Chus Pato participa no Festival Internacional de Poesía de Rotterdam

“Nesta 43 edición, o Festival de Poesía de Rotterdam conta no seu programa coa presenza da galega Chus Pato, que participa canda poetas como Mauricio André de Brasil, Aurora Sascha de Pakistán, Dolores Dorante de México, B. Zwaal de Holanda ou Inuo Taguchi de Xapón. O Festival de Rotterdam recoñece en Chus Pato unha das voces máis orixinais e rompedoras da poesía galega contemporánea. No perfil que recolle na súa páxina oficial, destacan da traxectoria da escritora a publicación no ano 2000 do libro M-Talá, que, ao seu ver, supón unha ruptura dentro da literatura poética galega. Definen a autora como “feminista e independentista” e fan tamén referencia á situación da lingua galega que resistiu “as presións centralistas administrativas e sociais que aínda a ameazan hoxe en día”.” Vía Sermos Galiza.

Vigo: presentación de Crac, de Gonzalo Hermo

O venres 27 de xaneiro, ás 20:30 horas, na Asociación Cultural Bou Eva (Tercio de Fóra, 11) de Vigo, preséntase Crac, de Gonzalo Hermo, publicado por Barbantesa. No acto participarán Chus Pato, Oriana Méndez, Fran Cortegoso, Alicia Fernández (que recitará poemas do libro) e o propio autor.

Santiago: nova edición do Picaversos, con Pilar Pereira, Fantoches Baj e Chus Pato

O martes 24 de xaneiro, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, baixo o título Loucura. A actriz Pilar Pereira, a compañía de monicreques Fantoches Baj  (co texto Acrobacia Acuática, baseado en textos de Chus Pato) e a poeta Xiana Arias son os protagonistas desta próxima sesión.

“Que é unha autora? Inquérito a Chus Pato”

Entrevista de Arturo Casas a Chus Pato no 2009, publicada agora en Poesía Galega:
“- Arturo Casas: Chus, en que medida e en que niveis consideras que a poesía que escribes está afectada polo feito de saberes que en distintos momentos terá unha formulación presencial, coa túa voz, o teu corpo, a túa situación diante dun público?
– Chus Pato: A resposta é inmediata e verdadeira: ningunha relación, porque unha e outra vez o acto de escribir é autodeterminado, comeza e remata en si mesmo e non garda afinidade máis que consigo mesmo. Dito isto, as matizacións, tamén verdadeiras, son longas.
Unha e outra vez, e van preto de vinte anos, leo os meus textos en público e en privado. Leo en privado cando preparo unha lectura para o público. Ensaio, por así dicilo. O que sucede é que da propia escritura agroma unha voz e uns movementos corporais que se axustan sen violencia e en harmonia ao texto; móvome, tanto se estou sentada coma se estou en pé, a voz é xeralmente moi lenta, respiro e escoito a respiración, escribo novamente o poema ao dicilo e trasládome ao(s) momento(s) de escritura, sinto un determinado pracer, estou a soas coa miña escritura e sei como debo dobrar o texto coa voz e co corpo.
Cousa moi diferente sucede cando leo en público. Ler en público causoume durante anos unha perturbación intensa, o único que eu desexaba era rematar canto antes, saír de alí, sentía unha vergonza difícil de explicar, tiña que ver con que non me sentía autorizada para ler (impor) ante un público o que eu escribía. Desconfiaba non dos textos, senón de min e —peor aínda— do propio público. Pensaba que seguramente estaban alí por razóns que nada tiñan que ver co que escribía, por razóns políticas por poñer un caso, isto naturalmente ten que ver con feito de pertencer eu a unha literatura de resistencia, feito que fai confusos os límites entre a defensa da lingua e da nación e a soberania do poema (a primeira lectura pública que eu realicei foi nun mitin contra a OTAN). Digamos que sempre sospeitaba que o público estaba alí por razóns extraliterarias. (…)”.

Santiago: presentación de Crac, de Gonzalo Hermo

O mércores 18 de xaneiro, ás 19:30 horas, na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Santiago de Compostela, preséntase Crac, de Gonzalo Hermo, publicado por Barbantesa. No acto participarán Chus Pato, Oriana Méndez, Fran Cortegoso, Alicia Fernández (que recitará poemas do libro) e o propio autor.

Congreso Lois Pereiro, do 15 ao 17 de decembro

Entre o xoves 15 e o sábado 17 de decembro, desenvólvese o Congreso Lois Pereiro, organizado pola Real Academia Galega, coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo e da Universidade da Coruña. O comité organizador está formado por Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Axeitos Agrelo, Luís Caparrós Esperante e Manuel Rivas Barrós. A inscrición é gratuíta e pódese formalizar no correo secretaria@realacademiagalega.org. O congreso está recoñecido cun crédito de libre configuración pola Universidade da Coruña. O programa é o seguinte:

XOVES, 15 DE DECEMBRO. Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela).
9:30 h. A organización do Congreso pon a disposición dos participantes un autobús para o desprazamento á Cidade da Cultura de Galicia. Saída da Coruña {Porta Real) do autobús con destino a Santiago de Compostela (Cidade da Cultura de Galicia).
10:30 h. Entrega de documentación.
11:30-12:45 h. Visita guiada á Cidade da Cultura de Galicia.
12:45 h. Inauguración do Congreso Lois Pereiro.
13:00 h. Lección inaugural. Pere Gimferrer: Un poeta europeo.
16:30-17:00 h. Antón Lopo: A culpa foi de Lou Reed.
17:00-17:30 h. María do Cebreiro: Na miña alma e nas alleas. Políticas do desacougo en Rosalía de Castro e Lois Pereiro.
17:30-18:00 h. Luis Cochón: Vira a morte e terá os teus ollos. Os derradeiros poemarios de Alexandre Cribeiro e Lois Pereiro.
18:00-18:30 h. Arturo Casas: Suxeito estético, suxeito político”.
18:45 h. Saída do autobús de Santiago de Compostela (Cidade da Cultura de Galicia) con destino á Coruña (Porta Real).

VENRES, 16 DE DECEMBRO Real Academia Galega. A Coruña.
10:00-10:30 h. Daniel Salgado: Lois Pereiro, o século curto.
10:30-11:00 h. Anxo Angueira: Lois Pereiro lírico.
11:00-11:30 h. María Xesús Nogueira: Conversa ultramarina. Epistolario de amor e enfermidade de Lois Pereiro.
12:00-12:30 h. Miguel Mato Fondo: Dúas cancións e unha elexía para Lois Pereiro.
12:30-13:00 h. Olivia Rodríguez: A recepción crítica de Lois Pereiro.
13:00-13:30 h. Coloquio.
16:30-17:00 h. José Luís Calvo Vidal: Rimbaud / Pereiro. As belezas do abismo.
17:00-17:30 h. Xabier Cordal: Lois Pereiro, a xeración sen rede.
17:30-18:00 h. Carlos Gegúndez López: Náufragos do paradiso. Monstruo osimorónico sen ataduras
18:15-18:45 h. Antón Patiño: A porta xiratoria.
18:45-19:15 h. Mercedes Queixas: Por unha canonización (que non beatificación) da obra pereiriana.
19:15-19:45 h. Coloquio.

SÁBADO, 17 DE DECEMBRO. Real Academia Galega. A Coruña.
10:00-10:30 h. Manuel Rivas: O compañeiro da noite.
10:30-11:00 h. Xosé Manuel Pereiro: Un mundo chamado Lois. Revisando os danos.
11:00-11:30 h. X. Manuel Outeiriño: Esteticismo e terribilitá na obra poética de Pereiro.
12:00-12:30 h. Luz Pozo: Se queredes amigos, deixade unha flor.
12:30-13:15 h. Lección de clausura, por Chus Pato: Da vida e furia necesaria.
13:15 h. Clausura e entrega de diplomas.

Desde a páxina oficial de Lois Pereiro. Recollido tamén en Cultura Galega.

Recensións posteriores en La Voz de Galicia (venres 16, sábado 17, domingo 18), La Opinión (venres 16), El País (venres 16), Galiciaé (xoves 15).

Presenza galega no libro Performing Poetry

A repercusión internacional da literatura galega continúa coa publicación do libro Performing Poetry. Body, Place and Rhythm in the Poetry Performance, publicado por Rodopi, con Cornelia Gräbner e Arturo Casas como editores dun conxunto de traballos sobre as perfomances poéticas desde a perspectiva da teoría literaria. O volume recolle aportacións en diversas linguas, entre elas a galega, con textos do propio Arturo Casas, María do Cebreiro e Chus Pato.

Cangas: recital poético dentro do II Festival de Cultura Proletaria

O sábado 25 de xuño, a partir das 18:00 horas, no Centro Social “A Tiradoura” do barrio de Reboredo (Cangas do Morrazo), e dentro do II Festival de Cultura Proletaria organizado pola CUT, terá lugar un recital poético coa participación de Xosé Luís Méndez Ferrín, Xabier Cordal, Chus Pato e Xiana Arias.

Vigo: presentación de Cero, de Oriana Méndez

O venres 17 de xuño, ás 20:00 horas, no Centro socio-cultural Bou Eva (Rúa Tercio de Fóra, 11-baixo A) de Vigo, presentación do poemario Cero, de Oriana Méndez, publicado en Galaxia. No acto, a autora estará acompañada por Carlos Lema, Chus Pato e Gonzalo Hermo.

Santiago: recital poético de Chus Pato e Xosé María Álvarez Cáccamo

O venres 20 de maio, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación e posterior recital dos libros publicados até agora na colección Antoloxía poética sonora, de Edicións do Cumio. Nacer é unha república de árbores é o título da antoloxía de Chus Pato, mentres que De sombras e poemas que son casas dá nome á de Xosé María Álvarez Cáccamo.