Tito Pérez: “Monte Alto mudou moito. Agora o barrio é moito máis moderno e cosmopolita”

Entrevista a Tito Pérez en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Moitas veces os autores rexeitan o próximo, pero vostede sempre escolle A Coruña.
– Tito Pérez (TP): Cando un escritor escribe ten que buscar unha motivación, e precisamente a miña é describir o próximo e os conflitos que pode ter a sociedade que me rodea. Hai moitos libros sobre Nova Iorque, París, etc. Pero eu creo que, desde o local, transcéndese ao universal.
– LO: Cal diría que é o peso desa identidade nos autores de aquí?
– TP: Dicía un crítico que Galicia ten moitísimos problemas estruturais. Por exemplo, o envellecemento da poboación, ou o cambio brutal do campo ao cidade. Contaba que eses problemas semellan que existen en todos os sitios menos na literatura galega. Eu creo que pode ser verdade, e a miña intención é tratar de encher ese oco. (…)
– LO: No relato que titula o libro, os seus habitantes semellan incapaces de ser inconformistas.
– TP: Eu creo que no fondo iso segue a ser igual. Agora o que cambiou é o exterior, pero o interior segue a ser parecido. Os hipsters dos que falabamos ao final teñen que emigrar para saír adiante. Os que quedan aquí poucas saídas teñen, e non loitan polo seu.
– LO: Segue o golpe da crise?
– TP: Si, porque somos a xeración da crise. Eu son enxeñeiro industrial, e cando comezou a crise non había traballo. É cando empecei a escribir. Non tiña nada fixo, e gustábame moito a literatura. (…)
– LO: Fala de ter tempo. As súas personaxes pérdeno en entretementos e ignoran as cuestións de peso social.
– TP: Claro. E na mocidade iso tamén está moi presente. Por exemplo, cando veñen as eleccións, a súa abstención é moi elevada. Moitas veces pensas antes en emigrar que en loitar polo noso e sacar adiante a situación. Pero así non conseguiremos o desenvolvemento pleno da sociedade que podemos ter. Iso é o que demanda o libro. (…)”

Jorge Emilio Bóveda gaña o Premio de Novela do Peirao

Desde Cultura Galega:
“A obra Eternos propietarios, de Jorge Emilio Bóveda (Ourense, 1975) ven de alzarse co Premio de Novela do Peirao, convocado por Edicións do Peirao por vez primeira este ano. Setenta e tres traballos presentáronse ao certame dos que o xurado non destaca que a maioría dos textos presentados mostráronse orientados a temáticas de denuncia social en maior ou menor medida e cun bo nivel medio. Segundo a acta do premio, Eternos propietarios é unha obra que ofrece modernidade e realismo social na liña de novelas como La borra del café de Benedetti ou Manhattan Transfer de Dos Passos, como referencias. Para o xurado Jorge Emilio Bóveda “foi quen de mesturar contidos de denuncia con momentos retranqueiros nunha obra coral que vai desvelando novas tramas a medida que avanza a obra”, nunha polifonía no que a evolución do relato da historia e os sentimentos persoais van da man. O gañador ten xa escrita moita obra narrativa anterior así como ensaio.”

A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 4 e 5 de agosto

O 4 e 5 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:

Sábado 4
18:00 h. Estefanía Padullés presenta Max e Lea. Obradoiro para debuxar un dinosaurio.
18:00 h. Bea Lema asina exemplares de O corpo de Cristo, XII Premio Castelao de Banda Deseñada, publicado pola Deputación da Coruña. Na caseta da Libraría Berbiriana.
19:00 h. Marcelino Fernández Mallo asina O bolseiro de Ingatex, na caseta de Lume.
19:00 h. Xoán Babarro asina O baúl de Domingo Quintas na caseta de Hércules Edicións.
19:00 h. Presentación de Mael. Máis alá da Fraga de Cornanda, de Uxía Meirama e Miguelanxo Prado, publicado por El Patito Editorial.
19:45 h. Presentación de O que sei do silencio, de Andrea Maceiras, publicado por Xerais, en conversa con Manuel Bragado (na carpa de infantil).
20:00 h. Sinatura de Yolanda Castaño na Libraría Azeta.

Domingo 5
13:00 h. Presentación de Patacas e máis patacas. O misterio da Casa Grande, de María Acosta.
19:00 h. Héctor Cajaraville asina Nova Nursia, na caseta de Lume.
19:00 h. Presentación do libro Lingua de Eva e Adán. Sobre poesía e poetas, de Xavier Seoane, publicado por Espiral Maior. Participan Eva Veiga, Xavier Seoane e Miguel Anxo Fernán-Vello.
19:30 h. Paco Nogueiras asina Radio Bule Bule e Brinca vai!, na caseta da Libraría Cartabón.
19:45 h. Negro sobre negro. Conversa de Diego Ameixeiras, autor de A crueldade de abril, publicado por Xerais, e Nieves Abarca, autora de El beso de Tosca.
20:00 h. Xurxo Souto asina na caseta de Lume.
20:30 h. Presentación dos novos títulos da colección Mulleres Bravas da nosa historia, con María Reimóndez, Eli Ríos, Andrea Jamardo e Andrea Barreira.

Premio de Novela Do Peirao 2017

Edicións Do Peirao convoca o Premio de Novela Do Peirao coas seguintes bases.

«Primeira. Poderase presentar unha única obra orixinal e inédita firmada con nome e apelido, ou ben pseudónimo, e datos de contacto; sendo condición indispensable ser maior de idade.
Segunda. Os orixinais deberán estar escritos en galego a dobre espazo, con tipo de letra Arial ou Times New Roman a tamaño 12; cunha extensión mínima de 120 páxinas.
Terceira. Outorgarase un único premio consistente na publicación da obra gañadora, dándose a coñecer o fallo o 23 de outubro de 2017.
Cuarta. Os orixinais deberán ser enviados exclusivamente en formato dixital xunto cos datos da autora ou autor á dirección concurso@dopeirao.eu, sendo o último día de presentación o 29 de setembro de 2017.
Quinta. A gañadora ou gañador subscribirá un contrato de edición pola obra dunha duración de cinco anos, recoñecéndoselle un dez por cento (10%) das vendas como dereitos de autor nesa primeira edición e sucesivas. Sendo estas libremente determinadas pola editorial.
Sexta. Edicións Do Peirao resérvase o dereito de opción preferente para publicar aquelas obras que presentadas a concurso e non sendo premiadas, puideran interesarlle, procedendo á súa edición previo acordo coas creadoras.
Sétima. A participación neste premio implica de forma automática a plena e total aceptación, sen reservas, das presentes bases. Para calquera diferenza que houbese de ser dirimida por vía xudicial, as partes renuncian ao propio foro e sométense expresamente aos Xulgados e Tribunais de Santiago de Compostela.»

En Santiago de Compostela, a 19 de xullo de 2017.