Entrevista
a Bernardo Máiz en Sermos Galiza:
“(…) Dentro desta atópase como finalista a obra colectiva Os nomes do terror: Galiza 1936 (Sermos Galiza), que conta entre os seus colaboradores con Bernardo Máiz. O historiador mugardés é dobremente nominado nestes galardóns polo seu ensaio Amada García e os seus arredores (Edicións Embora).
Ambas aportacións teñen a súa base no inxente labor do autor arredor das vítimas do franquismo, en especial aquelas do norte da provincia da Coruña (Eume, Ferrolterra e Ortegal). Un esforzo conxunto co historiador Xosé Manuel Suárez levounos a aumentar dita nómina de persoas mortas a mans do réxime até case rozar as mil. Segundo os seus cálculos, desde 1936 até 1975, o franquismo chegou a cobrar até 985 vidas no territorio. Dacordo a un proxecto aprobado polo pleno municipal de Ferrol e apoiado por outros gobernos locais, os seus nomes serán inscritos nun monumento memorial que será colocado no antigo cemiterio de Canido.
– Sermos Galiza (SG): Como chegaron a esta actualización da nómina de vítimas do franquismo?
– Bernardo Máiz (BM): No arquivo municipal de Ferrol había un libro enorme de rexistro do cemiterio municipal de Canido, que estivo funcionando até xuño do 1945. O capelán católico anotaba absolutamente todo da xente alí enterrada. De súpeto, descubrimos anotado -que é curioso e raro- o nome da persoa, a casa mortuoria, a causa da morte. E descubrimos unha serie de persoas pasadas polas armas do ano 1941 ao 1945, que cremos que eran da Mariña republicana. Polo que sabemos, poderían ser mariñeiros republicanos que se entregaron ou foron devoltos polas autoridades francesas. Explícome, a flota española republicana que estaba en Cartagena cando estaba rematando a guerra exiliáronse cos barcos a Túnez. Houbo moitos que ficaron alí, pasaron a formar parte da resistencia francesa… mais, cando o ministro da Marina de Franco foi polos barcos, houbo mariñeiros que aceptaron volver coa promesa de se tiñan un xuízo xusto, e foi así en determinados casos. É sorprendente porque estamos a falar de persoas moi novas, que no 36 teñen 20 anos e no 40 tiñan 2. Aí atopamos un fondo documental curioso e interesante. (…)
– SG: Todo este traballo foi chave para escribir Amada García e os seus arredores…
– BM: A relación é directa. É un libro que xunta moita información sobre o tema do que estou a falar, que é a represión nesta zona. Amada García converteuse nun emblema da represión na zona. É un territorio tradicionalmente moi de esquerda, cunha representación feminina moi notable para a escasa representación feminina na política da época. Amada García chega a estar en mítines coa Pasionaria… Iso explica que houbera esta matanza tan grande de mulleres.
– SG: Á hora de documentarte sobre ela, a meirande parte do traballo sacáchelo de aí?
– BM: Eu levo publicado moito sobre este tema desde hai moitos anos. Quero dicir, a miña tese de doutoramento era sobre a opresión do franquismo en Galicia. Levo moitísimo publicado sobre represión franquista, aínda que me gusta falar mais de resistencia. Xa está ben de falar de mortos, hai que falar deles pero moitas veces estes mortos morreron defendendo a legalidade republicana. Porén, para escribir, eu crieime con esa historia. Vivo no concello de Mugardos, de onde era ela. A súa era unha historia moi dramática. Penso que o éxito do libro, que leva dúas edicións, foi porque era un tema moi coñecido e polo tratamento que lle din á información, que recollín durante moitos anos. É unha obra que precisou previamente que eu escribise moitísimo sobre o tema antes de escribir sobre isto en concreto. Trátase dun estudo no que analiza non só a biografía da muller senón por que se produciron as circunstancias que se produciron. Isto é, o medio social e cultural no que se criou que desembocou en que esa muller acaba sendo condenada a morte. Esta muller, cando entrou no cárcere en abril de 1937 estaba embarazada, tivo o neno no hospital en outubro de 1937 e foi executada en xaneiro de 1938. Esa historia ten un dramatismo moi grande. Non é que logo a condenasen e despois parise. Senón que pariu e mes e pico despois. Eu tiña moita amizade co fillo. Desde entón, todos os 27 de xaneiro reunímonos no castelo de San Felipe, día que foi institucionalizado de tal xeito que ese é o día de recordar as vítimas do franquismo. (…)”
Arquivos da etiqueta: Edicións Embora
Ferrol: actos destacados do sábado 21 e domingo 22 na Feira do Libro
O
sábado 21 e domingo 22 de abril continúa a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:00 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
Sábado 21
– 12:00 h. A ilustradora María Brenn asina exemplares de Soños de nenos, publicado por Embora.
– 18:00 h. Obradoiro de ilustración Debuxando contos, con María Lires.
– 20:00 h. Presentación do álbum ilustrado Lúa, de Pepablo Patinho, publicado por Embora.
Domingo 22
– 12:00 h. Siro López asina exemplares da súa antoloxía Siro, na caseta de Central Librera.
– 12:00 h. Miguel Anxo Romero e Leandro Lamas asinan exemplares de Poemas con Canela, na caseta de Edicións Embora.
Ferrol: actos destacados do xoves 19 e venres 20 na Feira do Libro
O
xoves 19 de abril comeza a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
Xoves 19
– 19:00 h. Ánxela Loureiro asina exemplares da súa obra na caseta central.
– 19:30 h. Pregón inaugural de Miguel Toval.
– 20:00 h. Presentación de Choiva de ras, de Ánxela Loureiro, publicado por Xerais.
Venres 20
– 18:00 h. María Brenn asina exemplares de O branco non pinta! (escrito por Antía Otero, publicado en Apiario), na caseta da libraría Day.
– 20:00 h. Presentación de Memoria antiga do barrio da Magdalena, publicado por Embora. No acto participan Guillermo Llorca e Juan J. Burgoa.
Paiosaco: presentación de Crónicas de Arteixo, de Xabier Maceiras
O
sábado 14 de abril, ás 19:00 horas, no local social da Asociación Veciñal Campo da Feira (Avenida de Bergantiños, 48) de Paiosaco, Xabier Maceiras presenta Crónicas de Arteixo, publicado por Embora.
A Asociación Galega de Editoras participa con stand propio na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña
Desde
a Asociación Galega de Editoras:
“A Asociación Galega de Editoras (AGE) participa, por primeira vez, con stand propio na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, coa colaboración de CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos). A 55ª edición da BBF conta con China como país convidado. Celebrarase do 26 ao 29 de marzo e é a feira internacional máis importante en compra e venda de dereitos de autor infantil e xuvenil.
Alvarellos Editora, Edicións Embora, Kalandraka Editora, Hércules de Ediciones, Nova Galicia Edicións, Urco Editora, Edicións Xerais de Galicia, Editorial Galaxia e Oqueleo, as empresas asociadas á AGE que participan no stand colectivo da entidade en Boloña ata o 29 de marzo.
Kalandraka Editora e Nova Galicia Edicións contarán un ano máis con stand propio na feira, ademais de participar no da AGE.
As empresas desprazadas do gremio galego manterán xuntanzas de traballo con representantes do sector internacional, cunha axenda pechada meses antes da celebración da Feira, ademais de realizar presentacións de libros, na feira e nas librarías da cidade de Boloña, como é o caso de Kalandraka Editora.
Ademais, desde o stand da Asociación Galega de Editoras na BBF, daranse a coñecer as novidades das editoriais galegas que participan na feira, unha das principais citas anuais do mundo editorial.”
A Coruña: presentación de Fernando Osorio do Campo. Unha vida sen treguas, de Carlos Biscaínho
A Coruña: presentación de Charamuscas, de Suso Lista
O
venres 16 de febreiro, ás 19:00 horas, na FNAC da Coruña (Praza de Lugo, s/n), preséntase Charamuscas, de Suso Lista, publicado por Embora.
Terra queimada (Embora), de Ramón Caride
Entrevista
a Ramón Caride en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Estamos en Terra queimada ante unha novela breve pero argallada con diferentes fíos argumentais, con moitos personaxes. Un relato que exhala unha grande intensidade. Poderíamos considerar a Galicia rural como o nexo común de todas esas historias que transitan ao longo do libro?
– Ramón Caride (RC): Eu son moi fan do filme Vidas cruzadas, que está inspirado nos relatos de [Raymond] Carver, ou de Nueve vidas, o filme dirixido por Rodrigo García Barcha, o fillo de García Márquez, onde diferentes personaxes conflúen nun momento determinado pero logo nunca máis volven atoparse. Historias moi distintas pero que acontecen no mesmo sitio. Isto é un pouco o que define a vida, estamos no mesmo lugar pero o mundo discorre de diferente xeito para cada un de nós.
Por outra banda xa na miña primeira novela, Soños eléctricos, concorrían varias historias a través do libro. É unha característica da miña escrita e en Terra queimada pasa o mesmo, amósanse diferentes relatos na mesma narración, velaí está o suceso da guerrilla carlista, onde me interesaba moito o tema dos guerrilleiros no Paraño. Logo aparece a historia dos catro vellos que están xogando ás cartas, onde “parece” que non vai pasar nada. Asoman as personaxes de Sawa e do piloto do helicóptero, no cal abordo o tema de emigración pero serve tamén para lle dar unha volta ao tema do rural, que por unha banda esmorece, é abandonado, pero tamén no rural principian outro tipo de historias.
Se colles todo o anterior e dáslles unha volta e outra, ao final atopas ao fío que as xungue a todas: o lugar onde acontecen. (…)
– FL: Un dos cadros que nos amosa en Terra queimada é a deleiba do mundo rural. Un mundo que esmorece, que envellece como os catro xogadores de cartas coa que arranca a novela. Que -en definitiva- desaparece.
– RC: No que vas ao interior de Galicia, ou te afastas un pouco da costa ou das cidades grandes, isto é o que hai no país. Unha poboación envellecida que está como esperando algo pero que en realidade non agarda por nada, porque saben que ese mundo, o seu mundo, vai desaparecer con eles. Esa é a imaxe, pasar o tempo xogando á baralla. É unha maneira de arrincar a novela, unha paisaxe onde –aparentemente- non pasa nada. Catro persoas, avellentadas, que parece que xa viviron todo e que, como dicía antes, nada axitará as súas vidas.
Eu reivindico moito, á hora de facer literatura, o anódino, a tensión que hai no cotiá. Mira a túa vida, mira a miña vida, seguramente non nos pasen cousas transcendentes a meirande parte do tempo, pero sen embargo, as poucas arroutadas ou os únicos momentos singulares que se apartan da vulgaridade, non teñen sentido se non consideras o resto.
Velaí a razón pola que eu principiei a novela con eses homes, con esa acción de xogar á baralla. É unha estampa.
– FL: Vostede procede do concello de Cea, unha zona que doadamente podería reflectirse en Terra queimada. De que xeito o contexto familiar e paisaxístico no que medrou transformouse na escrita desta novela curta? Que importancia tivo o factor sentimental á hora de escribir?
– RC: Unha historia sempre hai que escribila dende a emoción, entendo eu. Escribir, polo menos no meu caso, implícate como persoa, introduces a memoria e incluso o teu estado emocional. A ver, nun primeiro momento a historia é imaxinaria, pero claro, velaí está a corta dos piñeiros, que eu coñezo ben porque viñan cortar madeira aos meus pais. Aquí na novela chámase Ramón, non me lembro como se chamaba daquela o tipo pero mentalmente teño na cabeza a súa imaxe moi nítida. Eu recordo a Tereixa, cando neno, que tiña unha taberna… Todo isto ao final vas revivindo cousas, lembras e imaxinas outras… e todo isto vai xuntándose. E seguramente máis cousas. Os topónimos proceden de Terra de Montes e da zona do Carballiño. Reflíctese claramente o Paraño, pero estamos en Terra queimada ante unha Terra de Montes un pouco imaxinaria. (…)”
Concha Blanco, autora do libro de relatos O medo é libre
Desde
Chamando á Terra, da Radio Galega:
“Falamos con Concha Blanco, autora do libro de relatos O medo é libre, que bebe da tradición oral que viviu de nena na taberna e o salón de costura familiar. Pode escoitarse aquí.”

