“Oriana Méndez,
coa súa obra O que precede a caída é branco resultou gañadora do XVII Certame de Poesía Concello de Carral.
O xurado escolleu esta obra pola unidade de contido e forma, na qua se detecta que foi concibida como un todo, tendendo fíos entre a macroestrutura e os versos. O libro conta cunha linguaxe moi coidada e suxestiva prestando especial atención ao feche dos poemas. A autora crea un espazo lírico cheo de luz e establece numerosos xogos metaliterarios con diferentes escollas plásticas e artísticas. Así mesmo debemos destacar o traballo de tensión-distensión poética e o ritmo.
O xurado estivo formado por Dores Tembrás, Olga Patiño Nogueira e Eli Ríos, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Isabel López Pérez, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 36 libros. O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra.
O acto de entrega do premio terá lugar o 30 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2014. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Cronoloxía da urxencia, de Dores Tembrás. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.”
Arquivos da etiqueta: Carlos Lorenzo Pérez
Dores Tembrás gaña o XVI Premio de Poesía Concello de Carral
“Dores Tembrás,
coa súa obra Cronoloxía da urxencia resultou gañadora do Concurso de Poesía Concello de Carral do presente ano.
O xurado resalta da obra gañadora que é un poemario esencial, emocionado e emocionante, enfiado arredor do amor e a paixón cun sentido positivo da existencia, poñendo en valor a simboloxía dos traballos da casa e do campo, resultando unha poética con raíces. A autora emprega unha depurada linguaxe conceptual, con poemas breves e limpos, resultando un libro equilibrado e unitario de principio a fin.
O xurado estivo formado por Mercedes Queixas Zas, Francisco X. Fernández Naval e Roi Vidal, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Isabel López Pérez, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez.
Ao certame presentáronse un total de 38 libros. O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra.
O acto de entrega do premio terá lugar o 31 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2013. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Teatro, de Roi Vidal. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.”
Roi Vidal Ponte gaña o XV Certame de Poesía Concello de Carral
Roi Vidal Ponte (Santiago de Compostela, 1982), coa súa obra Teatro resultou gañador do Concurso de Poesía Concello de Carral do presente ano. O xurado resalta da obra gañadora a súa linguaxe coidada e provocativa, con moita propensión ao minimalismo, xogando cos silencios e creando rasgaduras sen chegar ao melodrámatico. O libro mantén en todo momento atrapado ao lector, convertíndoo nun espectador activo, nun vouyeur. Formaron parte do xurado deste edición do certame Emma Pedreira, Antía Otero e Luciano Rodríguez Gómez, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Isabel López Pérez, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 40 libros. O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior. O acto de entrega do premio terá lugar o 25 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2012. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Libro das mentiras de Emma Pedreira. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Emma Pedreira gaña o XIV Certame de Poesía Concello de Carral, con Libro das mentiras
Emma Pedreira,
coa súa obra Libro das mentiras resultou gañadora do Concurso de Poesía Concello de Carral do 2011. O xurado resalta da obra gañadora a súa orixinalidade, facendo un diálogo e reescritura dos contos tradicionais infantís; a súa expresividade, cunha gran brillantez das figuras literarias e un gran equilibrio entre contido e continente, un ton auténtico e fluído, resultando no seu conxunto un libro unitario de corte novidoso, intelixente e reflexivo. O xurado, formado polos poetas Miro Villar, Xulio López Valcárcel e Olga Patiño, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, María Xosé García Fariña, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez, quixo resaltar tamén a dificultade coa que contou na deliberación, xa que o nivel literario demostrado nas 53 obras presentadas foi moi alto. Desde a Concellería de Cultura maniféstase a satisfacción de ter batido o record de participación na presente edición, o que ven demostrar o prestixio que lle conceden os escritores a este certame. O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior. O acto de entrega do premio terá lugar o 27 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2011.