Artigo de Romina Bal en Praza:
“A nosa LIX está chea de referencias ao Nadal, a figuras tradicionais como o Apalpador, os Reis ou a un tempo que reservamos á familia, ás amizades, á recuperación dos valores que este tempo representa. Neste artigo queremos facer unha recompilación das lecturas específicas deste tempo. Para levalo a cabo falamos con moitas das nosas editoriais galegas e seleccionamos unha pequena mostra natalicia de recursos de Nadal.
Así pois, sobre a figura galega do Apalpador, un personaxe que cada Nadal está máis presente, podemos atopar en álbum ilustrado O rei da Floresta, de Adela Figueroa Panisse, con ilustracións de Mª Celsa Sánchez Vázquez editado por Edicións do Castro; O tesouro do Apalpador, de Jorge Rodrigues Gomesende con ilustracións de Eva Yusti Campo (autoeditado), Antón e o Apalpador, de Manuel Castro Lima e Mª Mar Ameixeiras Sánchez con ilustracións de Francisco Ameixeiras Sánchez editado por Barafunda Editorial; O conto do Apalpador, de Lúa Sende e Alexandre Miguens con ilustracións de Leandro Lamas e editado por A Fenda Editora e O Apalpador e a castaña máxica, de Xoán G. editado por Biblos Clube de Lectores. E para mozos xa máis grandes en Urco editora a serie xuvenil Apalpador Vs Papa Noel, As aventuras do Apalpador e o tesouro dos mouros, As aventuras do Apalpador e a carballeira dos druídas e As aventuras do Apalpador e as portas do tempo.
No que se refire a Nadal, ese tempo de valores, de tradición e de familia e tamén de sorrisos comprometidos a mesma editora propón Contos estraños volume 4. Nadal Impío, todo un alegato da condición do ser humano para lectores autónomos. En Edicións do Cumio podemos atopar a clásica novela de Charles Dickens, Canción de Nadal, adaptada e ilustrada por Rosa Fuentes e protagonizada polo avarento señor Scrooge e os xa célebres espíritos do Nadal Pasado, do Nadal Presente e do Nadal Futuro. Un cálido relato que nos convida a tomar en consideración as cousas que realmente teñen un gran valor na vida. A mesma obra de Dickens pero ilustrada por Roberto Innocenti e traducida por Carlos Acevedo podémola atopar en Kalandraka para nenas a partir dos dez anos, sen dúbida, desde unha coidada perspectiva. Sigue lendo
Arquivos da etiqueta: Edicións do Castro
Cuestionario Proust: Ánxel Fole
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Ánxel Fole, que reproduce a entrevista contida en Oficio de escribir (Edicións do Castro, 1990), co permiso do seu autor, Luís Rei Núñez:
“– Principal trazo do seu carácter?
– Teño propensión á melancolía e á meditación.
– ¿A cualidade que prefire nun home?
– A honradez.
– ¿A cualidade que prefire nunha muller?
– A discreción.
– ¿O que máis aprecia nos seus amigos?
– A fidelidade.
– ¿O seu principal defecto?
– Quizais sexa un tipo desordenado e confuso.
– ¿A súa ocupación favorita?
– Escribir era unha ocupación que me gustaba moito antes, cando estaba ben da vista.
– ¿O soño de ventura?
– Conformaríame cunha boa saúde. Que a tiven moito tempo, e dábame optimismo.
– ¿Cal sería a súa maior desgracia?
– Pois non sei…
– ¿Que quixera ser?
– A min paréceme a profesión máis interesante a que teño: a de escritor.
– ¿En que país desexaría vivir?
– En calquera; pero gústame moito o campo.
– ¿A color que prefire?
– A verde.
– ¿A flor que prefire?
– Gústanme máis as árbores cás flores.
– ¿O paxaro que prefire?
– O ouriol. Primeiro porque canta mellor ca un merlo e dá uns sons máis alegres. E segundo porque me pasou un milagre estético con el como lle puido pasar a Berceo. Estaba eu escribindo, nunha terraza cuberta, sobre un velador antigo, uns versos que dicían: “Ouriol, dame tu pluma, / Ouriol, para que escriba / un cantar de luz y espuma / con estrofas de agua viva”. E cando os escribía entrou por alí un ouriol, que bateu no vidro da xanela e caeu sangrando polo peteiro enriba da mesa. Eu arrinqueille unha pluma, talleina cunha navalla, botei a voar ó ouriol, e continuei escribindo coa nova pluma.
– ¿Os seus autores favoritos en prosa?
– A literatura é o mundo da admiración, e non sabe ún por onde empezar. Gústame moito a prosa de Gabriel Miró.
– ¿Os seus poetas preferidos?
– Aí si que non hai por onde empezar. Para min o mellor poeta español é Antonio Machado. Rosalía e Teixeira son as outras constantes da miña admiración.
– ¿Os seus heroes de ficción?
– Eso, moitos. Eses seres xordos que están detrás do relato, como Avinareta.
– ¿As súas heroínas favoritas de ficción?
– Hai personaxes de novela que se confunden coa realidade, pero son moitos.
– ¿Os seus compositores preferidos?
– A miña admiración máis centrada é Beethoven. Da música do século XX, Ravel, Stravinski e Falla.
– ¿Os seus pintores predilectos?
– Monsieur Henri Matisse.
– ¿Os seus heroes da vida real?
– Calquera pobre diaño pode ser un tipo admirable.
– ¿As súas heroínas da vida real?
– Hai moitas mulleres seductoras.
– ¿Os seus nomes favoritos?
– Búscoos todos no galego. Por exemplo, estralampar, que é cesa-los raios.
– ¿Que detesta máis que nada?
– En bloque, o oído paréceme feo.
– ¿Que caracteres históricos desprecia máis?
– Non meditei neso.
– ¿Que feito militar admirou máis?
– As guerras da Independencia.
– ¿Que reforma admira máis?
– Tódalas que están ligadas ós inventos. A historia dos inventos é a que máis me gusta.
– ¿Que dons naturais quixer ter?
– Comunicarme a distancia coas persoas.
–¿Cómo lle gustaría morrer?
– Sen darme conta, quedando durmido, é a opción que lle pido a Deus.
– ¿Estado presente do seu espírito?
– A actualidade, con tanto atraco, tanto morto, tanto disparo, tanta puñalada, dáme horror. La historia contemporánea tiene unos capítulos espantosos.
– ¿Feitos que lle inspiran máis indulxencia?
– O roubar para comer.
– ¿O seu lema?
– Son un home sen lemas.”
Ourense: presentación teatralizada de O mistério da escada interior, de Adela Figueroa
A Coruña: presentación de O mistério da escada interior, de Adela Figueroa
Ferrol: actividades destacadas do sábado 20 e domingo 21 de abril na Feira do Libro
O sábado 20 e domingo 21 de abril prosegue a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:00 a 21:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados:
Sábado 20:
– 12:30 h. Presentación do libro Enredando nos antropónimos, de Xulia Marqués, con ilustracións de Sandra García Gutiérrez, editado por Galebook. Participarán no acto as autoras.
– 18:00 h. A compañía Maquinarias Teatro representará a obra de teatro Touporroutou, adaptación da peza de teatro infantil de Roberto Vidal Bolaño.
– 18:00 h.: Antonio Seijas autor de Cartas de inverno. Novela gráfica, asinará exemplares na Caseta da librería Espacio Lector Nobel.
Domingo 21:
– 12:00 h. Presentación do libro de teatro infantil O mistério da escada interior, de Adela Figueroa Panisse, con ilustracións de Celsa Sánchez Vázquez, publicado por Edicións do Castro.
– 19:30 h. O escritor Xesús Bermúdez Tellado presenta o seu poemario Viaxe sen cancelas publicado pola editorial Redelibros. Ao remate do acto, o autor dos libros asinará exemplares dos mesmos.
Santiago: presentación de O mistério da escada interior, de Adela Figueroa
Lugo: presentación de O mistério da escada interior, de Adela Figueroa
O xoves 31 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Lugo (Praza de San Domingo, 4), preséntase o libro O mistério da escada interior, de Adela Figueroa, publicado por Edicións do Castro. No acto, xunto á autora, participa Tareixa Campo, e estará acompañado pola música dos Frebudos.
Pontevedra: Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2012, presentación do xoves 8
Do domingo 4 ao sábado 31 de marzo, no Pazo de Cultura de Pontevedra, regresa o Salón do Libro Infantil e Xuvenil para achegarnos ao mundo da literatura. Este ano o Salón, que ten a Paco Martín como autor homenaxeado, indagará nas supersticións; de onde veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil. Temos preparado un amplo programa de actividades no que toda a familia pode participar porque, no Salón, rapaces e maiores percorren xuntos e descobren o universo dos libros. O horario de apertura será de luns a venres de 9:30 a 13:30 h., e de 16:30 a 20:00 h., e os sábados de 10:00 a 13:30 horas. O programa completo pódese descargar aquí: programa_salon_libro_2012.
– O xoves 8 de marzo, ás 18:30 horas, na Sala de exposicións, preséntase o libro O rei da floresta, de Adela Figueroa, publicado por Edicións do Castro.
Santiago: presentación de Por un común denominador. A esquerda da nación, de Martiño Noriega
O mércores 28 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Por un común denominador. A esquerda da nación, de Martiño Noriega, publicado por 2.0 Editora e Edicións do Castro. No acto intervirán, xunto ao autor, Xosé Manuel Beiras, Xosé Ramón Fandiño e Rosabel Candal.
A Coruña: presentación de Madeira de mulher, de Adela Figueroa
O xoves 29 de setembro, ás 20:00 horas, no local de Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo) na Coruña, preséntase o libro de relatos Madeira de mulher, de Adela Figueroa, publicado en Edicións do Castro. No acto, xunto á autora, participan Felipe Senén López e Pilar García Negro, acompañados pola actuación musical de Xurxo Souto.