“O
presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, asinou en Lugo un convenio co presidente da Radio Lugo-Cadena SER, Julio Beberide Martínez, para a cesión das máis de 1.000 voces que compón o proxecto O son da nosa fala. 1.000 voces para Celso Emilio Ferreiro. A rúbrica materializouse nun acto no que tamén estiveron presentes o presidente da Deputación de Lugo, Xosé Ramón Gómez Besteiro; o concelleiro de Cultura de Lugo, Antón Bao, e o fillo de Celso Emilio Ferreiro, Luís Ferreiro. O Grupo Radio Lugo, a través dos profesionais Paco Nieto e Tania Lombao, impulsa un proxecto de promoción cultural e lingüística con motivo da celebración neste 2012 do centenario do nacemento do escritor de Celanova Celso Emilio Ferreiro. A través desta iniciativa, as ondas da Cadena SER na provincia de Lugo emiten diariamente un mínimo de tres poemas ou pezas biográficas sobre o autor, recitados por persoas da esfera política, cultural e social de Galicia, así como por persoas anónimas e xente procedente de máis de vinte países de todo o mundo. A sinatura do convenio foi un acto simbólico en que a Radio Lugo cedeu un CD cunha mostra de cincuenta poemas, mais que se materializará no mes de xaneiro, cando a emisora decana de Lugo doe a totalidade de arquivos que sexan emitidos até o último día deste ano.” Desde La Opinión.
Arquivos da etiqueta: Celso Emilio Ferreiro
A Coruña: presentación de Cartafol de soños, homenaxe a Celso Emilio Ferreiro
O venres 21 de setembro, ás 20:00 horas, no local da Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase o libro Cartafol de soños, homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no seu centenario (1912-2012), en que participaron Isaac Alonso Estraviz, Xosé María Álvarez Cáccamo, Carmen Blanco, Vicente Araguas, Darío Xohán Cabana, Margarita Ledo Andión, Lois Diéguez, Xesús Rábade Paredes, Ánxeles Penas, Claudio Rodríguez Fer, Alberte Suras e Luz Pozo Garza, xunto coa colaboración gráficas de Felipe Senén. No acto, onde estarán presentes grande parte dos autores, haberá unha actuación musical de Xiana Lastra.
Celanova: Xesús Alonso Montero, Arraiano Maior no 2012
Vía
Fervenzas Literarias:
“Celanova será escenario da gran festa arraiana. No centenario do nacemento do poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro, a Asociación Arraianos ven de recoñecer como Arraiano Universal ao autor de Longa noite de pedra. Ademais, o investigador e académico Xesús Alonso Montero será distinguido co recoñecemento Arraiano Maior da Raia Seca 2012, que concede anualmente dita asociación. Esta distinción xa lle foi entregada con anterioridade ao escritor Bento da Cruz no 2011, ao Padre Fontes no 2010 e a Xosé Luís Méndez Ferrín, que inaugurou estes recoñecementos no 2009. Os actos terán lugar o venres 31 de agosto en Celanova, e contará coas seguintes actividades literarias no seu programa:
– 10:00 h. Encontro na praza da vila de Celanova. Lectura do manifesto arraiano.
– 10:30 h. Rota literaria por distintos espazos relacionados cos literatos nados en Celanova, con lecturas de poemas e música arraiana.
– 11:30 h. No cemiterio de San Breixo. Nomeamento de Xesús Alonso Montero como Arraiano Maior da Raia Seca do ano 2012, a cargo do Arraiano Maior do ano anterior, Bento da Cruz. Entrega do recoñecemento como Arraiano Universal a Celso Emilio Ferreiro. Ofrenda floral e recital poético e musical, coa participación de poetas e músicos das terras de Celanova e do val do Limia, ao pé do xacigo de Celso Emilio Ferreiro.
– 17:00 h. Espectáculo multimedia no claustro barroco do mosteiro de Celanova, facendo unha montaxe escénica atractiva e dinámica con intervencións de diferentes persoeiros, poetas, así como as actuacións de diversos grupos musicais.
“As letras de primeira man”
O
crítico literario Ramón Nicolás vén de abrir no seu popular blog Caderno da Crítica un espazo para a publicación de manuscritos inéditos de autores e autoras galegas. Celso Emilio Ferreiro inaugurou a sección, na que tamén se poden atopar textos de Agustín Fernández Paz, Marta Dacosta, Claudio Rodríguez Fer, Neira Vilas, Carmen Blanco ou Arturo Casas. O pasado 3 de agosto Ramón Nicolás presentaba o espazo, titulado Manuscritos, co obxectivo de “lanzar á rede todo tipo de textos -cartas, avisos, apuntamentos, capítulos, poemas, ensaios ou fragmentos de obras literarias-” para así “contribuír a visibilizar unha parte do traballo cotián” dos autores e autoras. A sección abríase cun breve texto da pluma de Celso Emilio Ferreiro: “Hoxe, máis que nunca, o poeta está obrigado a xustificarse como ser social”. Nas entregas seguintes atopámonos coa primeira páxina do borrador de Corredores de sombra de Agustín Fernández Paz (o resto foille roubado en Madrid). Unha boa maneira de coñecer máis de preto o proceso creativo do premiado autor e en xeral de outourgar relevancia á palabra manuscrita e á caligrafía, nun momento no que se atopa en crise. A sección, en pouco máis de dez días, conta xa con achegas realizadas ex profeso, coma a da poeta Carmen Blanco. Tamén se poden atopar outros manuscritos, coma o facilitado por Xosé Neira Vilas, que cedeu a segunda páxina do orixinal de Aqueles anos do Moncho. Ou tamén os Haikus da aula dez de Arturo Casas: catro textos de finais dos noventa, escritos “mentres vixiaba algún exame na Facultade de Filoloxía compostelá”. (…)” Vía Praza.
A Coruña: actividades destacadas do xoves 9 na Feira do Libro
Continúa
a XLI Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns da Méndez Núñez), aberta até o venres 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas. As actividades máis destacadas do xoves 9 de agosto son:
– 19:00 h.: Presentación da editorial Galebook e dos libros publicados As trovas de Midas, de Diana Varela Puñal e O pitiño revolucionario, de Xulio L. Valcárcel.
– 20:00 h.: Presentación de O país adormentado, de Xabier P. DoCampo, publicado en Xerais. Participan: Manuel Bragado e o autor.
– 20:45 h.: Presentación Atl, de Manuel Lourenzo González, publicado en Xerais. Participan: Manuel Bragado e o autor.
– 21:15 h.: Presentación de O meu primeiro Celso Emilio, de Xiana e Xosé Lastra, publicado en Xerais. Participan: Manuel Bragado, os autores e varios músicos participantes no libro.
Manuscritos: Celso Emilio Ferreiro
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“(…) Comezo, non podía ser doutro xeito, con Celso Emilio Ferreiro, neste ano do centenario do seu nacemento e cando se cumpren cincuenta anos de Longa noite de pedra. O texto é inédito, ben revelador da súa estética e goza, ao meu ver, de plena actualidade. Extráese do Libro de Notas que acompañou ao autor nos derradeiros anos da súa vida (cortesía da Fundación Celso Emilio Ferreiro) e que incluía esbozos de poemas, reflexións, pensamentos, apuntamentos de ideas, etc.”
Manuscritos: Celso Emilio Ferreiro
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
O Carballiño: coñécense os premiados na Insua dos Poetas
“O
vindeiro sábado, 28 de xullo, terá lugar na Insua dos Poetas (Esgueva, O Carballiño) a IV edición da Festa da Palabra, dedicada este ano a Celso Emilio Ferreiro no centenario do seu nacemento e no cincuenta aniversario de Longa noite de pedra. Na xornada, que dará comezo ás once e media da mañá, descubrirase a escultura Irmaus, do artista ourensán Manuel Penín, e realizarase a entrega dos premios Sete carballas da Insua dos Poetas, que onte deu a coñecer o xurado. Nas principais categorías os galardonados foron Víctor Campio, en literatura; Alfonso Sucasas, a título póstumo, no apartado de artes plásticas; Antonio González, párroco de O Irixo, en medio ambiente; a Asociación Ourensana de Hemofilia en Acción Social; e o Centro Partido do Carballiño en Buenos Aires no ámbito da Emigración.” Vía La Voz de Galicia. Crónica posterior do acto no mesmo xornal e en Galicia Hoxe.
Esgueva, O Carballiño: IV Insua dos Poetas, adicada a Celso Emilio Ferreiro, o 28 de xullo
O
sábado 28 de xullo, ás 12:00 horas, na Insua dos Poetas (Esgueva, Madarnás, O Carballiño. Estrada do Carballiño a Lalín -OU-902-, km. 94,5) terá lugar a IV edición da Festa da palabra, adicada a Celso Emilio Ferreiro no centenario do seu nacemento. Terá lugar un acto literario, a inauguración da escultura Irmaus de Manuel Penín e a entrega dos Premios Sete Carballas. Ao remate, celebrararase un xantar de confraternidade e ourensanía.
Vigo: actividades destacadas do sábado 30 e domingo 1 na Feira do Libro
Continúa
a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), aberta até o domingo 8 de xullo. As actividades máis destacadas do sábado 30 de xuño e domingo 1 de xullo son:
* Sábado 30 de xuño:
– 19:00 h.: presentación de Dun tempo e dunha terra. Antoloxía poética de Celso Emilio Ferreiro, de Gonzalo Navaza, publicado en Tambre. No acto participa, xunto ao autor e o ilustrador David Pintor, Luís Ferreiro e Ignacio Chao.
– 20:00 h.: presentación de Xardín de inverno, de Ledicia Costas, publicado por Tambre. Xunto á autora participan Daniel Puente Bello e as Poetas da Hostia.
– 21:00 h.: presentación de Infancia de vacas mortas, de Xosé Daniel Costa Currás, publicado en Barbantesa. No acto, xunto ao autor, participa Ledicia Costas.
* Domingo 1 de xullo:
– 19:30 h.: sinatura de exemplares de Artur, de Xosé Manuel González, “Oli”, publicado en Kalandraka.
– 21:00 h.: Enogastrofonías ferreirianas, percorrido por Celso Emilio Ferreiro a través da poesía, a música e o viño. Preséntase o monográfico da revista Arraianos Celso Emilio Ferreiro fai 100 anos. Participan: Aser Álvarez, Alexandre Meire e Mario Poti.


