Homenaxe A Escritora na súa Terra – Letra E a Pilar Pallarés: discurso da presidencia da AELG na descuberta do monólito e a plantación da árbore

“Amigas e amigos,
Autoridades das institucións culturais políticas e sociais,

Querida Pilar Pallarés,

Facemos nacer da terra fértil a pedra para así crear o lugar do poema, para que soñe e se faga substancia, ánima da pedra.
Chantamos a pedra para que o sen tempo chame polo poema, chame e fale en emocionado diálogo cos libros da biblioteca como corazón colectivo no que cabe o latexar das personaxes que os Escritores e Escritoras crearon e que nela moran para estas se recoñeceren nos versos do poema de Pilar Pallarés e crearen outros poemas, outro tempo. Eles darannos a capacidade de nomear o tempo que aínda non existe.
A pedra da poeta que vén buscar achego perto dos lectores e lectoras, que tamén darán acougo a estes versos insculpidos na pedra. A insculpida pedra que o canteiro Domingos tallou con sabia e cálida mao.
Chantámola nun lugar de tránsito entre a cidade e a memoria de cidade verde onde as veciñas e veciños creando hortas salváronse das ás veces frías xeometrías urbanas.
Este xardín futuro da poesía, este anaco da natureza que na soia humilde centralidade é un cosmos onde o confluír en irmandade da biblioteca pública, do centro escolar, coas hortas dos mariñeiros, coas casas mariñeiras, fainos lembrar que está cidade ten unha antiguísima alma mariñeira. As hortas aínda teñen memoria da humildade do eido fértil onde reborda a vida, teñen unha alma na que habita a natureza como eco non moi lonxincuo dunha alma anterior á cidade, que era o eido a ser traballado polo home e a muller para o seu sustento.
Como nos versos da nosa poeta homenaxeada, furtamos hoxe silabas súas ao silencio para as traer a aquí e sexan elas bolboretas de luz, para que sexan hoxe presente, e tamén o lonxincuo da memoria colectiva que se chanta na terra fértil. Chantamos a pedra da escritora, facémola pedra fita, nosa, que chanta a raíz do poema, que enuncia e canta neste lugar que dende hoxe é xardín da poesía, onde o carballo entregará as súas sombras e se fará tempo vedraio, tempo antigo, amada caracocha onde naza o canto rumoroso do chover e diga delicadas sílabas do verso en namoro, a rula.
Aquí cantará de mañanciña clara a luz que vén do mar, e acariñará a pedra que pide tempo para ser memoria, eco antigo, para facer tremer de beleza o poema.
A árbore da poeta, o carballo, será sólida columna e sosterá o centro: un dos cinco puntos cardinais que nos di o pensamento do lonxincuo oriente, neste doce día de xuño, nun verao acabado de nacer que foi preguizoso en nos dar a súa mornura.
Chantamos a árbore na súa raíz, o carballo, o símbolo desta terra que é folla acharoada no chover e cae na terra para se facer fértil humus.
El daranos a sombra na súa rotación estacional pola que seguirmos o paso do tempo que tamén é arbore, daranos na mao o tempo circular, a luz a tecer a súa infinita espiral. Será acougo no verao co seu reloxo de sombra, para que a luz aconteza. A palabra que agarda polos soños.
Agardamos que este lugar sexa Ágora de comunicación poética e siga a dar fe da alma das cousas, dos sons da chuvia. Lugar onde reborda a luz para nos desvendar o misterioso que habita a realidade no idioma que é a memoria, que somos o Nós que contén o eu e os estremecementos desta clara luz de xuño.

Cesáreo Sánchez Iglesias
Presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
Xardíns do Centro Ágora
A Coruña, a 29 de xuño de 2019

O discurso pode descargarse aquí.

A Escritora na súa Terra: Pilar Pallarés. A Coruña, 2019

A Escritora na súa Terra: Pilar Pallarés. A Coruña, 2019 terá lugar o 29 de xuño. Esta actividade conta co apoio do Concello da Coruña, CEDRO, Xunta de Galicia e Deputación da Coruña.

A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega este ano á súa XXV edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Pilar Pallarés, que será homenaxeada na Coruña, cidade na que residiu a maior parte da súa vida.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida do/a homenaxeado/a ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Soledad Penalta), a plantación dunha árbore simbólica (un carballo elixido pola propia autora) e a colocación dun monólito conmemorativo.

PROGRAMA DE ACTOS

11:30 Xardín posterior ao Centro Ágora (A Coruña)
Descubrimento do Monólito conmemorativo e plantación do carballo (árbore simbólica da escritora).
Interveñen:
– Alcaldía do Concello da Coruña, ou persoa en quen delegue.
Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG.
– Intervención da homenaxeada, Pilar Pallarés.

12:30 Salón de actos do Centro Ágora (A Coruña)
Acto de entrega da “Letra E”
Interveñen:
– Alcaldía do Concello da Coruña ou persoa en quen delegue.
Mercedes Queixas Zas, Secretaria Xeral da AELG.
– Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
Eva Veiga: Laudatio.
– Entrega da peza escultórica da artista Soledad Penalta.
– Intervención da homenaxeada: Resposta á laudatio por parte de Pilar Pallarés.

14:30 Restaurante Domus A Coruña (Rúa Ángel Rebollo, 91 –como chegar-)
Xantar de confraternidade. O prezo por persoa é de 37€, que se pagará no propio restaurante nunha mesa habilitada ao efecto. As prazas no restaurante son limitadas: agradecemos que as persoas interesadas fagan a súa reserva canto antes, chamando até o martes, terza feira, 25 de xuño -inclusive- ao teléfono: 981133233 ou enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org.

Pode descargarse o programa completo aquí. E o anverso nesta ligazón.

Crónica videográfica da Gala do Libro Galego (VI)

A Gala do Libro Galego 2019, actividade conxunta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, tivo lugar o sábado 11 de maio de 2019, en Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:

– Discurso do presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, en nome das tres entidades convocantes:

Cesáreo Sánchez: “Un pobo que non fala a súa lingua é un pobo sen patria”

Entrevista a Cesáreo Sánchez Iglesias en Nós Televisión:
“- Nós Televisión (NT): Estamos no mes das letras que no noso país centraliza boa parte das novas sobre literatura, libros mais tamén sobre escritoras e escritores. Falta visibilizar máis a escritoras e escritores na Galiza?
– Cesáreo Sánchez (CS): Ata que iso aconteza queda moto camiño por andar. A visibilidade do escritor e escritora é pouca, non toda a que debera. Sobre todo no ensino, no día a día e tamén nos mass media. Non é que queiramos ser iconas sociais como noutros campos como o da música, o do deporte ou o do audiovisual. Mais coido que é importante para a saúde dunha sociedade que teña entre os seus referentes sociais escritores e escritoras. É moito o camiño aínda por andar.
– NT: A AELG organizou hai dous meses un Parlamento de escritoras en Pontevedra no que participaron tamén representantes de Catalunya, Euskadi e Portugal. O resultado foi unha crítica ao neoliberalismo, a violencia, as migracións e a situación do galego. Os escritores e escritoras deben implicarse nos problemas da sociedade?
– CS: Creo que a presenza do escritor e escritora na sociedade é necesaria e importante. Implica que un escritor non o é só cando escribe os seus libros. É unha persoa culta, formada, que ten pensamento político, cultural, social…. e que é importante que se pronuncie. Que a sociedade tome conta do que di. Non é que queira que a súa palabra teña máis peso ca outras palabras, mais si é importante que o que é creador de territorios de liberdade para un pobo.
Como dicía Curros, poñer unha estrela na frente do futuro. É importante que os que soñamos o presente e o futuro tamén saibamos comunicar o noso pensamento social, o noso pensamento cultural e tamén o noso pensamento político. A palabra política está moi desprestixiada mais é imprescindíbel. Eu non creo que as cousas teñan que resolverse só desde a técnica ou a administración, senón tamén desde a política como expresión dun ideario e duns determinados valores.
– NT: Este ano a AELG acolleu a organización da Gala do Libro, un exemplo de colaboración entre escritoras, editoras e libreiras.
– CS: É un exemplo a seguir no momento actual. É importante que en todo o sector haxa uns puntos en común para conseguir determinados obxectivos como é o apoio ao libro, o apoio para que haxa un Plan de Lectura, a que se cumpla a Lei do Libro como algo estratéxico dentro dun país… mesmo economicamente, non só culturalmente como depositario da alma e a identidade dun país.
Creo que é importante facer espazos comúns, sumar esforzos. O resultado de sumar esforzos non é unha suma, é unha multiplicación. É o momento de xuntar as mans para turrar na mesma dirección de defensa do país e da súa cultura, do seu idioma.
– NT: Nestes días recollerá a Medalla Alberto Nepomuceno, na modalidade de Mérito artístico pola actividade a prol da cultura, letras e Artes Galegas. Que lle representa recibir este galardón?
– CS: Estou conmovido, emocionado e moi agradecido. Hai dúas cousas que me son especialmente gratas. O nome de Alberto Nepomuceno, un home que achegou a visión do nacionalismo musical dicindo que debía cantarse no propio idioma. Ten unha frase que eu asumo totalmente: “Un pobo que non canta no seu idioma é un pobo sen patria”. Pode trasladarse a nosa lingua, un pobo que non fala a súa lingua é un pobo sen patria.
Logo tamén que a Universidade da man da súa reitoría tivese en conta dalgunha maneira a miña xeración que hai corenta e cinco anos, os que eu levo nestes traballos, puxera como obxectivo de futuro da súa vida crear espazos de cultura como as agrupacións culturais, crear espazos sindicais en defensa dos intereses da clase traballadora. Chégame cando cumpro corenta anos de ter publicado o primeiro libro e corenta e cinco de terme organizado con outras compañeiras e compañeiros para dotar ao país de instrumentos que axudasen a crear a nación.”

Cesáreo Sánchez Iglesias: “Sinto que o recoñecemento da Universidade do Ceará é á miña xeración”

Entrevista de Daniel Salgado a Cesáreo Sánchez Iglesias en Sermos Galiza:
“O poeta que publicou hai 41 anos Silencios e conversas de inverno -primeiro elo dunha longa cadea de títulos-, activista cultural e social, figura inevitábel da literatura contemporánea, recibe a vindeira semana a medalla de mérito artístico Alberto Nepomuceno da Universidade Estadual do Ceará do Brasil. “Sinto que é un recoñecemento á miña xeración”, di Cesáreo Sánchez Iglesias a Sermos Galiza, “e acéptoo con todo o pudor e toda a sincera humildade”.
A distinción serviulle a Sánchez Iglesias (O Irixo, 1951), presidente da Asociación de Escritoras en Lingua Galega (AELG), para botar a vista atrás e repasar a súa vida. “Hai ademais 45 anos que me organicei, con outras galegas e galegos, para dotar o país de plataformas culturais”, relata, “ou sindicais, como o Sindicato Galego de Traballadores da Administración Pública, logo integrado na CIG”. O seu nome aparece igualmente en iniciativas de prensa en galego -presidiu durante dúas décadas o Consello de Administración de A Nosa Terra- e mesmo no movemento veciñal.
“A miña biografía como activista non é más que a continuación daquilo que a ditadura interrompera, enlazando con persoas exiliadas e represaliadas polo franquismo”, indica. O feito de que o galardón veña da outra beira do Atlántico, en concreto do Nordeste brasileiro, é motivo engadido da súa satisfacción. “Alí vemos esoutra galla do noso idioma actuando”, opina, “é unha suma de gratas sensacións”.
O xurado da medalla Alberto Nepomuceno -o pai do nacionalismo na música académica do Brasil- salientou o seu traballo “a prol da cultura, das letras e das artes galegas”. Mais tamén o poeta, nome indiscutíbel da promoción dos 80, cuxa obra foi evoluíndo dun intimismo esencial e simbolista a libros marcados pola idea e a práctica da viaxe: O rumor do distante (2001), Caderno do Nilo (2013) ou As bolboretas do Mekong (2018).
Sobre a súa escrita e a poesía galega actual disertará na Universidade do Ceará dentro do programa cultural e académico “en conmemoración do Día das Letras Galegas” que decorrerá entre o 20 e o 24 de maio. Sánchez Iglesias presentará ademais a versión en portugués do Brasil de Caderno do Nilo, lerá textos de As bolboretas do Mekong e falará sobre literatura de tradición oral galega na Academia das Letras do Ceará.
“O premio serviume para facer balanzo”, insiste, antes de concluír: “Sempre tiven presente, e visitar o cuarto do Centro Galego de Bos Aires onde morreu Castelao lembroumo, aquilo que di o Sempre en Galiza: ‘Nunca nos derrotaron a esperanza’. Ese é o elemento vertebrador da miña xeración”. Ao pouco tempo, o poeta envía por whatsapp unha nova conclusión. Desta volta cita Nepomuceno: “Não tem pátria um povo que não canta no seu idioma”.”

Concesión da Medalla Alberto Nepomuceno, da Universidade Estadual do Ceará-UECE (Brasil), a Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG

A Universidade Estadual do Ceará – UECE (Brasil) vén de lle conceder a Medalla Alberto Nepomuceno, na modalidade Mérito Artístico, dada a súa actuación a prol da Cultura, das Letras e das Artes galegas, ao poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
A entrega farase no marco dos diversos eventos culturais e académicos en conmemoración do Día das Letras Galegas, organizado polo Gabinete da Reitoría da UECE, en parcería co Núcleo de Extensión de Ensino de Lingua Galega, do Centro de Humanidades-CH/UECE, na semana do 20 ao 24 de maio de 2019.
A programación contará coa presentación da versión brasileira libro de poesía Caderno do Nilo, de Cesáreo Sánchez, por parte do Profesor Doutor José Jackson Coelho Sampaio, que terá lugar no Cine Teatro São Luiz, nesta cidade, no día 24 de maio de 2019, ás 18:00 horas, onde actuará a cantora Uxía en Fortaleza, co acompañamento da Orquestra Sinfónica da UECE.
A estadía do autor incluirá unha conferencia por el impartida no curso de Letras da Universidade, co obxectivo de dar a coñecer os recursos dixitais que a AELG ofrece a través da súa web para o ensino da literatura galega.