Desde a Deputación de Pontevedra:
“As autoras Marilar Aleixandre, Rexina Vega e Esther Carrodeguas son as primeiras gañadoras dos premios Hai unha voz, que a Deputación de Pontevedra promove xunto á asociación Clásicas e Moderna ao abeiro do Manifesto de Soutomaior, co obxectivo de visibilizar e impulsar o talento feminino na cultura e distinguir a pegada das mulleres no eido literario. As tres recibirán os seus galardóns, dotados con 5.000 euros cada un, na gala que se celebrará na Sala Rosalía da sede provincial en Vigo este venres, 23 de xuño ás 19.30 horas, O evento será presentado por tres das integrantes do Manifesto: Mariana Carballal, Silvia Penas e Isabel Blanco, e contará coa actuación musical de Guadi Galego.
No caso de Marilar Aleixandre, o xurado dos premios valorou a indiscutible traxectoria desta escritora, académica da RAG, autora de ensaio, novela para público adulto, xuvenil e con diversos galardóns, “sempre traballando a favor da lingua, da literatura galega e desde un punto de vista ético e feminista”, que se veu referendada co Premio Nacional de Narrativa o pasado 2022 por As malas mulleres. Este libro recolle a memoria das mulleres recluídas no cárcere coruñés da Galera e pon en relevancia o labor de Concepción Arenal e Juana de Vega.
Rexina Vega é escritora, profesora e investigadora e conta cunha sólida traxectoria como autora de narrativa e investigadora especialista na obra de Álvaro Cunqueiro. O xurado destacou os seus artigos na revista Tempos Novos e a súa participación, na curtametraxe documental Cunqueiro. A grande ilusión como unha das voces máis autorizadas para falar do autor. Amais, ao longo de 2022 contribuíu á internacionalización da lingua e cultura galegas coa súa presenza en foros de pensamento, como no webinar auspiciado pola Universidade de Kentucky sobre Álvaro Cunqueiro e congresos en Bos Aires e Varsovia, entre outros.
Pola súa banda, a dramaturga e poeta Esther Carrodeguas ten tamén unha sólida traxectoria literaria e escénica marcada polo compromiso social, o feminismo e a loita pola igualdade. Foi candidata aos Premios Max 2023 pola súa obra Supernormais, que aborda a temática da diversidade e que compaxinou con outros proxectos para colocar o teatro galego feito por mulleres no escalafón máis alto a nivel nacional e internacional. Este ano impartiu tamén un dos cursos da Escola de Letras que promoven a Deputación e a Editorial Galaxia.
Marilar Aleixandre, Rexina Vega e Esther Carrodeguas foron elixidas polo xurado entre un total de dezasete candidatas de distintos eidos do mundo literario, tanto escritoras como tradutoras, críticas ou libreiras, propostas tanto polas integrantes da Comisión de Seguimento do Manifesto de Soutomaior como por entidades locais, culturais ou profesionais. O xurado estivo composto por Lucía Muradas, xefa do Servizo de Igualdade da Deputación; a técnica deste departamento Ana Isabel Amoedo e varias integrantes da Comisión de Seguimento do Manifesto de Soutomaior: Paula Cabaleiro, directora de Cultura da Deputación; Mariana Carballal, profesora, actriz e directora; Edurne Baines, periodista e editora; Isabel Blanco, avogada e escritora; Mercedes Corbillón, escritora e editora; Anna R. Figueiredo, escritora e profesora; e Silvia Penas, escritora, poeta e profesora.”
Arquivos da etiqueta: Deputación de Pontevedra
Crónica fotográfica do Roteiro Literario pola provincia de Pontevedra con Xurxo Alonso
Estas son algunhas das fotografías do Roteiro Literario Vilagarcián, enmarcado nos Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2023, que guiou Xurxo Alonso o domingo 11 de xuño. A crónica fotográfica completa pode verse aquí:
Crónica fotográfica dos Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra con María Xosé Porteiro e Anna R. Figueiredo
Estas son algunhas das fotografías dos Roteiros literarios por Lavadores-Calvario e Aconteceu en Moaña, enmarcados nos Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2023, que guiaron, respectivamente María Xosé Porteiro, o sábado 3 de xuño, e Anna R. Figueiredo, o domingo 4 de xuño. A crónica fotográfica completa pode verse aquí:
Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2023
Os Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2023 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Cultura da Deputación de Pontevedra.
Un ano máis, volven as rutas literarias organizadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), en colaboración coa Deputación de Pontevedra. O seu obxectivo é dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas autoras e autores, que exercen de guías tomando como base obras literarias propias ou alleas ambientadas nos diversos espazos da provincia de Pontevedra.
Todos os percorridos serán a pé, cunha duración aproximada de 90 minutos.
A inscrición farase nun formulario dispoñíbel na páxina web da Deputación de Pontevedra. Recibirán confirmación, máximo en 2 rutas por persoa. No resto pasarán á lista de agarda.
Os roteiros son os seguintes:
– Vigo. 3 de xuño. María Xosé Porteiro. Roteiro literario por Lavadores-Calvario. De 11:30 a 13:00. Partida: mercado do Calvario, esquina da rúa Urzaiz coa rúa Cataluña de Vigo.
– Moaña. 4 de xuño. Anna R. Figueiredo. Aconteceu en Moaña. De 11:30 a 13:00. Partida: Auditorio Celso Parada do Centro Sociocultural Daniel Castelao.
– Vilagarcía de Arousa. 11 de xuño. Xurxo Alonso. Roteiro Literario Vilagarcián. De 11:30 a 13:00. Partida: Praza de Galicia.
– Pontevedra. 18 de xuño. Adolfo Caamaño: O espazo urbano pontevedrés como materia literaria. De 11:30 a 13:00. Partida: praza diante do Estadio de Pasarón (O Burgo).
– Lalín. 25 de xuño. Xoán Carlos García Porral. Roteiro histórico-literario por Lalín. De 11:30 a 13:00. Partida: Igrexa de San Martiño de Lalín de Arriba.
Vigo: charla-coloquio arredor de Francisco Fernández del Riego
Mondariz: presentación de O libro negro da lingua galega, de Carlos Callón
Vigo: presentación de In Hac Lacrimarum Valle, de Xoán Carlos Abad Gallego
Vigo: presentación de Tes cinco minutos #3
A Estrada: parladoiro musical con Marilar Aleixandre
O 14 de abril ábrese a matrícula para os novos obradoiros da Escola de Letras 2023
A Escola de Letras de Editorial Galaxia e a Deputación de Pontevedra abre o 14 de abril, ás 08:00 horas, o prazo de matriculación para todas as persoas que desexen participar nos novos obradoiros impartidos por Antonio García Teijeiro e Esther F. Carrodeguas.
Só estará aberta a matrícula para estes dous obradoiros. Para o vindeiro, abrirase o prazo de inscrición durante o transcurso da edición.
Para formalizar a matrícula é imprescindible enviar un correo electrónico a escoladeletras@editorialgalaxia.gal, indicando:
-Nome completo da alumna/o.
-Correo electrónico.
-Número de teléfono.
-No ASUNTO e no CORPO do correo hai que sinalar o obradoiro, cidade e docente, no que se quere un matricular, por orden de preferencia.
OBRADOIRO LITERARIO EN VIGO CON ESTHER CARRODEGUAS
Días: 3, 10, 18, 24, 31 de maio
OBRADOIRO DE POESÍA EN PONTEVEDRA CON ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO
Días: 3 e 10 de maio
A través de varios obradoiros, que se estenderán ata o mes de outubro, cinco profesoras e profesores ofrecen información aos alumnos para aprender a escribir e desenvolver o seu propio estilo literario. O horario para todos os obradoiros é de 18 h a 20 h.
Cada unha das peticións formalizaranse por estrita orde de chegada. Os obradoiros constan de quince prazas cada un; haberá unha lista de agarda para cubrir posibles baixas de matriculados. Terán preferencia as persoas que non participaron na Escola anteriormente.