“A Fundación Xosé Neira Vilas en Gres (Vila de Cruces) acolleu o 9 de decembro, ás 13:00 h, a entrega do premio e presentación do libro gañador do V Concurso Balbino de Relatos, Bica de Montouto, da autoría de José Vázquez Peinó, coñecido como Pepe Peinó.
O acto deu comezo coa lectura da acta do xurado a cargo do profesor e escritor Xosé Manuel Lobato. Seguidamente, interveu a deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, María Victoria Alonso; quen destacou “a consolidación deste premio, que xa vai pola súa quinta edición e no que se resaltan os valores propios da nosa terra, a nosa cultura e a nosa xente, o que permitiu a consagración deste certame como referente para autores ilustres e noveis tanto da provincia como da comunidade galega”. Tamén o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, incidiu na repercusión que está a acadar este premio destacando que “dende a Xunta é toda unha honra apoiar un certame que leva como nome a Balbino, protagonista de todo un clásico da literatura galega que representa unha das obras máis internacionais da nosa cultura. Así mesmo, é unha obriga para nós, así como para a Deputación de Pontevedra e os Concellos de Boqueixón, Silleda e Vila de Cruces, apoiar iniciativas culturais como esta, que engrandecen o noso patrimonio cultural”. Tras eles, o alcalde do Concello de Boqueixón, Manuel Fernández; e o concelleiro de Cultura do Concello de Vila de Cruces, Julio López, felicitaron ao gañador e agradeceron a labor que desempeña tanto a editorial encargada da publicación, Edicións Fervenza, como a Fundación Xosé Neira Vilas en pro da difusión da cultura galega.
O peche do acto culminou coa entrega do premio ao autor da obra gañadora, Pepe Peinó, quen transmitiu coas súas palabras o seu agradecemento ao xurado, a Fundación Neira Vilas e a Edicións Fervenza, facendo fincapé en que se trata dun relato “escrito con agarimo dende o corazón” no que tratou de transmitir a defensa do rural e o valor das xeracións dos nosos avós “que non son só xubilados que observan obras, senón que aínda teñen moito que aportar á sociedade, algo que debería abrazar as novas xeracións, por iso este título, Bica de Montouto, pois a bica non só é un doce, senón que mesmo semella un bico, un bico ao rural máis profundo, sincero e puro”.
Por outra banda, este venres 11 de decembro, ás 20:00 h, o salón de actos do Concello do Valadouro (Lugo), acollerá a presentación de Bica de Montouto, pois trátase do lugar de residencia do autor, Pepe Peinó. O acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, contará coa presenza do profesor, escritor e membro do xurado do Concurso Balbino de Relatos, Xosé Manuel Lobato; o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Fernando Redondo; o prologuista do libro, Bernardo Penabade; o ilustrador da portada, Antón Caxoto e o gañador do Concurso Balbino de Relatos, Pepe Peinó.
Para aquelas persoas que non poidan acudir á presentación, o autor estará desde as 18:00 h asinando libros no propio salón de actos.”
Arquivos da etiqueta: Concello do Valadouro
Comezou a XXXIV Semana de Teatro do Valadouro
Desde Erregueté:
“Onte comezou a XXXIV edición da Semana de Teatro do Valadouro coa actuación do grupo Os pícaros da Lagoa, que representou Asilo por compasión. Seis días de actuacións (do 1 ao 6 de setembro) coa participación de grupos locais de recente creación e grupos da bisbarra xa ben consolidados.
O ciclo continúará hoxe co grupo de teatro Lume Escénico, da Pontenova, coa obra O achado do castro, de Manuel Núñez Singala. Mañá, martes día 3, será a quenda do grupo Axóuxeres de Vilaronte coa peza Un divorcio no pobo, de Tito Casado. O mércores 4 será o grupo O Bordelo, de Cervo, o que represente Toluras de proveito, de Francisco Piñeiro. O xoves 5, Touporroutou, de Foz, chegará ao Valadouro con Comedia bífida, de Núñez Singala. E, para rematar, o venres 6, A Adala de Fazouro representará a obra O que armou unha zoca.
Todas as representacións son as 22:00 no salón de actos da Casa da Cultura e, como novidade este ano, a apertura da billeteira para a retirada das entradas, de balde, será ás 21:00.
A entrada é gratuíta ata completar o aforo disposto na sala.”
A Laxe (Valadouro): Ponte Literaria 2018, o 24 de agosto
O 24 de agosto, a partir das 18:30 h., no local social da parroquia da Laxe (sito na recta de Tanín), no Valadouro, terá lugar unha nova edición da experiencia participativa Ponte Literaria, que artellan, desde o verán de 2015, un grupo de persoas vinculadas á literatura.
Tratouse, no inicio, dunhas lecturas a carón das diferentes pontes do Valadouro, mais na actualidade, considerouse que un encontro baixo teito pode favorecer a presenza dun maior número de participantes e ao mesmo tempo, resultar máis cómodo para o público.
Para participar, só é preciso estar no lugar indicado á hora sinalada, mais a organización gustaría de coñecer o número de intervencións con antelación.
Para anotarse ou resolver calquera dúbida, poden contactar a través do teléfono 600378363 (tamén Whatsapp).
Participarán, entre outras/os, Manuel Lourenzo, Isaac Ferreira, Xesús Pisón, Lionel Rexes, Iolanda Aldrei, Adela Figueroa, Manuel Regal…
Leranse textos de Rita Geada, autora cubana con raíces no Valadouro.
Por cumprirse neste ano o 70 aniversario da morte de Luís Trigo Chao “O Gardarríos”, Isaac Ferreira, escritor valadourense vinculado ao teatro, lerá unha peza dramática intitulada O cerco de Vilanova, baseada na noite en que o guerrilleiro caeu asasinado na capital de Lourenzá.
O autor Lionel Rexes lerá varios fragmentos da súa novela A raíña das velutinas, escollendo para a ocasión aqueles que fan referencia a persoeiros e lugares do Valadouro.
– Condicións xerais:
Lecturas de 15 minutos como máximo.
Cada lectura non deberá exceder os 15 minutos e os textos deberán ser de autoría propia.
Tras o tempo adicado ás lecturas, terá lugar un debate literario centrado nas obras expostas.
– Doazón espontánea:
É costume que os asistentes aproveiten a ocasión para se desfaceren de todos aqueles libros que xa non desexan conservar, deste xeito, outras persoas que participen na Ponte Literaria poderán conseguir exemplares que descoñecían e que nunca leran. Trátase, en definitiva, dun intercambio ou doazón espontánea de libros.
– Público implicado:
Se non desexas participar activamente, podes asistir como público; nese caso tamén poderás expor as túas sensacións no coloquio, e por suposto favorecerte da doazón de libros.
Artellan a Ponte Literaria: Manuel Lourenzo, Isaac Ferreira, Xesús Pisón e Lionel Rexes.
Agradecementos para:
Comunidade de Montes da Laxe
Concellaría de Cultura do Valadouro