Ramón Vilar: “Hoxe os nenos do rural galego visten coma os de Nova York”

EntrevistaRamón Vilar Landeira de César Lorenzo Gil a Ramón Vilar Landeira en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Os televisores estrábicos remata cun relato, ‘Diario de Caión’ que, ao meu ver, funciona coma un colofón, un texto moi diferente aos outros, no que se retrata un xornalista que acaba de ficar no paro, que se separa da muller e que decide capitalizar o subsidio e dedicarse “profesionalmente” á literatura. Primeiro, recoméndolle que tire dese fío en futuros proxectos. E segundo, dado que é un exercicio de ficción coas raíces moi cinxidas á súa propia vida, gustaríame saber como xestionou o pudor a expoñerse.
– Ramón Vilar Landeira (RVL): É certo que ese relato ten paralelismos coa miña propia vida pero é ficción, tan ficción coma o resto do volume. Claro está que o lector percibe máis de min nel ca noutros. Houbo quen me chamou todo alarmado para preguntarme se de verdade me separara. En realidade, tanto ese coma os outros relatos falan de fracaso, ao redor da crise e a soidade. Non tiven que esforzarme máis nel ca noutros. Si me pasou de haber lectores que o destacan moito sobre os outros; pero na mesma proporción están os que pensan que o mellor é ‘O orballo no retrovisor’, cun estilo e argumento que non teñen nada a ver con este outro do que falamos.
– B: Son relatos sobre o fracaso pero escritos co humor como lubricante. Non é que sexan historias humorísticas pero o humor mastígase no ambiente das narracións.
– RVL: Non está buscado a mantenta pero si considero o humor como unha válvula de escape para situacións que sen el poderían ser abafantes de máis. Para min, o humor é o que evita que crebemos, xa non só como recurso literario senón á hora de encarar a propia vida.
– B: Outro ambiente, o espacial, está moi definido. Non se escribe moito en Galicia sobre ese territorio máis vilego ca aldeán, o deses pequenos núcleos xa non tan rurais, con tendas e bares e incluso sucursais bancarias.
– RVL: Grandil, que é o espazo recorrente en todo o libro, quere ser unha amálgama de todos eses lugares en Galicia que non chegan a ser grandes vilas pero que tampouco son aldeas; núcleos de poboación a 20 ou 30 km de espazos urbanos dos que son satélites. Unha das miñas obsesións é reflectir o cambio social que se produciu nestes núcleos nos últimos 20, 30 anos. Di moitas veces miña nai: “Cando erades pequenos tiñades coloretes. Hoxe xa ninguén ten coloretes”. E é certo, será da alimentación ou non sei pero os nenos xa non teñen a cariña colorada. Neste tempo nada diferencia un neno do rural galego dun nacido en Nova York. Visten igual, coñecen as mesmas cousas… Cando eu era cativo xogabamos ao futbolín no bar da aldea; agora van xogalo a Ordes ou á Coruña. As aldeas convertéronse en suburbios, en arrabaldos, en urbanizacións das que desapareceu a vida económica e social. (…)”

Pontevedra: programa de actividades do Culturgal 2014

PROGRAMA-CULTURGAL-2014

Lois Diéguez: “O corazón das cidades non son os monumentos, son as xentes”

EntrevistaLois Diéguez de César Lorenzo Gil a Lois Diéguez en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): De onde xorde a idea do libro Lugo, a cidade dos tesouros encantados?
– Lois Diéguez (LD): Pois xustamente naceu no deserto de Exipto, ao pé das pirámides. Estaba eu aló con Felipe Senén e puxémonos a cavilar sobre o fascinio que esperta nos galegos a paisaxe do deserto, por contraste co verdor de Galicia. De aí pasamos a comentarmos o meu libro Viaxe ás Terras Encantadas de Lemos –publicado por Edicións A Nosa Terra no 1999– e ao final díxome: Por que non escribes un libro sobre Lugo? E así naceu a idea. Logo foi medrando até que topei co pulo literario do equipo de Engaiolarte e o proxecto foi tomando a forma que agora ten.
– B: Non é unha guía ao uso de Lugo.
– LD: Na editorial Engaiolarte, en palabras do seu editor, Xan Carballa, querían crear unha guía de Lugo para persoas que nunca estiveran en Lugo. E pensei: hoxe en día hai tanto que visitar, temos acceso a tantos lugares, que é o que realmente interesa dunha cidade como a de Lugo? Deime conta que o principal atractivo é o corazón dunha cidade, que se amostra a través das súas xentes. Os monumentos son estáticos, o que realmente move unha cidade e tamén o desexo de visitala son os seus habitantes. Esta obra humaniza a xente luguesa, rompe o criterio habitual de que nas guías se destacan os personaxes sobranceiros. Aquí os personaxes protagonistas son as persoas humildes do pobo de Lugo. (…)
– B: A emoción ten a ver co descubrimento, coa sorpresa… Vostede é un gran viaxeiro e un veterano guía e cronista de viaxes. Como se consegue transmitir esa sensación cando un xa coñece moito un lugar?
– LD: Quen mellor coñece un lugar e polo tanto mellor pode contárllelo aos que o visitan por primeira vez é unha persoa nativa que teña sensibilidade e sexa curioso abondo como para coñecer máis alá do obvio. Certo é que esa sensación de sorpresa, esa vertixe do descubrimento sempre a vai conseguir alguén que chega, ese viaxeiro que vai coa mente aberta, disposto a aprender e a compartir. Eu diferencio turistas de viaxeiros. Os turistas son visitantes superficiais, cheos de preconceptos, incapaces de entraren de verdade no lugar ao que chegan. Os viaxeiros falan cos nativos, observan o que teñen diante, buscan sorprenderse. Para escribir un libro de viaxes o mellor é ser un viaxeiro que conta co bordón dos coñecementos dun nativo. Ás veces, un mesmo pode ocupar os dous oficios: cando escribín a Viaxe ás Terras Encantadas de Lemos decidín que, a pesar de ser eu nacido alá, tiña que coller a mochila e camiñar para encontrar iso que non se aprehende como simple veciño dun sitio. Cambioume moito a mirada sobre a miña terra aquela viaxe. (…)”

Rosa Aneiros: “Non podemos pintarlle á mocidade o futuro en negro”

Entrevista Rosa Aneirosde César Lorenzo Gil a Rosa Aneiros en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): A resposta dos lectores da triloxía [Ámote Leo A.] foi excepcional. O personaxe de Leo tamén callou neles. Como viviu esta experiencia paraliteraria? Pode ser que estas sensacións só se vivan no contexto do libro infantil e xuvenil?
– Rosa Aneiros (RA): Coido que cada obra ten a súa propia resposta. Cando publiquei Resistencia (Xerais) sorprendinme da reacción da xente que lía a historia. Coido que no caso de Leo A. esa resposta foi máis entusiasta, máis espontánea. Neste tempo tamén é máis visible porque se sustenta nas redes sociais, especialmente o facebook e o twitter. E desta volta volvinme sorprender ao ver chíos con citas dos libros, fotografías baseadas nos personaxes… Foi moi gratificante recuperar esa sensación que eu tiña con 14 anos de que todo era posible, de que a vida era unha páxina en branco e podiamos aspirar a todo. Eu son xornalista de profesión. Como observadora da realidade, dáme moita mágoa esta especie de determinismo gris que se bota enriba da mocidade: habedes estudar para nada, para emigrar ou para estardes no paro. O mellor que vos pode pasar será terdes un traballo precario. Pois non. Hai que cultivar a esperanza, o espírito crítico. Un dos motivos de escribir esta historia é tamén reaccionar a un tipo de literatura para mozos baseada en experiencias acríticas. Vou dar un nome: Federico Moccia. Ese tipo de libros móstranos unha forma de vivir contraria ao que debe ser a xuventude. Por iso os personaxes da miña triloxía son valentes, son arriscados, son diferentes. Porque esa actitude non a debemos perder nunca, especialmente cando empezamos a vida adulta. (…)
– B: Explíqueme como funciona o proceso de creación no seu caso.
– RA: Onde primeiro escribo é na cabeza. Teño moitas historias circulando pola mente; vounas agrandando na primeira fase sen escribir nin unha liña, nin unha nota. Vou camiñando e vou pensando en tal ou cal momento da acción; quedo no parque coa miña nena de dous anos e perfilo este ou aquel personaxe. Só cando a historia está amadurecida é que me poño a contala. E aí empeza outro proceso porque todo aquilo que pensara moitas veces acaba esborrallado. Gústame escribir porque é escribindo que constrúo o relato. É a medida que vou construíndo a historia que os personaxes, as escenas, os conflitos van collendo corpo, vanse desvelando a medida que os creo. Iso paréceme fascinante. Pero tamén hei recoñecer que me custa pórme a escribir porque preciso que o relato estea pronto e me pida saír. (…)
– B: E paradoxalmente, tal e como explicaba Fran Alonso tamén en Biosbardia, nunca tantos escritores profesionais houbo en Galicia, considerando profesionais persoas sen emprego que ocupan as horas de cada día facendo literatura. Non pode haber overbooking de orixinais dentro dun tempo?
– RA: Non creo. A conxuntura editorial é moi dinámica. Absorbe moitos textos. Mentres uns publican os outros escriben. Uns empezan unha novela, outros toman un descanso logo de varios anos dedicándose á literatura. É bo que haxa relevo, é bo que haxa talento trabalando. E esta situación, teño que dicir, vívoa cunha mestura de sentimentos. É dramático que tantos xornalistas que saben escribir tan ben hoxe non estean redactando reportaxes e entrevistas na prensa, que non teñan onde amosar ese talento. E é dramático porque vivimos un tempo que hai que contar e quizais os que o deberían contar ou ben están no paro ou ben están abafados nas redaccións con ocupacións sen importancia por culpa da precariedade ou das axendas dos medios. Pero ao mesmo tempo coido que vai quedar testemuño literario desta época mediante esas obras que se están a escribir. No futuro seguramente leremos a Diego Ameixeiras para entender que pasou na Galicia deste momento. E coido que ese diálogo dos novos escritores coa realidade vai atraer novos lectores que habitualmente non lían en galego. Así que malia ser unha situación que me pon triste, por outro lado dáme moita alegría. (…)”

XI Simposio O libro e a lectura nos medios, o xoves 20 de novembro

A edición número once do Simposio anual O libro e a lectura, unha iniciativa da Asociación Galega de Editores organizada por vez primeira no 2003, terá lugar o 20 de novembro no auditorio do Consello da Cultura Galega. O prazo de inscrición estará aberto até o 17 de novembro. O libro e a lectura nos medios será o tema baixo o cal 14 relatores expoñerán as súas propostas e experiencias relacionadas coa realidade actual dos medios e a súa aportación e atención á lectura e o libro, cernes do coñecemento e a cultura. A entidade organizadora conta coa colaboración de CEDRO, a Xunta de Galicia e o Consello da Cultura Galega.
Este é o programa:

Simposio Libro e Lectura 2014

Xosé Antonio López Teixeira: “A liña oficial de investigación da USC fai historia de España desde Galicia”

EntrevistaXosé Antonio López Teixeira de César Lorenzo Gil a Xosé Antonio López Teixeira en BiosBardia:
Rex et Regina. Urraca, Afonso Raimúndez e a monarquía galega (Toxosoutos) gañou o Premio de Historia Medieval de Galiza e Portugal 2013. Nesta obra, o historiador Xosé Antonio López Teixeira (Vigo, 1957) defende o poder que a Igrexa e a nobreza galegas tiñan no século XII no cerne do que a historiografía española oficial aínda hoxe define ben como reino de León ou directamente Coroa de Castela. Tamén serve este libro para reivindicar as calidades como político de Pedro Froilaz, o conde de Traba, que viviu sempre á sombra da fascinación que espertou a todos os niveis Diego Xelmírez.
– BiosBardia: A pesar de que aumentaron as publicacións que reivindican a existencia do reino medieval de Galicia, segue a ser heterodoxo encontrarse con textos coma o seu, que explican que a monarquía galega era hexemónica na política occidental cristiá ibérica até o século XIII.
– Xosé Antonio López Teixeira: A liña oficial de investigación da USC fai historia de España desde Galicia. Houbo tradicionalmente varias liñas de estudo sobre historia social, cos Irmandiños como gran símbolo. Son os propios historiadores medievais galegos os que renuncian a facer historia política. É máis, hai quen nos acusa de facermos “historia dos reis”. Non, intentamos cubrir o oco que hai na historia do poder, para coñecermos como se organizaba o territorio e quen mandaba nel. E se se analiza a documentación diplomática daqueles séculos vese que a Galicia histórica era hexemónica. (…)”

Alejandro Tobar: “As subvencións, en vez de consolidar o mercado das traducións, desvirtuárono”

EntrevistaAlejandro Tobar de César Lorenzo Gil a Alejandro Tobar en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): A tradución é un dos alicerces de calquera sistema literario. En galego custa moito crear un mercado estable para os libros foráneos. Que cre que falla? Que se pode facer para melloralo? Que papel lle toca ao Goberno?
– Alejandro Tobar (AT): Na sociedade galega coa que eu fantasío, os libros en galego son inmensa maioría, e non hai lector que, en similares condicións, recorra antes a unha tradución en castelán ca a unha en galego. Non ten sentido que unha lectora galega calquera, por exemplo, se interese por comprar Miguel Strogoff, Canción de Nadal ou 1984 en castelán cando existen boas e coidadas versións destas obras na nosa lingua De feito, como comportamento é disparatado e daniño. Ora ben, sucede que esa lectora a miúdo descoñece que en galego dispomos desas e de infinidade doutras importantes obras. Esta circunstancia vén motivada por diversos factores, algúns realmente graves, como o feito de que padezamos un goberno que no ámbito lingüístico voga á contra, que carezamos por completo dun plan lector, dunha estrutura de promoción e dotación das bibliotecas, dun modelo de creación dunha engrenaxe editorial seria. O actual sistema de subvencións, lonxe de consolidar o mercado de tradución ao galego, desvirtuouno.
Hai outros defectos: que as máis das librarías non se preocupen de contarlles aos interesados que de tal ou cal libro que buscan hai versión galega; que a Asociación de Tradutores Galegos sexa ninguneada ano tras ano; que a Facultade de Tradución de Vigo non se anime por fin a facer unha subscrición coas editoriais de tradución do país –que lle suporían 500-800 euros ao ano por recibir a produción editorial traducida de Kalandraka, Rinoceronte, Galaxia, Urco, Xerais…? Fariámoslles prezo, con certeza–; que non haxa unha masa social potente que dea un golpe na mesa e lea dunha vez na lingua que lle corresponde por ser de onde é, en fin: o cambio ten que ser de raíz. Con todo e iso, resistimos.
– B: Vostede publicou un libro (Cremalleiras, Tris Tram, 2008). Segue a escribir?
– AT: Si, algo escribo, pero sen ínfulas de ningún tipo, é dicir, só por pracer, para exercitar a mente e para despois o gardar nun ficheiro e deixalo aí aparcado, nas entrañas do portátil. Gozo moito coa escritura e coa lectura, a verdade. (…)”

Ledicia Costas: “A miña primeira novela escribina con 14 anos”

EntrevistaLedicia Costas de César Lorenzo Gil a Ledicia Costas en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Escarlatina é unha viaxe ao mundo dos mortos pensado para rapaces. Mortos cheos de humor pero que feden mal, que apodrecen. Como manexou o pudor de falar de determinados temas para o público infantil?
– Ledicia Costas (LC): Non. Non teño pudor cando escribo. Nos libros, tamén nos infantís, o único que hai que ter en conta é o respecto cara aos lectores. Non debemos pór barreiras ou limitar que temas son ou non son para nenos. Este é un libro de humor macabro. Quixen desmitificar a morte, falar dela con naturalidade e graza. Estraño aquelas historias de terror humorístico ou humor terrorífico que lía cando era pequena… O pequeno vampiro, por exemplo. (…)
– B: Como é o seu método: escribe todos os días?
– LC: Todos os días, ao redor de oito horas en cada xornada. Son moi metódica pero non escribo segundo un plan definido. Gústame ir construíndo a historia a medida que a vou escribindo. É o mellor xeito de que siga a ser divertido escribir. Pero tamén sei que o éxito para unha escritora, é dicir, conseguir escribir o libro que queres escribir, só se consegue con esforzo, con horas e horas diante do texto; primeiro creando e logo corrixindo. A corrección é o que menos me gusta do meu traballo pero é un labor ao que lle dedico moito tempo. Chega un momento no que xa practicamente sei de memoria o texto dos meus libros e até me farta telos diante e estou desexando mandalos á imprenta e esquecelos. Antes lía os libros unha vez publicados e incomodábame porque vía que aínda había cousas que se poderían ter corrixido. Escarlatina é o primeiro que non lin. (…)
– B: Tamén probou a escrita a catro mans con Pere Tobaruela. Que diferenzas encontrou a respecta da creación individual?
– LC: A principal, que non se pode improvisar nin ir creando sobre a marcha. No traballo colectivo cómpre cinxirse a un guión previo e ir cumprindo cada un a súa parte. Foi unha iniciativa de Tobaruela e prestoume bastante inventar canda el esas historias negras para rapaces.
– B: As autoras de literatura xuvenil ou infantil adoitan ter maior contacto cos lectores grazas ás visitas aos centros de ensino. Tirou ideas destes encontros para futuros libros?
– LC: Tanto coma iso non. Falar cos rapaces é moi interesante para saber por onde respiran, que lles interesa, como esperan que sexan os personaxes das novelas. Aínda así, os meus libros son bastante libres. Gústame saber que opinan os lectores pero o principal é crear sen receitas, asumindo riscos. (…)”

Armando Requeixo: “Para un libro ruín non hai crítica máis feroz ca o silencio”

EntrevistaArmando Requeixo de César Lorenzo Gil a Armando Requeixo en BiosBardia:
“- BiosBardia (B): Vostede desenvolve o seu labor como crítico nos medios de comunicación. Que diferenzas encontra a respecto da crítica académica ou en publicacións moi especializadas?
– Armando Requeixo (AR): O crítico literario é un lector autorizado, cunha competencia lectora superior grazas á súa experiencia ou coñecementos na materia. A súa misión é valorar dun xeito máis ou menos subxectivo un texto, unha crítica que sirva para informar o público potencial dunha obra literaria. O analista ou investigador literario estuda os textos dun xeito académico. Fai unha valoración obxectiva. En troques de valorar, enuncia hipóteses de traballo. Resumindo, ambas figuras comparten o seu labor de mediadores. No primeiro caso entre os produtores literarios e os lectores; no segundo caso entre os autores e o canon literario que todo sistema debe ter.
Teño analizado este tema en diferentes foros. Para quen queira profundar, recoméndolle que lean o texto que escribín (“Crítica galega. Problemática e actitudes”) sobre este asunto no número 168 da revista Grial, publicado no cuarto trimestre do 2005. (…)
– B: Que cambios notou na súa propia maneira de facer crítica desde primeiros da década do 1990, cando empezou?
– AR: Fun aprendendo, non tanto o que cómpre facer coma o que nunca debe facerse. Para min un ensino fundamental foi decatarme de que dun bo libro ten de se falar sempre para dálo a coñecer, dunha obra con luces e sombras convén ocuparse tamén para amosar a perspectiva propia sobre os acertos e as melloras posibles, pero dun texto ruín non debe dicirse palabra, pois non hai crítica máis feroz que o silencio. O espazo público que se nos dá aos críticos é demasiado precioso como para desperdicialo ocupándose de subprodutos. (…)
– B: Falemos de literatura: É vostede dos que pensa que vivimos unha Idade de Ouro, unha Idade de Alcatrán ou unha Idade de Miseria, con poucas obras publicadas. Pode engadir outra idade?
– AR: Nin unha cousa nin a outra nin todo o contrario. Vivimos na Idade da Fronteira, cun sistema que se está redefinindo constantemente nun mundo moi cambiante, con sistemas extraliterarios que interseccionan con este e fan que se reconfigure a gran velocidade: o político, económico, social, cultural, lingüístico ou o mediático en xeral e o “internetiano” en particular, por exemplo. Por tanto, nalgunhas cousas estamos peor que noutros tempos outras xa as perdemos e noutras máis progresamos francamente ben. O presente é complexo, o futuro incerto. Se hai vontade de sermos e de avanzarmos, andaremos o camiño. (…)
– B: Os premios literarios son vistos arestora como a maneira máis doada de publicar; xa nin importa tanto o gaño monetario dos certames. É entre os aspirantes aos diferentes galardóns que está o magma máis substancioso das nosas letras?
– AR: A miña experiencia dime que todo segue importando: o prestixio do galardón –é fácil que bos orixinais concursen en premios con longa tradición– pero tamén o premio en metálico (isto é matemático: a maior dotación, maior participación) ou o nome da casa que publicará a obra distinguida e se esta é comercial ou institucional. Os premios seguen a ser un viveiro de novas voces e, sobre todo os que se convocan para xente moza, un espello bastante fiel de por onde poden ir os vieiros futuros da nosa escrita. (…)”

Xavier Queipo: “Sempre procurei a experimentación, na vida persoal e na literatura”

EntrevistaXavier Queipo de César Lorenzo Gil a Xavier Queipo en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): O relato de viaxes, especialmente a Asia, é unha constante na súa obra que se repite neste volume [55]. Explíqueme un pouco de onde vén ese interese.
– Xavier Queipo (XQ): Na vida de cada un de nós hai experiencias marcantes. Eu multiplico os meus cinco sentidos canónicos co que eu considero os cinco puntos cardinais do escritor, é dicir:
Primeiro observar con atención –que vai alén de ver–, logo escoitar diálogos acamados en varios estratos (por exemplo nunha festa, nun autobús, na rúa) para mesturalos como material para a escrita. Por suposto soñar (así conseguimos un arquivo de imaxes fantásticas, de secuencias temporais inauditas no tempo real. Tamén ler, e moi en particular, reler en voz alta, para que a lectura deixe un pouso especial. Sobre ese pouso é doado integrar as propias ideas sincopadas. E finalmente, reflexionar até dotar de estrutura un texto, que logo xa se escribe de xeito automático.
Hai varias desas experiencias na miña vida e as máis das veces escribo precisamente delas utilizando esa combinación de sentidos e esas coordenadas. Os veráns na aldea, as longas tempadas de vida no mar en condicións extremas, a experiencia como médico e máis en particular a experiencia nun sanatorio psiquiátrico, a primeira viaxe a Asia, máis en concreto á selva, ao pouco de rematados os estudos de bioloxía, os amores difíciles e a exclusión social, a emigración forzada por mor desa exclusión, o traballo nun contexto multicultural e multilingüístico… Se conto estas cousas é para indicar que, en gran medida, a miña escrita parte, xa non tanto na temática senón no xeito de contar as cousas, do vivido, do soñado, do experimentado… todo peneirado pola aventura magnífica de escribir nunha mestura de realidade e ficción, que se mesturan coma dous gases sen que saibamos onde comeza un e onde remata o outro. (…)
– B: Outra ponla de 55 é a literatura científica. Debe ser pola propia orientación profesional dos escritores galegos pero non abondan mostras deste xénero. Que dificultades encontra? E que potencialidades?
– XQ: Esa visión das pólas é curiosa, pois dalgún xeito leva aparellada a idea de que todo o libro forma parte dun tronco único, o que acae ben coa miña idea de cosmogonía en formación. Eu teño unha formación científica, que acarrexa unha práctica cotiá do método hipotético-dedutivo, propio das ciencias. Mais tamén teño unha formación literaria construída, se cadra, dun xeito máis ecléctico, como adoita acontecer cando un é autodidacta. A estas características habería que sumar a formación sentimental e artística por simpatía, ao levar case 30 anos de parella dun artista, a formación de funcionario dunha institución internacional, que leva xunguidas certas doses de conciliación, capacidade de negociación, diplomacia, mestura de argumentos técnicos e políticos no discurso. A “escritura científica” é o resultado desa amálgama, onde agroman regularmente termos científicos que forman parte do meu discurso diario. Eu falo así e, por exemplo, á simulación de morte chámolle tanatocrese, e á morriña do inverno diapausa, mais iso forma parte do meu xeito de ser e de falar e non debería soar como algo imposto ou metido a presión no texto senón que forma parte da miña linguaxe cotiá, onde é fundamental medir as palabras, ter claros os conceptos. O mesmo acontece coa mestura doutras linguas. No meu contorno fálase así, e cando non che sae unha palabra nunha lingua usas doutra lingua e continúas así a falar con naturalidade. As potencialidades desa mestura son enormes, en particular para construír un estilo propio, recoñecíbel, en permanente evolución, coma se se tratase dun big-bang lingüístico. (…)
– B: Neste tempo no mercado literario coma en calquera outro mercado, utilízanse etiquetas para vender mellor os produtos. De aí o de literatura africana, feminina, nórdica ou homosexual. Como valora este sistema. A orientación sexual ou a procedencia xeográfica inflúe tan decisivamente sobre a obra artística?
– XQ: As estratexias comerciais supoño que son lexítimas, pois o traballo dos editores é vender libros. Non parece que no noso sistema literario estean producindo grandes resultados, pois non só baixan as vendas, senón o interese pola nosa literatura. Non digo que os nosos editores non saiban vender libros, mais coido que as súas estratexias comerciais non son de éxito. Se cadra isto ten que ver cunha limitación crecente dos recursos publicitarios ou co encistamento nunhas rutinas que non acaen ben cos tempos que vivimos. En Galicia, agás algunhas excepcións notables (Agustín Fernández Paz, Manuel Rivas, Diego Ameixeiras, Xurxo Souto), a única estratexia que funciona é a dos premios ou o carácter mediático dos autores. Iso ten que ver, probabelmente, co tamaño do noso sistema literario, non coa calidade da escrita, que está a vivir un momento doce. As etiquetas son se cadra necesarias dende o punto de vista do vendedor, mais a min como autor e como lector non me interesan en absoluto. Ao fío disto, gustaríame dicir que un dos mellores agasallos que me fixeron nos últimos tempos foi este artigo de Carlos Negro, no que falaba de “literatura sen necesidade de ningún adxectivo”. Nesa categoría, “sen necesidade de ningún adxectivo”, é onde me sinto cómodo. (…)”