Entrevista de César Lorenzo Gil a Manuel Forcadela en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Que novela lle gustaría protagonizar?
– Manuel Forcadela (MF): A dun poeta que viaxa en autocaravana por Europa e dá longos paseos por cidades vellas facendo fotos. Un melancólico do tempo dos hippies que atesoura o desprazamento e a novidade cultural como parte do seu síntoma.
– B: Que novela o reconciliou coa literatura?
– MF: A morte de Virxilio, de Hermann Broch e a narrativa completa de António Lobo Antunes, un autor que adoro. Antes tamén A montaña máxica, de Thomas Mann. Recordo tamén cando empecei a ler Cien años de soledad e non puiden levantarme da cadeira, a pesar dos prexuízos previos que me levaran a rexeitala durante algún tempo. Creo que lin a novela enteira en dúas ou tres sentadas. Últimamente Arrecife, de Juan Villoro. (…)
– B: Escribirá as súas memorias?
– MF: A recapitulación do que foi a existencia precisa esa mirada desde o alén, desde esa perspectiva que xa non é a do existente e mortal, senón a da eternidade que reside nos idiomas. Verba volant, scripta manent. A autobiografía, que é o deitado da existencia no leito das palabras, procura facerse interpretar por signos compartidos na boca dos outros.
Mais o vivido malamente pode ter breviarios porque a existencia sempre foi intensidade.
Facer biografía, pois, é separar o vivido do dito, o existente do escrito. E comprender que esa fenda é definitivamente intransitable. Entender que esa distancia é para sempre.
Só preciso dúas cousas: encontrar un Eu que sexa quen de gobernar o conxunto e unha Voz que lle dea sonoridade. Diso se trata.
– B: Que autor/a considera responsable de que vostede se dedique á literatura?
– MF: Na miña mocidade, Ferrín, que foi o meu profe no instituto e que nos convenceu de sermos galeguistas para sempre. Xa na mocidade, Carlos Oroza. Aconteceu que eu tiña un cuarto libre no piso no que residía en Santiago e un día Carlos apareceu por alí, porque se fixera amigo do meu compañeiro de piso Manolo Martínez, da Fonsagrada, (un saúdo, Manolo, cántos anos) e dixémoslle que podía quedar se quería. Así que, durante dous cursos, Carlos foi o noso compañeiro de piso. Vivía como un anacoreta. Comía pouquísimo. E estabamos até as tantas da mañá falando e falando sobre o divino e o humano. En varios dos meus libros desa época hai mencións e dedicatorias a Carlos que son mostra desa comunicación. (…)”
Arquivos da etiqueta: César Lorenzo Gil
Anxo Angueira: “Vai medrando na cabeza unha novela que quero escribir desde hai dez anos, pero moi pouco a pouco”
Entrevista de César Lorenzo Gil a Anxo Angueira en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Que novela o reconciliou coa literatura?
– Anxo Angueira (AA): Nunca tiven que reconciliarme coa literatura. Pero houbo algunhas que me deixaron marca nese sentido. Por exemplo La saga fuga de J-B, de Gonzalo Torrente Ballester, e Bretaña, Esmeraldina, de Méndez Ferrín. (…)
– B: Que libro lle gustaría ter escrito?
– AA: A min gustaríame escribir a novela que quero escribir desde hai máis de dez anos. Vai medrando na cabeza, pero moi pouco a pouco. (…)
– B: E un libro galego posterior ao 1970 que adora?
– AA: Cabalgada na brétema, de Darío Xohán Cabana. (…)”
Pontevedra: presentación de Gazafellos, de Alfonso Barreiro (Fon)
Bertamiráns, Ames: presentación de Agora que cala a noite, o 15 de decembro
Marilar Aleixandre: “Hai un mito de que antes o ensino era mellor, o que é totalmente falso”
Entrevista de César Lorenzo Gil a Marilar Aleixandre en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Que novela lle gustaría protagonizar?
– Marilar Aleixandre (MA): Non o teño claro, pois moitas das novelas que máis me gustan son historias moi duras, nas que os protagonistas sofren ou mesmo morren. De rapaza querería protagonizar A illa do tesouro, de Stevenson, navegar nun barco de vela –aínda que cando viñamos de Ceuta á península en barco adoitaba marearme–; talvez por iso escribín A expedición do Pacífico, na que Emilia, unha rapaza, viaxa nun barco. Das cousas máis lindas que me dixeron nos encontros con lectoras e lectores nos institutos é “eu sentín que era Emilia”. (…)
– B: Leva vostede un diario ou un dietario?
– MA: Un diario non. Teño varios cadernos nos que anoto cousas; tamén tomo notas no ordenador. Notas que poden ser de algo que ocorreu, dunha conversa, dun libro que lin, dun libro que penso escribir. Nada sistemático como diario.
– B: Escribirá as súas memorias?
– MA: Talvez. De momento os proxectos que teño entre mans son ficción ou poesía.
– B: Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?
– MA: Non podo atribuírllo a unha autora, a un autor. De moito ler, acabei escribindo, mais en distintos momentos da miña vida estaba influída por distintos autores. Cando estudaba na universidade Marguerite Duras, lembro ler Des journées entières dans les arbres e decatarme de que era diferente a todo o que lera até ese momento. Foi ese o tempo en que comecei a escribir, non a publicar que daquela era ben difícil; eu nese intre dedicaba máis enerxías á militancia clandestina antifranquista; é o tempo no que me tocou vivir de nova. (…)”
Montse Fajardo: “A literatura foi a máis fiel das compañeiras”
Entrevista de César Lorenzo Gil a Montse Fajardo en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Que novela a reconciliou coa literatura?
– Montse Fajardo (MF): Nunca tiven a necesidade de reconciliarme. A literatura foi a máis leal das compañeiras. (…)
– B: Leva vostede un diario ou un dietario?
– MF: Non, fíxeno de nena pero xa non. Teño un bloc para apuntar cousas boas que me pasan no día a dia e así acudir a elas nos días tristes… pero case sempre esquezo escribir nel. Un desastre
– B: Escribirá as súas memorias?
– MF: Nin de broma!
– B: Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?
– MF: Non é unha autora, é un lugar: a imprenta Celta, que rexentaba a familia do meu tío en Vilagarcía. Crieime aí, entre libros, e iso foi clave non só na escrita: en todo o devir da miña vida… (…)”









