“O Concello de Dodro celebrou o acto de deliberación do xurado da trixésima oitava edición do Certame de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, convocado por esta entidade e coordinado pola poeta Silvia Penas.
O xurado, composto polas poetas María Lado Lariño, Noelia Gómez Calvo e Miguel Cavadas Docampo, xunto co alcalde e o concelleiro de Cultura de Dodro, acordou por maioría outorgar o premio á poeta Inés Mosquera Calvo pola súa obra Upupú, presentada baixo o lema A ditadura da bubela.
A elección realizouse entre corenta e dúas obras candidatas e na acta os membros do tribunal destacaron da obra galardoada o seguinte:
Entre o poema e o corpo dun paxaro constrúese este libro. Unha poética concibida dende a linguaxe do animal, coa súa mesma axilidade e instinto. Hai salvaxismo neste canto. O upupú soa ao longo dos poemas como unha oración, e álzase por riba de todo: da dor, da enfermidade, da vergonza. Dividido en cinco partes: Lingua de xirín, Ás de pardal, A vergonza de amá, Bubela e a Ditadura da bubela. O poemario contén diversas citas de poetas (case todas mulleres) que acompañan no niño que a muller/paxaro artella, un voo preciso. Versos fragmentados e que entran directos nos ollos da lectora como un disparo. “Lonxe de ser miña ruliña/ son bubela”, escribe. “Terei unha enfermidade de incómodo nome/ pero fun aprendendo a falar cos paxaros”. A través da figura do paxaro hai un afán de liberdade. Ter o dereito a ser mala muller, mala filla, mala amante. “Dos meus poemas/ canto que son mala ditadora/ mala bubela/ mala muller/ mala filla// mala amante tamén”. Upupú.
A gañadora do XXXVIII Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, Inés Mosquera Calvo, naceu en Carcacía (Padrón), en 1992. Graduada en Educación Primaria especializada na docencia de linguas estranxeiras e cun Mestrado en Lingüística Aplicada pola Universidade de Vigo.
Na actualidade exerce como tradutora. Iniciou a súa traxectoria no ámbito da creación poética no ano 2022, coa publicación de Papoulas Amarelas (Medulia Editorial). No 2023, saíu do prelo o segundo libro de poemas, Nonmesquezas. En paralelo, foron publicándose outros textos poéticos en volumes colaborativos como Dorna ou Domingo das Mozas.
O acto oficial de entrega deste premio terá lugar o vindeiro 13 de decembro, no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro, ás 17.30 h. O poemario gañador será publicado no ano 2026, nunha editorial de recoñecido prestixio.”
Arquivos da etiqueta: Concello de Dodro
Bases do XXXVIII Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón
Dodro: entrega do XXXVII Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón e recital poético-musical
Miguel Cadavas Docampo gaña o XXXVII Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón
Bases do XXXVII Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón 2024
Dodro: entrega do Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón 2023
Manuel López Rodrígue gaña o XXXVI Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón
“O poeta Manuel López Rodríguez obtén coa súa obra As palabras do sur o XXXVI Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, convocado polo Concello de Dodro.
O xurado do certame decidiu, de forma unánime, concederlle o galardón ao traballo As palabras do sur pola consistencia do proxecto, tanto a nivel estrutural como polo que respecta a cada poema en particular, así como unha complexidade que dá pé a varios niveis de lectura.
Esta edición do premio estivo coordinado pola poeta Elvira Ribeiro e formaron parte do xurado as escritoras Chus Nogueira, Lorena Souto e Brenda Mondelo, xunto co alcalde e o concelleiro de Cultura de Dodro, Francisco Xabier Castro Tourís e Ramón Abuín Gómez.
O acto oficial de entrega do certame terá lugar o vindeiro, 9 de decembro, no CPI de Dodro. As palabras do sur de Manuel López Rodríguez será publicada no ano 2024, nunha editorial de recoñecido prestixio.”
A foto do autor é de Ogalego.gal, publicada na Wikipedia.
Dodro: presentación de O libro negro da lingua galega, de Carlos Callón
Bases do XXXVI Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón 2023
Padrón: entrega do título honorífico de Rosalía de Castro como Filla Adoptiva de Dodro
Desde a Fundación Rosalía:
“O sábado 17 de decembro, ás 12:00 horas, no Auditorio da Casa de Rosalía, en Padrón, terá lugar o acto de entrega do título honorífico de Filla Adoptiva do Concello de Dodro a Rosalía de Castro, a título póstumo, coa presenza de:
• Benvida de Xoán Xosé Vicente Franco, concelleiro de Cultura e Patrimonio do Concello de Dodro.
• Intervención do escritor Manuel Lorenzo Baleirón sobre a poeta homenaxeada.
• Actuación musical a cargo de Secho.
• Lectura do extracto da Acta da Sesión Plenaria do Concello de Dodro na que se aproba o nomeamento polo concelleiro de Cultura e Patrimonio.
• Entrega do diploma conmemorativo do nomeamento ao presidente da Fundación Rosalía a cargo do alcalde de Dodro.
• Intervención de Anxo Angueira Viturro, presidente da Fundación Rosalía.
• Intervención do alcalde, Francisco Xabier Castro Tourís.
• Pecha o acto Secho.”























