Inma López Silva gaña o premio Eusebio Lorenzo Baleirón de poesía

Desde Nós Diario:
“A escritora Inmaculada López Silva é gañadora da actual edición do premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón que convoca o Concello de Dodro. (…)
O xurado significa da obra de López Silva, Clepsidras, “a potencia das imaxes que van artellando un discurso arredor da xenealoxía feminina, ao patente reflexo das violencias cotiás, así como a exploración que fai da lingua e das formas do dicir”.
Ademais, a nivel formal consegue unha cadencia rítmica altamente suxestiva que coloca o texto nunha predisposición performativa”, continua o xurado do premio, composto por autoras como Rexina Rodríguez Vega, Silvia Penas Estévez, Oriana Méndez Fuentes e o poeta Francisco Valeiras González, xunto cos concelleiros de Servizos Sociais e Cultura do Concello de Dodro.
O certame coordinado pola poeta Elvira Ribeiro Tobío está dotado con 2.500 euros e supón ademais a publicación do poemario. Precisamente, o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón é un dos máis prestixiosos e lonxevos do país, estando próximo a cumprir 35 anos.”

Francisco Valeiras, Quico, gaña o XXXIII Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

Xunta corta a colaboración co premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

Desde Nós Diario:
“O Eusebio Lorenzo Baleirón é un dos premios de poesía máis prestixioso da Galiza. Convócase desde 1988, organizado polo Concello de Dodro, e ademais de promover e incentivar a poesía en galego ten como finalidade lembrar e homenaxear o poeta de Laíño Eusebio Lorenzo Baleirón, morto prematuramente en 1986. (…)
O Concello de Dodro vén de anunciar que a Xunta deixa de colaborar con este premio argumentando desde a Dirección Xeral de Políticas Culturais que na publicación do libro premiado en 2019 (Voz do Arqueiro, de Antón Blanco) non figuraba o logo da Administración galega.
Un argumento que sorprende no Concello de Dodro, que a través dunha carta remitida á Xunta por rexistro xeral e correo electrónico lémbralle que o logo da Administración galega non figuraba en ningunha obra premiada en anteriores edicións. “Se hai que facelo a partir deste ano, estamos dispostos”, acrecentan.
Porén, indican desde o Goberno local, non obtiveron resposta malia que xa pasaron dous meses. Subliñan, ademais, que a Concellería de Cultura e Patrimonio está “firmemente disposta” a continuar con este premio de poesía “aínda que a Xunta non colabore”.”

Antón Blanco gaña o Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

Desde Fervenzas Literarias:
“Antón Blanco Casás é o gañador da XXXII edición do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón que convoca o Concello de Dodro, polo seu poemario Voz do arqueiro. Así o decidiu por unanimidade o xurado, reunido o sábado da semana pasada na Casa de Cultura, tras valorar “a construción e a sintaxe e xunto cunha escolla léxica moi coidada. Voz do arqueiro posúe unha arquitectura interna coherente”.
Coordinado nesta edición por Xabier Castro Martínez, director do Centro PEN Galicia, o xurado estivo composto por Alicia Fernández Rodríguez, Estevo Creus Andrade, Elvira Ribeiro Tobío, Xabier Xil Xardón, e presidido Ramón Abuín Gómez, tenente de alcalde do Concello de Dodro. Actuou como secretario Xoán Xosé Vicente Franco, concelleiro de Cultura e Patrimonio.
Previo ao fallo, os membros do xurado, acompañados polo alcalde de Dodro, Xabier Castro, Manuel Lorenzo Baleirón, irmán de Eusebio e os poetas Paulino Vázquez, Anxo Angueira e David Pérez Iglesias rendiron un tributo poético cos poemas de Alba Cid e Hilde Domin ademáis dunha ofrenda floral no cemiterio de San Xián de Laíño, onde repousan os restos de Eusebio Lorenzo Baleirón.
O premio será entregado o próximo sábado ás 17:30 h. nun acto no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón.”