Manuel López Rodríguez gaña o VIII Certame de Poesía Ardeiro

Desde o Concello de Negreira:
“O poemario Desde onde non nace, do poeta noiés Manuel López Rodríguez, é o gañador do VIII Certame de Poesía Xosé Manuel López Ardeiro, cuxo fallo deuse a coñecer este mércores 18 de Nadal, durante un acto literario-musical celebrado no Auditorio de Negreira. A outra finalista foi Migratoria, cuxa autora é Andrea Fernández Maneiro, de Vilagarcía de Arousa. No acto participou o grupo de música Oîma formado por Antía Ameixeiras, Olalla Liñares e Martín Sendón.
Ao certame convocado polo Concello de Negreira presentáronse un total de dezanove poemarios e os membros do xurado, presidido polo escritor José Antonio Ponte Far, xunto cos poetas Xulio López Valcárcel, Diana Varela, a escritora e investigadora María López Sández, e máis a profesora María Rey; seleccionou aos dous traballos finalistas, e da obra gañadora valorou: «Como unha obra executada con brillantez, desde unha óptica introspectiva» e tamén valorou «a estética renovadora en canto á linguaxe e ao ritmo», segundo recolle o acta do xurado.
Así mesmo, o xurado decidiu outorgar o segundo premio a Migratoria, presentado baixo o lema ¨O remendador de redes¨, valorando «a profunda emotividade que recolle a epopeia histórica do pobo galego, da emigración, e que recolle a insistencia da memoria a través dos recordos e as vivencias». O xurado comprácese en salientar a «alta participación e calidade dos participantes».
Manuel López Rodríguez recibiu un premio en metálico de mans do alcalde de Negreira, de setecentos euros, concedido polo Concello de Negreira, e a súa obra será editada nun libro pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral do Libro, da Xunta de Galicia, coa entrega ao autor de 200 exemplares da obra que será editada por Medulia Editorial. Ao segundo premio que correspondeu a Andrea Fernández Maneiro, recibiu un premio en metálico de trescentos euros por parte do Concello.
No acto contouse coa presenza do alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez e membros da Corporación Municipal, así como os fillos do finado poeta Xosé Manuel López Ardeiro e, salientar a presenza e participación do director xeral de Políticas Culturais, Anxo Manuel Lorenzo Suárez.”