Conflito lingüístico, de Francisco Rodríguez, “un clásico en plena vixencia”

DesdeFrancisco Rodríguez Sermos Galiza:
“A quinta edición de Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza (Laiovento, 2015) presentouse a terza feira 15 de marzo na compostelá libraría Couceiro. Trátase dunha nova edición revisada e acrescentada con novos artigos do autor, algúns deles publicadas no Sermos Galiza. No acto estivo acompañado por Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, que definiu esta obra como “un clásico vivo para a defensa da lingua que vai aumentando en cada edición, porque en cada unha vai incorporando novos artigos e novos debates adaptados á conxuntura do momento”. (…)
Segundo Pilar García Negro, profesora da UDC, Conflito lingüístico “é o grande libro da sociolingüística moderna, por atinar no seu momento -foi publicado por primeira vez en 1976- cun diagnóstico fundamental e coa alternativa, a normalización, que tería que pasar por unha alternativa residenciada na propia Galiza e partir dela no seu conxunto, a nivel político, económico e social”.
Ademais, salientou García Negro, Rodríguez incorporou as máis rigorosas ferramentas da sociolingüística e deu alternativas para a súa normalización, concepto que -sinalou a profesora- “daquela non existía, só falaba diso naquela altura Rafael Ninyoles”. (…)
Nesta quinta edición, Francisco Rodríguez explica que “estamos, pois perante unha nova fase do conflito lingüístico, aquela onde a confrontación ideolóxica e política é a cada paso máis inevitábel e necesaria”. A respecto desta cuestión, Nel Vidal indica que “detrás das accións de políticas lingüísticas sempre hai unha intencionalidade política ou ideolóxica, iso está claro, pero nos usos reais da inmensa maioría da poboación non está esa intencionalidade cando elixe usar unha lingua ou outra. Si intervén e inflúe de forma colateral, pero non na intencionalidade do uso, e por iso ten certo perigo vinculalo á política, porque non vai estar directamente relacionado na gran maioría da poboación”. (…)”

Francisco Sampedro: “Nunca se pode identificar unha nación cun sentimento”

EntrevistaFrancisco Sampedro a Francisco Sampedro en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Para vostede por que era tan importante o tema [a morte, en Figuras da finitude?
– Francisco Sampedro (FS): A finitude sempre foi unha cuestión central en toda a historia da filosofía. Había varias liñas diferentes á hora do seu tratamento, pero simplificando hai dúas diferentes e antagónicas. Unha que sucumbía dalgún xeito á tentación de primar a morte sobre a vida, de facer o centro da existencia humana na finitude, e outra, todo o contrario. Precisamente a liberación do home pasa por superar a sensación mórbida da finitude. A partir de aí investiguei estas dúas liñas e comprobei ademais que tiñan efectos políticos. A primeira tivo efectos políticos desastrosos. (…)
– SG: Volvemos ao libro. Nel fai un repaso do concepto de morte e de finitude desde os pensadores clásicos até os contemporáneos, pero en moitos escritores galegos, desde Rosalía até Ferrín, Chus Pato ou Xabier Cordal.
– FS: Si, non están nin todos os filósofos nin todos os escritores galegos. Non foi algo premeditado por min, senón que ao fío do que eu ía investigando, os seus textos resultábanme útiles para o que eu quería expresar. En concreto Rosalía é fundamental. Xa está superado afortunadamente ese tópico de melancólica, que tamén o é, pero a postura de Rosalía é máis ben unha melancolía como resposta e como protesta contra o estado de cousas daquel momento na Galiza, na situación da muller e dos traballadores. No tocante a Chus Pato interesábame a súa posición respecto ao poema, porque Pato está contra o nihilismo por unha vía que non é dialéctica, e por iso tamén a tratei. No caso de Ferrín, porque trata tacitamente e mesmo, ás veces sen el pretendelo, hai un tratamento da cuestión da morte nunha boa parte da súa obra. E Xabier Cordal no seu último poemario, que é de dor, de loito, expresa unha distancia con respecto á cuestión da temporalidade, que está intimamente ligada coa cuestión da morte. Sigue lendo

Francisco Sampedro fala sobre Figuras da finitude

DesdeFrancisco Sampedro o Diario Cultural da Radio Galega:
“”Se queremos hoxe ser verdadeiramente materialistas temos que retomar a potencia de vivir contra a pulsión de morte a que o capitalismo nos obriga”. Francisco Sampedro publica Figuras da finitude na colección ensaio de Laiovento. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”

Entrevista a Xavier Seoane sobre A dama da noite

DesdeXavier Seoane o Diario Cultural da Radio Galega:
“”Rosalía sempre nos vai esixir unha tensión intuitiva, emocional, intelectual moi forte”. Xavier Seoane novela a vida de Rosalía de Castro na obra A dama da noite, que publica edicións Laiovento. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”

Vigo: presentación de Figuras da finitude, de Francisco Sampedro

O Francisco Sampedrovenres 20 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102), en Vigo, preséntase Figuras da finitude, de Francisco Sampedro, publicado en Laiovento. No acto, xunto ao autor, participan Pepe Carreiro, Xabier Cordal e Xosé Luís Méndez Ferrín.