Arquivos da etiqueta: TAM
A crítica da crítica: TAM e o manga xaponés en galego por Eli Ríos
Artigo de Eli Ríos na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Bícame profe de Kazuma Kodaka, traducido por María do Carme Pampín Otero e publicado por Edicións do Cumio en 2008, foi o primeiro manga en galego. Tivemos que esperar dez anos a que saíse publicado o segundo manga en galego e o primeiro galego. TAM de Anémona de Río (Retranca Editora, 2018). O primeiro manga galego? Si, o primeiro manga galego porque non é unha tradución. Nace en galego e desde o galego.
Xa estamos acostumadas a que as obras escritas por mulleres teñan contadas recensións (como é o caso de TAM de Anémona de Río). Ademais, tamén estamos acostumadas a que se a escrita ten un punto que a diferencia da tradición, sexa posta en tea de xuízo. E, iso, é o que lle está acontecendo a esta obra cando se cuestiona se é un manga ou non.
Bícame profe mantén a estructura orixinal (lectura desde o final cara o comezo), en branco e negro e segue as pegadas de Death Note ou Naruto, por exemplo.
Anémona de Rio vai un paso máis alá da simple adaptación. E é de agradecer este proceso reflexivo.
Manga non significa nada máis que historieta, é dicir, por medio de viñetas ilustradas cóntasenos unha historia. Entón, se queremos crear un manga galego deberiamos usar o estilo de escrita xaponés tategaki (orientación vertical e de dereita a esquerda)? Ou adaptalo ao sistema de lectura galego? Pois depende. Ningunha das dúas opcións é mellor que a outra. Só é unha escolla da autora. Incluso, no mesmo Xapón, hai diferentes estilos de escrita: o xornal Asahi escribe en tategaki e o Yomiuri no estilo yokogaki (horizontal, de esquerda para dereita-como o galego). E, aínda máis, pódense mesturar os diferentes estilos! Isto lévanos a que hai moito tipos de mangas, de diversas formas, e non deixan de ser cómics de estética xaponesa porque escollan unha ou outra. (…)”
Pontevedra: actos destacados na Festa dos Libros 2018 para o 24 de xuño
O domingo 24 de xuño finaliza a Festa dos Libros 2018, na praza da Ferrería de Pontevedra, organizada polo Concello de Pontevedra e as librarías da cidade. O horario será de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 23:00 h. Os actos máis destacados para ese día son os seguintes:
– 11:30 h. Charla-coloquio entre Xesús Alonso Montero e Julián Rodríguez Novo, Unha morte lanzal. A traxedia do Bou Eva, finalista do Premio Nacional de literatura dramática 2017. Editorial Discursiva. ESCENARIO.
– 11:30 h. Ledicia Costas con Víctor Rivas e Andrés Meixide, As peripecias de Extravaganza Pérez; A señorita Bubble e Escarlatina. Xerais. Libraría Paz.
– 12:00 h. Kalandraka, 20 anos de Libros para soñar. Contacontos e música con Bea Campos e outras sorpresas. ESCENARIO.
– 12:00 h. Julián Rodríguez Novo, Unha morte Lanzal. A traxedia do Bou Eva. El Pueblo.
– 12:30 h. Polo Correo do Vento, A detective Peregrina e o misterio do torque; colección Mulleres galegas e Periplo Atlántico. Lela Edicións. Clip.
– 12:30 h. Tamara Andrés, Corpo de Antiochia, de Galaxia. Libraría Paz.
– 13:00 h. Pedro Feijoo, Sen piedade, Edicións Xerais. Presenta Susana Pedreira. ESCENARIO.
– 13:00 h. Maricarmen Cores Rey, O globiño viaxeiro. Editorial Discursiva. La Nube de Papel.
– 13:00 h. Rafael López Torre, Novas edicións de libros sobre Alexandre Bóveda, Daniel de la Sota e Alejandro R. Sesmero. Escolma.
– 13:15 h. Ismael Ramos, Lumes. Apiario. Libraría Paz.
– 14:00 h. Presentación do primeiro número da revista Ligeia. Tamara Andrés e Marcus-Daniel Cabada, dirixentes e responsables da dirección. ESCENARIO. Presenta Miguel Ángel Rodríguez.
– 14:00 h. Pedro Feijoo, Sen piedade, publicado por Xerais. Cronopios.
– 14:00 h. Tania Merelas Iglesias, Comezar desde cero. Edicións Embora. Libraría Paz.
– 18:00 h. Creando nun garaxe, 6 anos formando o futuro da BD Galega. O Garaxe Hermético, Escola Profesional de Banda Deseñada de Galicia. Presentación da novela gráfica colectica O picoto do pai, dos alumnos e alumnas do curso profesional de BD Zaida Novoa, Pablo Prado, Miriam Iglesias e Manuel Tudela. Modera Kiko da Silva. Presentación e tertulia con Anémona de Río TAM e Fonso Barreiro Curuxa, premios fin de curso en O Garaxe Hermético. ESCENARIO.
– 18:00 h. Cristina Corral Soilán, De paseo con Helena. Edicións Embora. Patakafrita.
– 18:00 h. Loli Veloso, Siro cos nenos; Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda no corazón dos nenos; Isaac Díaz Pardo para as nenas e os nenos galegos. Beneficios da venda destes libros destinados á investigación do cancro en pro da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e apoio a crianzas de Nicaragua. Clip.
– 18:00 h. Iolanda Zúñiga, Noites de safari. Xerais. Libraría Paz.
– 18:30 h. Adrián Morgade, Xinfu na maldición guauchuky. Xerais. La Nube de Papel.
– 19:00 h. Kiko da Silva e Anémona de Río. Libraría Paz.
– 20:00 h. Arantza Portabales, Deixe a súa mensaxe despois do sinal. Galaxia. Presenta Francisco Castro. ESCENARIO.
– 20:00 h. Lorena Conde, Entullo. Libraría Paz.
– 20:30 h. Eva Mejuto, 22 seguntos. Xerais. Seijas.
– 21:00 h. Suso de Toro, Fóra de si. Xerais. Presenta Fran Alonso. ESCENARIO.
– 21:00 h. Arantza Portabales, Deixe a súa mensaxe despois do sinal. Galaxia. Cronopios.