A Iniciativa Lexislativa Popular “Liberemos a Galega!” reclama a “democratización” da CRTVG


Desde Nós Diario:
“Democratizar a CRTVG e acabar co seu secuestro polo poder político. Estes son os dous obxectivos que impulsan a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) “Liberemos a Galega!”, rexistrada esta cuarta feira no Parlamento galego e que apoian 40 organizacións a través da Plataforma en Defensa da CRTVG. Entre as propostas que contempla, varia o modelo de escolla do director xeral do ente público ou adoptar ferramentas que garantan unha “información veraz” nos medios públicos.
“Os medios públicos non pertencen ao Goberno, son da cidadanía e están ao servizo deste país”. Así se expresou a veterana xornalista Tareixa Navaza após formalizar a ILP no rexistro da Cámara Galega. “Precisamos 10.000 sinaturas”, indicou a que tamén é portavoz da plataforma de 40 colectivos e entidades que impulsa esta iniciativa lexislativa popular, entre elas o comité intercentros da radio e televisión públicas galegas e a asemblea de traballadoras das mesmas. “Aos meus 77 anos son optimista e sei que imos reunir moitas máis” [sinaturas].
Navaza, con Xurxo Souto ou Manuel Pampín, entre outros, integra a comisión promotora desta ILP. Criticou con dureza o proceder do Goberno galego cos medios públicos galegos. “Non inventan nada, isto xa se fixo en Alemaña en 1933 co Ministerio de Propaganda” de Joseph Goebbels, afirmou. Puxo como exemplo dese proceder, o feito de que o xefe de Informativos da Radio Galega reproducise as críticas do PP contra o Consello da Cultura Galega polo seu informe sobre Altri. “Os traballadores están sometidos a unha presión brutal”, denunciou.
A Iniciativa Lexislativa Popular recolle unha serie de medidas para evitar que se perpetúe unha situación nos medios públicos que implica, en palabras de Navaza, “tronzar a democracia”. Así, proponse un novo modelo de escolla do director xeral da CRTVG. Este sería electo mediante un concurso público e por 3/5 do parlamento galego. Cando remate o mandato. só podería exercer un máis; evitando así a perpetuación no cargo, “como Alfonso Sánchez Izquierdo” [actual director xeral e que leva no posto desde 2009, coa chegada de Alberto Núñez Feixoo á Presidencia da Xunta da Galiza].
Para garantir a “información veraz, obxectividade, a imparcialidade, a neutralidade” pídese activar o Consello de Informativos, así como que os medios públicos galegos sexan “un reflexo do pluralismo que existe na Galiza”. Ligado a este punto está a proposta de que se “garanta” o acceso da cidadanía á CRTVG.
Recuperar a cobertura territorial de todo o país e as desconexións locais; promover e defender a identidade de Galiza, da súa lingua e da súa cultura; ou fomentar a través dos contidos a igualdade e a non discriminación, a diversidade sexual, integrando a perspectiva de xénero, son outras das demandas recollidas. Tamén o fomento da produción propia, sendo “motor da produción audiovisual independente, con transparencia e evitando a concentración das compras nun número reducido de provedores”. As sinaturas recolleranse “por todo o país nas vindeiras semanas”, con especial incidencia en outubro, informou Navaza.


Organizacións asinantes
A Mesa pola Normalización Lingüística, Anova-Irmandade Nacionalista, Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Asociación de Gaiteiras Galegas, Asociación de Profesionais da Rama Artística e da Dobraxe de Galicia APRADOGA, Asociación Lucenza Nigrán, Asociación pola Defensa da Ría, Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Avante LGTB+, BNG, CCOO, CGT, CIG, CNT, CUT, Defende a Galega, Erguer, Esculca, Federación Rural Galega (FRUGA), Fundación Luís Tilve, Fundación Moncho Reboiras, InvestiGal-Rede Galega pola Investigación, Mulheres Nacionalistas Galegas, Músicas ao vivo, Plataforma Feminista Galega, Plataforma Queremos Galego, Plataforma SOS Sanidade Pública, Plataforma Veciñal Mina Touro-O PINO NON, PSdeG-PSOE, REDE (Federación Galega de Asociacións de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia), Sindicato Ferroviario, Sindicato Labrego Galego, SOS Ficción en Galego, UGTGalicia, Vía Galega.”

Bota a andar o ano Casares

Desde Sermos Galiza:
“A Academia Galega, a Fundación Carlos Casares, o Consello da Cultura, o Pen Galicia, a editorial Galaxia, a CRTVG, a Deputación de Ourense e os concellos de Ourense e de Xinzo da Limia presentaron a programación anual dedicada ao escritor, que será o protagonista indiscutible do ano editorial e cultural.
Galaxia, que acolle a inmensa maioría da súa obra, comezará o ano publicando un feixe de obras pendentes co obxectivo de que “estea toda a súa obra ao dispor dos lectores e lectoras”. Así, publicará os cinco Toribios (literatura infantil), que se atopaban descatalogados; así como os ultimos volumes de Á marxe, que reúne a súa obra xornalística. En febreiro verá a luz tamén un conxunto de relatos e tamén as columnas A delicia de ler. E na primavera chegará unha biografía do ourensán da man de Henrique Monteagudo.
E aló polo mes de novembro, a Academia desenvolverá o Simposio Carlos Casares en colaboración co Consello da Cultura Galega e da Fundación que leva o seu nome. A propia sede da RAG, na Coruña, acollerá tres xornadas centradas na faceta literaria do homenaxeado, que en 1978 se converteu no académico de número máis novo. O seu labor como intelectual público e comprometido coa proxección exterior da cultura galega será outro dos seus perfís nos que se deterá a parte dos encontros que se desenvolverá no Consello da Cultura Galega, institución que dirixiu durante seis anos. O programa completarase en Ourense, a súa cidade natal.
Edicións especiais dos seus libros, roteiros, programas de animación á lectura, un documental e outros contidos audiovisuais, diversas exposicións ou concertos son tamén parte da programación que foi presentada hoxe. Haberá tamén concursos literarios, unha carreira deportiva, lecturas públicas e recitais, obradoiros, relatorios e máis. O CDG, en coprodución con Talía Teatro, levará a escena a novela Os mortos daquel verán, que se estreará en Compostela en maio.
Na rede
A Academia visitará o vindeiro 21 de febreiro o CEIP Carlos Casares de Vilariño (Nigrán), onde o escritor estableceu a súa residencia. Alí presentará a nova edición da Primavera das Letras, proxecto co que fornecerá a comunidade escolar de recursos didácticos para achegar o público máis novo á figura e á obra do escritor, ademais do espazo biográfico dedicado a Casares na web oficial da RAG.
E o día 17 de maio a sesión plenaria extraordinaria que realiza a Academia terá lugar nun dos lugares fundamentais na súa vida, Xinzo da Limia, a localidade na que se estableceu coa súa familia cando tiña apenas tres anos.”

A cicatriz branca, un filme de Margarida Ledo: a nosa historia, contámola nós

Desde Sermos Galiza:
Margarida Ledo Andión é a directora, e guionista, de A cicatriz branca, un filme galego e en galego ambientado en Bos Aires e no n os país e que xa se pode ver nalgúns cines de Galiza, coma nos vigueses Zona Norte, onde foi a estrea.
@s propi@s responsábeis do filme falan del: “Dende comezo do século vinte as mulleres galegas que emigraban soas eran acollidas en Bos Aires polas Carmelitas Terciarias, as “Hijas de María” ou pola “Sociedad Protectora de la Joven Sirvienta”. Necesidade, abandono, agresións sexuais, nais solteiras… como causa, máis unha cidade distante e burlona, onde a meirande parte delas pasaron a ter a condición de “mucamas”, de “criadas de camadentro”. Está é a paisaxe de fondo para A cicatriz branca”.
Milleiros de mulleres saíron soas de Galiza cara a América. “Moitas delas eran ilegais, con papeis que falsificaban a súa idade e mesmo a súa identidade. Historias ordinarias como a de Merce, destinada a servir e, entre lusco e fusco, despedida. Sen lugar onde ir nin a quen acudir, Merce pasa tres días e tres noites encrequenada na Estación Constitución onde a súa vida entrenza coa de outras migrantes. Á par dun traballo na fábrica Mil8, Merce casa, asiste a clases de contabilidade nalgunha das Sociedades Galegas mais un bo día a norma esnaquiza por algo tan simple como prendarse dunha situación que aínda non é quen de nomear”.
Eva Veiga, Tamar Novás, Lino Braxe, Mónica Caamaño ou Xoana Pintos son algunhas das protagonistas do filme. A música é de Abe Rábade. A produción corre a cargo de Nós (Produtora Cinematográfica Galega), CRTVG e Haddock Films.”