Cambados concede o XIX Premio Ramón Cabanillas ao escritor, profesor e político Domingo Tabuyo

Desde o Diario de Arousa:
“O escritor Domingo Tabuyo recibirá este ano o Premio Ramón Cabanillas outorgado polas librarías de Cambados e o Concello.
O tamén profesor, que se xubilou o ano pasado, ten un extenso currículum e é autor de numerosas obras de poesía e narración, pero ademais é colaborador de diferentes medios como Diario de Arousa.
A organización pensou nel sobre todo polo seu labor para enxalzar a figura do “poeta da raza”. De feito, destacan que cando era concelleiro da Corporación municipal presentou unha moción para declarar o 9 de novembro como Día Cabanillas en Cambados e outra para crear o premio de poesía, sendo aprobadas.
Ademais escribiu artigos sobre o autor, foi membro da comisión organizadora do Ano Cabanillas de 2009 e coordinador das xornadas “Ramón Cabanillas e a Modernidade na poesía galega”, entre outras cousas.
A entrega do premio terá lugar o vindeiro 3 de xuño, na que xa é a súa XIX edición”

Takekazu Asaka recibe o Premio Ramón Cabanillas

Desde a Real Academia Galega:
“O académico correspondente Takekazu Asaka recollerá este sábado, 27 de xullo, o Premio Ramón Cabanillas, nun acto que terá lugar ás 20:30 horas no auditorio municipal de Cambados. As librarías Contos e Ramón Cabanillas da localidade, coa colaboración do concello, recoñecen así o labor de divulgación da lingua e da literatura galegas do profesor nipón, que acaba de publicar unha tradución á súa lingua dunha das obras do autor que lle dá nome ao galardón, A rosa de cen follas (1927). O libro será presentado hoxe, ás 20 horas, na biblioteca municipal Luís Rei. Non será a primeira achega do académico ao escritor cambadés, ao que xa lle dedicou a Cantata a Ramón Cabanillas. Takekazu Asaka publicará ademais proximamente un artigo sobre as formas de cortesía en galego no que toma como referencia, entre outras fontes, a novela Costa do Solpor do tamén académico correspondente Xosé María Lema. (…)”