Arquivos da etiqueta: Centro PEN de Galicia
Rafa Vilar gaña o XXI Premio de Poesía Afundación
Desde a Xunta de Galicia:
“O escritor Rafa Vilar fíxose co XXI Premio de Poesía Afundación, promovido por Afundación, a Xunta de Galicia e o Centro PEN Galicia co fin de reforzar a produción poética en galego e contribuír ao enriquecemento da creación cultural galega actual.
No marco do fallo deste galardón, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, felicitou o gañador por pasar a formar parte “dun selecto grupo formado polos mellores nomes da poesía galega contemporánea como Ledicia Costas, galardoada na pasada edición, ou Yolanda Castaño, que acaba de ser recoñecida co Premio Nacional de Poesía 2023”. Neste senso, desexoulle a Rafa Vilar “máis éxitos no futuro porque isto sempre será unha boa nova para a nosa literatura e porque reflicte o bo momento que está a vivir o noso sector cultural”.
Rafa Vilar, nado en Cee no ano 1968, gañou coa obra Os lugares da memoria, escollida polo xurado entre as 34 propostas que se presentaron este ano e que dan mostra da boa acollida deste certame e de gran calidade literaria das novas xeracións galegas. (…)
O galardón, que implica a publicación do libro na colección Arte de trobar e unha dotación económica de 6000 euros.”
Bases do XXI Premio Afundación de Poesía
Vigo: entrega do XX Premio de poesía Afundación a Ledicia Costas
Toda a información sobre o acceso ao evento aquí.
Ledicia Costas gaña o Premio de Poesía Afundación con Ultraluz
Desde La Voz de Galicia:
“Ledicia Costas, coa súa obra Ultraluz acadou a vixésima edición do Premio de Poesía Afundación entre os 32 orixinais que se presentaron. O xurado resaltou que o poemario da escritora viguesa, segundo recolle a acta, «é un exercicio de claridade e autenticidade poética cunha clara vontade de achegar os mundos fantásticos ao noso bosque logrando unha interacción entre as referencias ao anime e á ciencia ficción. Hai unha interpelación ao lector como axente activo convidándoo a entrar nese mundo de frescor infantil que mestura o abraio e o sombrizo».
A elección dos versos gañadores desta edición do premio que convoca Afundación xunto ao Centro PEN de Galicia co patrocinio da Xunta de Galicia estivo moi igualada, resaltaron desde o xurado. Unha das cuestións que decantou a balanza cara a obra de Ledicia Costas foi que se trata dunha «poesía moi limpa, moi depurada. Ademais, prevaleceu que se trata dun libro que pode achegar lectores e lectoras á poesía», salientou Luís González Tosar, presidente do Centro PEN de Galicia e do xurado que se reuniu este xoves en Santiago, que estaba formado tamén por Xabier Castro, Ánxela Gracián, Estíbaliz Espinosa e Luciano Rodríguez.
Ultraluz, que foi presentado baixo o lema de “Kodama”, constitúe unha «aposta valente e fresca porque as referencias á ciencia ficción e o anime non son tan comúns na poesía e o libro gañador levounas moi ben a un terreo fácil de ler, que introduce elementos do mundo infantil, do mundo dos contos, pero nunha visión adulta, con luces e sombras, con madurez», salientou Estíbaliz Espinosa. Ultraluz, profundaron os membros do xurado, «é unha fantasía no bosque, un bosque que ten frescor e madurez». O traballo galardoado, segundo incidiron, «é algo novidoso e desmárcase do resto de traballos que se presentaron».
O galardón de Afundación implica a publicación do poemario na colección Arte de trobar e conta cunha dotación económica de 6.000 euros. (…)”
Bases do XX Premio de poesía Afundación
Ferrol: Gala de entrega do XIX Premio de poesía Afundación a Medos Romero
O 9 de decembro, ás 19:00 horas, na Sede Afundación de Ferrol (Praza da Constitución, s/n.), terá lugar a gala de entrega do Premio de Poesía Afundación a Medos Romero por E o sol era ela. No acto a gañadora recitará algúns poemas e proxectarase unha videocreación inspirada en A espera, de Argüelles, unha peza da Colección de Arte Afundación, cuxa imaxe ilustra a sobrecuberta do libro. As persoas interesadas deben inscribirse previamente aquí.
Bases do XIX Premio de poesía Afundación
Entrega do XVIII Premio de poesía Afundación
Oriana Méndez gaña o premio Afundación 2020
Desde Nós Diario:
“A escritora Oriana Méndez resultou vencedora da XVIII edición do Premio de Poesía Afundación, co libro de poemas Interna, destacado polo xurado como unha obra caracterizada “por unha voz feminina que mantén un ritmo constante a través de versos depurados e conmovedores cheos de autenticidade e reveladores dos espazos máis privados do eu”.
Oriana Méndez, nada en 1984, é licenciada en Filoloxía Galega pola USC (Universidade de Santiago de Compostela) e iniciou o seu labor poético en 2000, na revista cultural A Caramuxa, e continuou noutros colectivos como Burla Negra ou a revista Mealibra.
O galardón, convocado en colaboración co Centro PEN da Galiza e a Xunta, conleva a publicación do libro na colección ‘Arte de trobar’, ademais dun premio económico de 6.000 euros.
A resolución do xurado desta edición, á que se presentaron un total de 27 obras inéditas, deuse a coñecer nun acto celebrado na Sede Afundación de Compostela.”