Taboleiro do libro galego (XXVI), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Velaquí as novidades editoriais en lingua galega máis vendidas ao longo do pasado mes de setembro. O meu agradecemento ás dez librarías que, nesta ocasión, puideron participar: Paz, Trama, Suévia, Miranda, Abrente, Biblos, Andel, Cartabón, Libros para soñar e Lila de Lilith.

NARRATIVA
1º-. Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, Xerais.
2º-. A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz, Edicións Xerais.
3º-. A voz do vento, de Pemón Bouzas, Xerais.
4º-. Chovida do ceo, de Alfredo Conde, Edicións Xerais.
5º-. 55, de Xavier Queipo, Xerais.
6º-. O espido de Gina,  de Miguel Anxo Fernández, Galaxia.
7º-. A maleta de Victoria Kent, de Xerardo AgraFoxo, Galaxia.

POESÍA
-. Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias, A. C. Caldeirón.
2º-. dun lago escuro, Marta Dacosta, Xerais.
3º-. Río Alzhéimer, de Carlos Pereira, Alvarellos.
4º-. Anamnese, de Eli Ríos, Sotelo Blanco.
5º-. Os inocentes, de María do Cebreiro, Galaxia.

ENSAIO-TEATRO
-. Guía para o descenso enerxético, A. C. Véspera de nada.
2º-. A alternativa está aquí, de María Reimóndez, Xerais.
3º-. Bibliotecarias e bibliotecarios infames, de F. X. Redondo Abal, Laiovento.
4º-. Crónicas dun tempo escondido, de Sabino Torres, Galaxia.
5º-. Eu estaba alí, Afonso Eiré, Hércules de Edicións.
6º-. Contra a morte das linguas, de Miguel Moreira, Edicións Xerais.

XUVENIL
-. Reo, de Xesús Fraga, Galaxia.
-. Dragal III, de Elena Gallego, Xerais
-. Recinto gris, de Ledicia Costas, Edicións Xerais.
-. Os Megatoxos e o dragón de xade, de Anxo Fariña, Xerais.

INFANTIL
-. O soño de Esther, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
-. Verdedades, de Yolanda Castaño e Xosé Tomás, Biblos.
-. A nena á que non deixaban ser feliz, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso, A Porta Verde / Nova Galicia Edicións.
-. O grúfalo,  de Julia Donaldson, Patas de Peixe.

LIBROS CD-DVD
-. Brinca vai!, de Paco Nogueiras, Kalandraka.
2º-. Xiqui Xoque, fiú fiú!, de Uxía, Editorial Galaxia.
3º-. Cantos animais, de Susa Herrera e María Noel Toledo.
4º-. Unha viaxe polo mundo, de As Maimiñas, Galaxia.

BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero IV, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. A causa do crime, de Tokio, Demo Editorial.

Cuestionario Proust: Carlos Pereira

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Carlos Pereira Martínez:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Considérome unha persoa honesta e con moita curiosidade intelectual.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A honestidade e a humildade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Ás amizades non lles pido nada.
4.– A súa principal eiva?
– A dispersión, certa desorde e as típicas arroutadas de xenio dos Aries.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler, debuxar, investigar, escoitar música. A masonería.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Unha xubilación con saúde e activa culturalmente, na compaña da muller que amo e coas fillas coa vida encamiñada.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A morte das miñas fillas.
8.– Que lle gustaría ser?
– Ademais de historiador, que xa me enche, concertista de piano (unha utopía, vamos).
9.– En que país desexaría vivir?
– Onde vivo, Galicia, con algunha escapada a Uruguay, onde nacín.
10.– A súa cor favorita?
– O vermello.
11. – A flor que máis lle gusta?
– A rosa.
12.– O paxaro que prefire?
– A rula.
13.– A súa devoción na prosa?
– Mark Twain, Gabriel García Márquez, Juan Carlos Onetti, Mario Benedetti, Philip Roth, Amos Oz, Antón Riveiro Coello
14.– E na poesía?
– A Xeración do 27, Antonio Gamoneda, José Ángel Valente, Pessoa, a xeración dos 80 de Galicia, Pilar Pallarés, Eva Veiga, Olga Novo…
15.– Un libro?
Pedro Páramo, de Juan Rulfo, El Aleph, de Jorge Luis Borges, La tregua, de Mario Benedetti, The Road, de Cormac McCarthy, As rulas de Bakunin, de Antón Riveiro Coello.
16.– Un heroe de ficción?
– Os de territorios de fronteira: Hiram Abif, Parsifal, Don Quixote, Martín Fierro…
17.– Unha heroína?
– Isis, Antígona, Leonora…
18.– A súa música favorita?
– A clásica: nela, sobre todas as cousas, Beethoven. Logo Bach, Bartok, Shostakovich… Puntualmente, para evocar a mocidade, Hendrix, Bob Marley, Dylan..
19.– Na pintura?
– O Bosco, Velázquez, Goya, Blake, os surrealistas europeos, Luís Seoane, Alfonso Costa, Manuel Ayaso.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– José Gervasio Artigas, Garibaldi, Gandhi…; as mulleres que defenderon a Coruña en 1589 (María Pita, Inés de Ben…), María Deraismes, miña nai.
21.– O seu nome favorito?
– Isis e Cloe, os das miñas fillas. Para home, Ares.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-A hipocrisía e a fachenda.
23.– O que máis odia?
– Todo o que teña relación co fascismo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Todos os tiranos mesiánicos e xenocidas, de calquera cor (Hitler, Franco, Stalin, Pol Pot…).
25.– Un feito militar que admire?
– As guerras de emancipación americanas.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Poder dominar moitas linguas.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Durmindo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Con ganas de facer cousas e resistindo (non sempre) á tentación da preguiza.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Todos os que non nos firan.
30.– Un lema na súa vida?
– Pasiño a pasiño faise camiño.”

Carlos Pereira: “O Burgo era unha das urbes máis importantes de Galicia no século XII”

Entrevista a Carlos Pereira en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Como recuperou a historia de Culleredo?
– Carlos Pereira (CP): A través de moitos campos de traballo concretos. Un deles, a recuperación do patrimonio monumental, coa restauración da Torre de Celas, da ponte do Burgo, dos muíños de Acea de Ama e dalgúns pazos. A colaboración tamén nalgúns casos coa Igrexa na restauración dalgunha igrexa.
– LO: Tocoulle tamén poñer por escrito o que descubría?
– CP: Si, preparar toda unha serie de traballos, publicacións sobre a historia e sobre os monumentos, que ademais se complementan con visitas guiadas de centros escolares. Tamén propoño nomes para rúas, relacionados coa historia de cada parroquia. Iso é moi gratificante; son nomes que se perderon na marea da historia e, cando llos pos a unha rúa, estás recuperando toda unha historia desaparecida. (…)”

O Burgo, Culleredo: presentación de Xaime Quintanilla Martínez, de Carlos Pereira e Ana Romero

O venres 16 de marzo, ás 20:30 horas, no Edificio de Servizos Múltiples (Rúa Ramón Cabanillas, 14) do Burgo, Culleredo, preséntase o libro Xaime Quintanilla Martínez. Vida e obra dun socialista e galeguista ao servizo da República, de Ana Romero Masiá e Carlos Pereira Martínez, Premio Luís Tilve de Investigación e Divulgación Histórica 2011. No acto participan Xesús Mosquera Sueiro, Alicia Ferreiro Varela e os autores. A presentación estará complementada cunha pequena actuación musical.

A Coruña: presentación de Xaime Quintanilla Martínez, de Carlos Pereira e Ana Romero

O venres 17 de febreiro, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo), na Coruña, preséntase o libro Xaime Quintanilla Martínez. Vida e obra dun socialista e galeguista ao servizo da República, de Ana Romero Masiá e Carlos Pereira Martínez, Premio Luís Tilve de Investigación e Divulgación Histórica 2011. No acto participan Xesús Mosquera Sueiro, Felipe Senén e os autores.