Muxía: Teresa Moure, dentro da iniciativa Galería Mulleres

O Concello de Muxía continúa coa iniciativa da Galería Mulleres, onde se destaca cada mes o labor dunha muller no mundo das artes, as letras, a ciencia, etc…., repartíndose cartazes e indicacións para informarse sobre ela ou acceder á súa obra. Con cada muller reséñanse os libros a disposición do/a usuario/a na Biblioteca da Muller, integrado dentro da Biblioteca Municipal do Concello de Muxía, escritos por ela ou que fagan referencia á mesma. Tras vinte meses de programa con protagonistas como María Lado, Rosalía de Castro, María Xosé Queizán, María Casares, Marilar Aleixandre, María do Carme Krukenberg, Luísa Villalta ou Leonora Carrington, este mes de outubro centrarase en Teresa Moure.

Muxía: Acto fundacional da Fundación Gonzalo López Abente

O sábado 29 de xaneiro, ás 11:30 h., no salón de plenos do Concello de Muxía, terá lugar o acto fundacional da Fundación Gonzalo López Abente, que nace co fin de poñer en valor a obra e a figura do escritor Gonzalo López Abente (Muxía 1878-1963), e con vocación de ser un foco de irradiación de actividade cultural para toda a Costa da Morte. Farán a presentación Félix Porto, Alcalde de Muxía e Presidente da Fundación, e X. H. Rivadulla Corcón, Vicepresidente. Logo farase a sinatura da acta fundacional por parte dos representantes das institucións que forman parte do Padroado: Deputación da Coruña, Real Academia Galega, Universidade da Coruña, Universidade de Santiago, Consello da Cultura Galega, Asociación de Escritores en Lingua Galega e PEN Clube de Galicia, tras o que o poeta e escritor Miro Villar, membro da Comisión Executiva da Fundación, fará o laudatorio de López Abente. A continuación os asistentes trasladaranse ao cemiterio para facer unha ofrenda floral -a cargo dos familiares- diante da tumba do poeta nun acto presentado por Xesús Sambade, membro da Comisión Executiva da Fundación, e lectura de poemas de López Abente por: X. H. Rivadulla Corcón, Miro Villar, Luís González Tosar (presidente do PEN Clube de Galicia), Cesáreo Sánchez Iglesias (presidente da AELG) e Xosé Luís Méndez Ferrín (presidente da RAG). Os actos continuarán coa visita á sede da Fundación (Casa das Beiras) onde será interpretado pola Coral Virxe da Barca o himno á Virxe da Barca (obra de López Abente) por primeira vez en galego, xa que nos anos 50 prohibíuselle escribilo en galego, e agora como acto de xustiza fíxose a tradución, rematándose cun ágape de confraternización para os asistentes. Crónica posterior en Galicia Hoxe.