Bases do I Premio Álvaro Cunqueiro de Novela

“O Concello de Mondoñedo en colaboración coa Casa Museo Álvaro Cunqueiro e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade convoca este certame coa finalidade de honrar a memoria do escritor Álvaro Cunqueiro e, asemade, axudar á promoción da escrita literaria en lingua galega e á divulgación das súas autoras e autores.

As bases polas que se rexerá son as seguintes:
PRIMEIRA. Poderán concorrer todos os autores e autoras que presenten orixinais escritos en lingua galega de acordo coa normativa da RAG. As novelas presentadas deberán ser inéditas e totalmente orixinais e non poderán ter sido publicadas ou divulgadas, en todo ou en parte, en medio físico ou dixital ningún, nin tampouco teren sido premiadas en ningún outro certame.
SEGUNDA. Os orixinais presentaranse por sextuplicado, impresos a espazo e medio, con letra arial 12, as páxinas numeradas e encadernados en rizo. Estes deberán remitirse antes do 18 de outubro do 2022 ao seguinte enderezo:
Concello de Mondoñedo, Praza do Concello, I
27740, Mondoñedo (Lugo)
No paquete de envío deberá figurar claramente a indicación I Premio Álvaro Cunqueiro de Novela.
TERCEIRA. Xunto á novela, que deberá presentarse baixo lema, enviarase un sobre pechado que leve escrito por fóra I Premio Álvaro Cunqueiro de Novela. No seu interior figurarán o título da novela e o lema, ademais do nome completo e DNI, enderezos postal e electrónico e teléfonos de contacto do autor ou autora.
CUARTA. O premio terá unha dotación de 9.000 euros que se outorgará indivisiblemente nun único premio.
QUINTA. O xurado estará composto por cinco membros escollidos entre recoñecidas figuras do mundo da literatura e a crítica literarias. Actuará como secretario ou secretaria, con voz e sen voto, un técnico ou técnica do Concello.
SEXTA. Unha vez emitido o veredicto do xurado, este darase a coñecer nun acto público arredor do 22 de decembro, natalicio de Álvaro Cunqueiro.
SÉTIMA. O premio poderá ser declarado deserto, caso de o xurado así o decidir. Para tal circunstancia, de cinco votos posibles, terá que darse o caso de que ningunha obra chegue a sumar un mínimo de tres dos votos do xurado.
OITAVA. O Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro resérvanse os dereitos de publicar a obra premiada tanto en galego coma en calquera outra lingua, en formato físico e dixital ata un máximo de 4.000 exemplares. Neste sentido, o autor ou autora renuncia en favor do Concello e a Casa Museo, na primeira edición, a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor. A obra premiada será publicada pola Editorial Galaxia, quen asinará, á súa vez, un contrato de autoría estándar que rexerá a relación contractual entre as partes se se supera o número de exemplares amentado.
NOVENA. Os orixinais non premiados poderán ser retirados polos seus autores ou autoras nas dependencias do Concello de Mondoñedo nos seguintes trinta días ao anuncio público do veredicto do xurado. Os orixinais que non fosen retirados destruiranse pasado este prazo.
DÉCIMA. A participación no premio significa a completa aceptación tanto das presentes bases coma das decisión do xurado, que serán inapelables.”

Mondoñedo: actividades do Día de Álvaro Cunqueiro en 2021

Mondoñedo: I Encontro Álvaro Cunqueiro. O camiño de quita e pon (1981-2021)

Rexina Vega é distinguida como Cunqueiriana de Honra de 2021

“A escritora, profesora da Universidade de Vigo e estudosa especialista na obra de Álvaro Cunqueiro, Rexina Rodríguez Vega (Rexina Vega), foi designada como Cunqueiriana de Honra de 2021. Así o decidiu este sábado 30 de xaneiro por maioría a comisión designada a tal efecto polo Concello de Mondoñedo e a Casa-Museo Álvaro Cunqueiro, entidades promotoras da distinción, durante unha reunión telemática na que os membros deliberaron despois de que cada un presentara unha candidatura e a promovera de forma argumentada.
Entre os sobresaíntes méritos intelectuais que Rexina Vega atesoura como estudosa e investigadora da obra de Álvaro Cunqueiro, a comisión quixo destacar o gran número de publicacións que desde fai 30 años a ensaísta viguesa deu a coñecer en torno á vida e obra do autor mindoniense. Así, referiu títulos coma a súa Guía de lectura sobre Os outros feirantes (1992), a monografía Álvaro Cunqueiro. Unha poética da recreación (1997), o volume de ensaios Álvaro Cunqueiro e as amizades catalanas (2003) ou o libro audiofotobiográfico Álvaro Cunqueiro. Fotobiografía sonora (2009). Tamén puxo en valor a súa tese de doutorado, defendida na Universidade Autónoma de Barcelona e centrada no Bilingüismo e autotradución en Álvaro Cunqueiro (2000).
Ademais destes volumes e teses, a comisión destacou os moitos artigos publicados por Rexina Vega sobre o mundo cunqueiriano nas máis prestixiosas revistas galegas, estatais e internacionais, así coma as numerosas conferencias, entrevistas e colaboracións sobre Cunqueiro que levou a cabo ao longo de tres décadas de investigación.
Por todos estes motivos, a comisión congratulouse pola súa designación como Cunqueiriana de Honra e quixo transmitir as súas felicitacións á distinguida, ao tempo que manifestou a súa satisfacción pola alta calidade das diferentes candidaturas presentadas.
A distinción que a acredita como Cunqueiriana de Honra entregaráselle a Rexina Vega en Mondoñedo o próximo 28 de febreiro de 2021, data do 40 aniversario do falecemento de Álvaro Cunqueiro. Está previsto que en tal xornada a distinguida encabece, acompañada de diversas autoridades locais e provinciais, a tradicional ofrenda floral ante a tumba do autor e que abra o maratón de lectura da súa obra.
Trala recepción da distinción (que inclúe figura conmemorativa e diploma acreditativo), Rexina Vega pronunciará unhas palabras de agradecemento, que irán precedidas da laudatio coa que a presentará, en nome da comisión, Armando Requeixo, coordinador de Actividades e Publicacións da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro.
Formaron parte desta comisión: César Cunqueiro (fillo do escritor, que asistiu vía telefónica), Alberto García (concelleiro de Cultura de Mondoñedo), Víctor F. Freixanes (Cunqueiriano de Honra na convocatoria do pasado ano e presidente da Real Academia Gallega), Antonio Reigosa (cronista de Mondoñedo), Miguel Somovilla (periodista e estudoso da obra de Cunqueiro), Abel Vigo (técnico de Cultura do Concello de Mondoñedo) e Armando Requeixo (coordinador de Actividades e Publicacións da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro).”

A Casa Museo de Cunqueiro abre o 1 de marzo en Mondoñedo

Desde Cultura Galega:
“Logo de varios anos de traballo, este venres 1 de marzo, ás 16:30 horas, está prevista a inauguración da Casa Museo de Álvaro Cunqueiro. O inmoble no que o escritor residiu en Mondoñedo durante tres décadas fronte á catedral acolle o novo centro, onde os visitantes poderán atopar obxectos persoais do autor, retratos, unha sala con audiovisuais, unha biblioteca na que se poden atopar obras de Cunqueiro ou sobre el e mesmo unha cantina. Segundo anunciou a alcaldesa, Elena Candia, a Casa Museo pretende se transformar “nun elemento dinamizador que poña en valor a súa obra, que siga divulgando todo o que nos achegou á cultura galega”. Así, de xeito paralelo, anunciou a activación da fundación que leva o nome do autor coa intención de ofertar bolsas de investigación e de crear un premio literario.”