quen lle queira abrir a porta.
Asemade, ao meu xuízo converxen, nestes dez anos, algunhas liñas de forza  que, na súa medida, contribúen á precisa solidez dun edificio no que cómpren moitas mans mentres que talvez as que deberan non fan todo o que lles correspondería. Entre estas mans encóntranse, quen dubida contemplalas agora como un elemento de normalidade, as das narradoras. Se ben o espertar e mais a incorporación das novelistas resultou sincopado nos derradeiros anos do XX é ben certo que nesta década voces como as de Inma López Silva, Rosa Aneiros, Iolanda Zúñiga ou María Reimóndez, entre outras moitas, explican unha realidade literaria viva, plural e poliédrica malia –todo hai que dicilo- a súa escasa visibilización.
A carón, con todo, da dinámica habitual dun sistema literario como o noso no que conviven, afortunadamente, xeracións e estéticas moi diversas, talvez cómpre subliñar tres factores  que apuntan á necesaria fidelización do lectorado: velaí a presenza, ou promoción nalgúns casos, da literatura galega na rede, que vai dando os seus primeiros pasos na comercialización dos seus produtos; a vontade de estabilizar propostas literarias para un público amplo, sustentadas nunha inequívoca calidade literaria como as que asinan, por exemplo, Domingo Villar ou Pedro Feijoo entre outros e, finalmente, a estabilidade e proxección da literatura infantil e xuvenil en lingua galega, tanto no que se refire ao sector autorial –onde apareceron voces realmente significativas que supoñen unha feliz continuidade respecto doutras ben recoñecidas – como ao propiamente editorial e penso, por exemplo, nos recoñecementos obtidos a todos os niveis por Kalandraka Editora.
E, falando de editoriais, apenas dúas liñas para saudar pequenos proxectos que permiten acceder con garantías a propostas escritas noutros idiomas, entre eles Rinoceronte Editora e a máis recente, pero con resultados excelentes, como é o selo Hugin e Monin. Cómpre, malia todo, ser optimistas, eu son dos que pensan que seguirmos supón unha gran vitoria.”

Parlamento das Letras: Iolanda Zúñiga

Entrevista de Armando Requeixo a Iolanda Zúñiga no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Iolanda Zúñiga (IZ): Fáltalles franqueza, arrebato, modernidade. Sóbralles tedio, pudor, límites. Coñezo escritores/as que ignoran que o son e autoconfínanse a publicar en twitter. Coñezo escritores/as que darían uns burócratas formidables. O noso decorrer histórico e consecuente memoria colectiva son necesarios para orientarnos con lucidez neste tempo que nos tocou vivir, pero non os concibo como unha ferramenta da que abusar nos meus textos. Teñen máis valor as pequenas accións do día a día (como ir falar ao Corte Inglés nun galego con seseo e gheada) ca unha restra de libros cun claro ton doutrinario que só van interesarlle aos intelectualmente afíns a un. Para seducir as novas xeracións debemos espelirnos. Aos que redactamos fáltanos perspicacia. E atractivo. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– IZ: O seu estado en canto a vocación é óptimo. Pero, insisto, somos pouco arriscados. Queda moito mundo que contar en galego e temos talento para facelo. Deberiamos diversificar máis as temáticas, os estilos, os formatos. Dos fracasos editoriais —entendamos como “fracaso” recuperar o investido sen obter grandes beneficios— tamén se nutre a literatura dun país, que só sostida sobre alicerces bestseller resultaría feble, homoxénea, sen variedade para competir ao carón doutras literaturas sólidas. Aventurémonos a redactar, a publicar, a recomendar, a ler. (…)”.

Dúas campañas de crowdfunding (Implicadas e Alexandre Bóveda)

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Chégame información de dúas campañas de crowdfunding que me suscitan interese e das que gustosamente deixo referencia nesta bitácora. A primeira vincúlase coa denominada VIII edición do Implícate! Noite de palabra e música solidaria que organiza Implicadas no desenvolvemento á procura doazóns para custear os carteis e o equipo técnico do devandito festival: unha causa xusta e, evidentemente, solidaria.
Outra campaña é a que promove Radiofusión e ten que ver coa difusión do pensamento de Alexandre Bóveda, aos cento dez anos do seu nacemento que se celebrarán no vindeiro 2013. O proxecto persegue a publicación dun volume arredor de Bóveda, optando pola fórmula de banda deseñada, con debuxos de Carlos Sardiña e texto de Pitusa Arias. Premendo aquí pode obterse máis información sobre a campaña (reproduzo abaixo un audiviosual no que a autora e o ilustrador explican as súas intencións).”