Desde o Portal Galego da Língua:
“A 24 de fevereiro, no Dia de Rosalia de Castro, que nasceu no mesmo dia deste mês em 1837 no Caminho Novo, um conhecido arrabalde de Santiago de Compostela, a Associaçom Galega da Língua (AGAL) dará a conhecer o poema mais gostado dentre os 16 que serám lançados em 18 vídeos através do Youtube e das redes sociais ao longo dos dias 22 e 23.
Nos vídeos, diferentes pessoas da Galiza, Portugal, Brasil e Angola ponhem a sua voz a diferentes poemas escolhidos polas mesmas entre os publicados nos livros Cantares Galegos (1863) e Folhas Novas (1880). As vozes som acompanhadas com legendas da versom original desses poemas. A AGAL pretende assim fazer ver como a unidade da língua galego-portuguesa está por cima de momentos históricos, sotaques e ortografias. A obra em galego de Rosalia é lusófona, é mundial.
Da Galiza, participam na leitura dos poemas a blogueira Carme Saborido, o realizador e editor Rafa Janeiro, o escritor Carlos Quiroga e as escritoras Maria do Cebreiro, Susana Arins e Andrea Nunes.
De Portugal, declama o diretor de fotografia Carlos Mendes Pereira, o fadista Eduardo Monteiro e o figueirense João Roque.
A participaçom africana, de Angola, chega pola mao do luandense Joaquim Domingos Manaça. O Brasil é, no entanto, o país que mais contributos enviou de escritores e outros admiradores da poetisa galega: o leitor da USC Márlio Barcelos, a produtora Amanda Prado e o conhecido escritor Michel Yakini, para além de Wellington Freire Machado, da universidade Federal do Rio Grande do Sul. Ainda, recebemos os contributos de Salan Fernández (de São Bernardo do Campo) e de três campineiros: Fernando Fagner, a cantora Martina Marana, o poeta Vítor Queiroz.
Animamos-te a participar na votaçom para escolher o melhor poema, ou a melhor leitura, que será anunciado no dia 24. Basta clicares em ‘gosto’ no vídeo de Youtube da tua preferência. (…)” Sigue lendo
Arquivos da etiqueta: Día de Rosalía de Castro
Manifesto da AELG no Día de Rosalía 2016
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega fai público o seu manifesto do Día de Rosalía de Castro de 2016, que foi encomendado ao autor Suso de Toro, quen foi tamén o encargado de darlle lectura o domingo 21 de febreiro, no acto central co que a AELG conmemorou a data de nacemento da nosa autora no Panteón de Galegos Ilustres.
Este manifesto será tamén lido en todos os actos que esta entidade celebrará por todo o país entre hoxe domingo e o propio Día de Rosalía de Castro, o vindeiro mércores 24 de febreiro.
Pode consultar o manifesto aquí.
E aquí, fotos do acto. Sigue lendo
A AELG reivindica un Panteón de Galegos Ilustres para o pobo
Desde Sermos Galiza:
“No acto que celebrou a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) polo Día de Rosalía -que terá lugar esta cuarta feira (día 24)-, Cesáreo Sánchez pediu acabar coa ocultación e o secuestro ao que están sometidos os galegos ilustres, entre os que se atopa a propia Rosalía.
“Aínda que poida ser desolador estar nun lugar onde os nosos símbolos nacionais están materialmente ocultados e que só é accesíbel co permiso eclesiástico, trátase dun exercicio de inmersión na realidade máis cruel que temos que transformar”, apunta Cesáreo Sánchez en declaracións a Sermos Galiza, “máis cedo que tarde, Rosalía ten que ser rescatada do secuestro, os galegos e galegas non podemos tolerar esta situación ferinte”.
O presidente da AELG lembra que “no seu día o corpo de Rosalía foi traído aquí nun acto de voluntaria transcendencia cultural e política para o galeguismo de entón. Seguían a estrela que Rosalía levaba na fronte e que Curros cantou”. “Otero dixo: nesta hora estará a nacer algún recanto da nosa terra, o home ou a idea que transformará en pobo profundo o ritmo da nosa historia. Esa muller foi Rosalía de Castro”, engade o presidente da AELG.
Na conmemoración das escritoras e escritores galegos tamén interveu Suso de Toro, quen apelou a Rosalía como un crisol onde a cerna do pobo tomou forma e tivo alma e como a poeta das desposuídas que foi quen de construír un relato e de fundar todo un pobo. De Toro, que leu o manifesto da AELG, describiu Rosalía como unha persoa “verdadeira e libre”. “Debido ás circunstancias sociais da época, tivo que pagar esa liberdade, pechada na súa casa cos seus poemas”, apuntou o escritor, quen tamén lembrou a “xustiza social” que Rosalía pedía para os desherdados.
No acto da AELG, María Xesús Astrai, Afonso Becerra, Rosalía Fernández, Margarita Ledo, Celia Parra, Mercedes Queixas, Eli Ríos, Isabel Risco, Alba María e Francisco Susavila recitaron poemas da autora. Tamén participou a Coral da Asociación Solfa, que lle puxo voz a poemas da propia Rosalía, de Cabanillas e de Manuel María.”
Compostela: acto central do Día de Rosalía de Castro 2016, no Panteón de Galegos Ilustres, o domingo 21
- Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.
- Actuación da Coral da Asociación cultural e musical Solfa.
- Negra Sombra (Letra: Rosalía de Castro; música: J. M. Capón).
- No escuro (Letra: R. Cabanillas; música: Fuxan os Ventos; arr.: F. Tobar Cereijo).
- Lectura do Manifesto da AELG. Suso de Toro.
- Lectura de poemas rosalianos:
María Xesús Astray Rodríguez
Afonso Becerra
Rosalía Fernández Rial
Margarita Ledo
Celia Parra
Mercedes Queixas Zas
Eli Ríos
Isabel Risco
Alba María
Francisco Susavila - Actuación da Coral da Asociación cultural e musical Solfa:
Na morte de Castelao (Letra: R. Cabanillas; arr.: F. Tobar Cereijo).
Os soños na gaiola (Letra: Manuel María; arr.: F. Tobar Cereijo). - Ofrenda floral.
- Interpretación do himno.
Betanzos: homenaxe a Rosalía de Castro, con María Lado e Lucía Aldao
Mobiliza Rosalía
Desde o profundo da voz e co seu canto radical e solidario, Rosalía de Castro mobiliza a nosa conciencia colectiva, galega e universal.
A obra de Rosalía, adiantada ao seu tempo, fala tamén para a mocidade do século XXI: adáptase, camaleónica, a todos os soportes e medios de difusión tecnolóxica, en papel ou dixitais.
Ao coidado de
Equipo Directivo
Equipo de Dinamización da Lingua Galega
Equipo de Actividades Extraescolares e Complementarias
Departamento de Lingua e Literatura Galega
Departamento de Educación Plástica e Visual
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) disponse a conmemorar un ano máis o Día de Rosalía de Castro. O 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contaron con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web.
Día de Rosalía de Castro 2016. 24 de febreiro
Por iso, para expandir o poder da súa palabra entre a xente nova, a AELG convida a celebrar o Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino con estas accións colectivas de difusión da súa obra:
Educación Secundaria e Bacharelato
Propoñemos o envío masivo e simultáneo dun verso de Rosalía desde os terminais móbiles do alumnado e do profesorado dos centros, baixo a etiqueta #mobilizarosalía. O verso, do poema IV de Cantares gallegos (parte da estrofa 13) é o seguinte:
Trocando en sonrisas / queixiñas e choros
Que se enviaría través das redes sociais, en calquera das súas múltiples aplicacións e formatos, acompañado dunha imaxe alusiva a Rosalía. Esta acción pode realizarse, con autorización previa da dirección do centro e supervisión das/os docentes, durante un período concreto de clase ou no período de recreo.
Educación Infantil e Primaria
A AELG propón a elaboración e envío dunha postal cun deseño alusivo ao Día de Rosalía, e cun verso ou estrofa que actúe de estímulo creativo para que rapazas e rapaces realicen un debuxo en torno á figura de Rosalía de Castro. Convidamos a que este traballo se realice na semana previa ao 24 de febreiro, para que ese día concreto se proceda desde os centros a un envío das postais aos enderezos das familias do alumnado, como agasallo rosaliano personalizado pola rapazada. Como texto propoñemos a seguinte estrofa de “Alborada”, tamén de Cantares gallegos:
Canta, paxariño alegre,
canta!
Canta porque o millo medre,
canta!
Canta porque a luz te escoite,
canta!
Canta que fuxeu a noite.
Podes descargar aquí un modelo de tarxeta postal deseñado por Pepe Barro.
Desde a AELG, convidamos á comunidade educativa a que se implique de forma activa nesta festa que celebra o nome e a obra da poeta maior de Galicia, chave mestra da nosa literatura e da nosa conciencia como pobo.
Agradecemos que nos comuniquedes (oficina@aelg.org) a vosa intención de participar desta iniciativa, para a facer constar na nosa web e colaborarmos así na súa difusión. Tamén, e co mesmo obxectivo, podedes achegarnos noticia doutras actividades que organicedes, así como toda aquela documentación (gráfica, audiovisual…) que derive da realización do Día de Rosalía no voso centro.
Podedes seguir as noticias da proposta nesta páxina da web da AELG.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebrou este sábado 13 de febreiro a súa asemblea xeral
(A Coruña, 13 de febreiro de 2016) A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou na mañá de hoxe sábado a súa Asemblea Xeral de socios/as, que acordou outorgar a Dolores Macías Pose, e a Mini e Mero os Premios Mestres/as da Memoria 2016, galardóns que se entregarán na I Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria a celebrar en Lugo o 19 de marzo; tamén o nome do Escritor/a Galego/a Universal 2016, distinción que se recollerá Pere Gimferrer na I Gala do Libro Galego que terá lugar o 14 de maio na cidade de Santiago de Compostela. Así mesmo, acordouse que Helena Villar Janeiro sexa a próxima “Escritora na súa Terra – Letra E” e, por tanto, quen reciba unha homenaxe que este ano chega á súa vixésimo segunda edición; será no mes de xuño no Concello de Rianxo.
Aprobouse o programa de actividades para o ano, que inclúe como a máis próxima a celebración do vindeiro Día de Rosalía de Castro (anexamos o deseño base feito por Pepe Barro para difundir os actos que se desenvolverán por todo o país). O programa aposta por continuar con actividades de traxectoria xa asentada e de alcance social como son os paseos literarios ou os obradoiros da Escola de Escritoras e Escritores; tamén a organización ou corganización de xornadas de formación dirixidas ao estudo das diferentes formas de crear literatura contemporánea desde os espazos de formación de novos formadores/educadores/mediadores da lectura. Tamén se reforza o proxecto coordinado pola Sección de Literatura de Tradición Oral coa celebración dunha Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria e a través da celebración de novas polafías e dunha nova edición, a novena, da Xornada de literatura de tradición oral. Asemade, a visibilidade da escritora e do escritor a través da web continuará a ser un eixo central da actuación da entidade co enriquecemento do espazo común e mais de cada páxina individual con que cada Socia/o conta no Centro de Documentación da web da AELG.
Tamén se acordou a incorporación de tres novas vogalías ao Consello Directivo da AELG, as de Ledicia Costas por Vigo, Ramiro Torres como responsábel de comunicación, e mais Afonso Becerra como vogal de literatura dramática.
Anunciouse a creación dunha Sección de Literatura Dramática e confirmouse a participación activa da AELG na plataforma Seguir creando.
Actividades a desenvolver no segundo semestre de 2015 na AELG
O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, reunido no día de hoxe en Santiago de Compostela, fixo balance da actividade da entidade no primeiro semestre do ano e anuncia o traballo a desenvolver no segundo.
Nos seis primeiros meses de 2015 a AELG desenvolveu unha ampla variedade de actividades. Entre as que teñen máis proxección pública está a renovación do esforzo por animar a celebración por parte da cidadanía do Día de Rosalía de Castro, que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) promove desde 2010. A aceptación e impulso por parte da sociedade e, moi especialmente, polo sector educativo, pódese visualizar no arquivo audiovisual e de imaxes da web da AELG.
Os Premios AELG 2015 entregados na Gala das Letras celebrada en Lugo o pasado mes de maio foron un público recoñecemento do labor creativo conxunto de creadores e creadoras finalistas e gañadores no ámbito literario, testemuña da sementeira literaria que agroma para orgullo da sociedade galega desde a vindicación irrenunciábel da súa ferramenta máis prezada, a lingua galega; tamén se recoñeceu o labor do oficio do xornalismo, así como o legado das Mestras e Mestres da nosa memoria literaria e social e, finalmente, tamén posibilitaron o nomeamento como Escritor Galego Universal a Luiz Ruffato.
O poeta Xosé María Álvarez Cáccamo xa é socio de honra da AELG e Escritor na súa Terra, grazas á esta homenaxe da AELG que leva máis de 20 anos propiciando o contacto directo da sociedade coas súas escritoras e escritores. Un contacto tamén propiciado pola iniciativa Paseos Literarios, nos que cun escritor/a como guía se ofrece unha outra forma de ver as nosas cidades e vilas e dos que tiveron lugar seis no que vai de ano, aos que se sumarán ao menos outros sete até fin de ano, nas cidades da Coruña, Vigo e Ribadeo. Cun obxectivo parecido a AELG seguirá engadindo contidos á sección da web “O territorio do Escritor/a”, que suma máis de 40 roteiros que permiten coñecer o país desde o prisma do/a creador/a e que este ano actualizará os tramos que transcorren polas provincias de Lugo e Ourense da ruta Pelerinaxes I, que fixeran os escritores da Xeración Nós e relatou Otero Pedrayo nun libro publicado en 1929.
A Escola de Escritores e Escritoras da AELG, que tamén establece pontes entre creadores/as e sociedade, levou un obradoiro á cidade de Santiago e organizará outro no que resta de ano para seguir transmitindo a experiencia apaixonante do acto creador como complementario na formación da persoa e para ofrecerlle a oportunidade de gozar do seu sistema lingüístico, literario e cultural. Tamén se engadirán ás xa existentes na web novas unidades didácticas que faciliten ao profesorado o labor de mediación entre o alumnado e o acto creativo, así como co seu sistema literario. Tamén neste ámbito, a AELG renova o seu esforzo coas V Xornadas de Literatura e Ensino, que terán lugar en outubro.
Actividades con menos proxección pública pero que a AELG considera tamén importantes e que continuará no que resta de ano son a adaptación da súa web (que superou os 17.000.000 de entradas), para que os seus contidos sexan visualizados con maior calidade e en calquera dos novos dispositivos móbiles, alén de incluír novos contidos, particularmente documentación, fotos e vídeos dos seus asociados e asociadas de modo que a súa voz e obra sexa máis accesíbel. A isto tamén contribúe no plano da actualidade a Axenda Cultural da AELG, que no que vai de ano publicou máis de 1.000 novas relacionadas especialmente coa traxectoria literaria dos seus asociados e asociadas pero que tamén acolle outras novas do resto de autores, e a colaboración semanal sobre temas de actualidade literaria na versión impresa do periódico Sermos Galiza (no que tamén se están publicando grupos de palabras do tesaurus acumulado até a data na sección da web Palabras con Memoria), así como colaboracións estritamente literarias na revista O salmón oval.
En setembro terá lugar en Pontevedra a VI edición do Congreso de Escritores/as, unha actividade na que a AELG toma o pulso da nosa literatura e das preocupacións das escritoras e escritores co ánimo de lles buscar solucións e instrumentos para a necesaria visibilidade social do noso sistema literario. Para estes efectos, a asociación xa abriu un proceso de participación entre todas as súas asociadas para perfilar os temas a debater.
A recentemente ampliada Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG organizou unha polafía en Ponteceso, coa participación activa de tres xeracións arredor da regueifa, e ten prevista outra, así como a oitava edición das Xornadas de Literatura de Tradición Oral, que terá lugar en outubro co lema Sexo e obscenidade na literatura galega de tradición oral, e da que se editarán as actas antes de rematar o ano.
A voz das creadoras tamén se achegará á Universidade de Vigo co Ciclo Escritores/as na Universidade, concretamente nas facultades de Filoloxía e Tradución de Vigo e na de Ciencias da Educación de Ourense. Tamén na Universidade de Santiago, entre setembro e outubro, a AELG colabora nunha nova edición do Curso de formación continua «As literaturas infantís e xuvenís ibéricas. A súa influencia na formación lectora», que este ano falará das Obras imprescindibles para o Ensino Primario o Secundario sobre conflitos bélicos.
Finalmente, en novembro, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega renova o seu compromiso cos asociados non vinculados á escrita estrictamente creativa e celebrará unha Xornada de Ensaio e Pensamento na cidade da Coruña.
A Estrada: lectura pública da obra de Rosalía de Castro
Día de Rosalía de Castro 2015 en Madrid
Desde Galego en Madrid:
“Un ano máis, e van tres, acudimos á chamada da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e do Grupo Bilbao para celebrarmos o Día de Rosalía de Castro.
Palabras sabias de Vicente Araguas sobre a autora de Cantares gallegos nunha tarde madrileña fría.
“…que cante e que cante
na lingua que eu falo…”
líanos Manuel Pereira Valcárcel no Manifesto da AELG.
Galegos e galegas, poetas e alumnado van lendo a Rosalía, e Marta Beceiro canta os seus versos.
E para rematar, como xa ben sendo costume, peregrinaxe ata San Ildefonso, como fixera Rosalía para casar con Manuel Murguía en 1858.