Tabela dos libros. Marzo de 2020

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Bases do III Premio Morales para a promoción da lingua galega no Bierzo e en Sanabria/A Seabra

Tamara Andrés: “Amar continúa a ser un acto moitas veces violento, cheo de restricións e de límites”

Entrevista de Montse Dopico a Tamara Andrés en Praza:
““Amante’’, na súa etimoloxía, non é máis ca alguén que ama. En que momento convertemos algo tan fermoso nun concepto tan terrible?”. Esta é unha das reflexións sobre as que se Tamara Andrés teceu Bosque vermello (Positivas), o seu último poemario. Que esculca na concepción hexemónica do amor na nosa sociedade e nas normas que constrinxen os distintos xeitos de amar. E de amar, aceptando e mesmo celebrando a liberdade da persoa amada que tivo que marchar –neste caso, unha irmá– vai tamén Irmá paxaro (Cuarto de inverno), o penúltimo libro desta mesma autora. Falamos con ela destes dous poemarios, poñéndoos ademais en relación coa súa obra anterior.
– Praza (P): Entre os primeiros versos de irmá paxaro están: “as nenas nunca saben/ que o golpe máis duro/ é/ o tempo”. O libro está dedicado a Paula, a irmá paxaro. En que momento sentiches a necesidade de escribilo e por que?
– Tamara Andrés (TA): Este libro accionouse cando a miña irmá pequena, Paula, marchou a Madrid para comezar os estudos universitarios. Foi un momento no que aprendín que a complicidade que existe nunha relación fraternal sempre se ve minguada polo tempo, que chega un punto no que as irmás pequenas queren distanciarse por completo da imaxe de referencia que foi a maior, e voar por si mesmas. É completamente lóxico, mais unha realidade que non ocupa moitas conversas.
– P: O libro parece estar tecido polas lembranzas da infancia. E todo resulta moi recoñecible, moi vivo… Nun poemario, ademais, moi narrativo. Que papel xogan as lembranzas neste poemario e de que xeito quixeches que o lector/a se identificase con elas?
– TA: Hai lembranzas autobiográficas e outras ficcionadas, porque tamén me apetecía xogar un pouquiño, mais creo que quen lea pode deducir de todas elas unha relación vertebrada arredor da complicidade e da inocencia, e atopar algunha historia propia que se poida espellar. Tamén é doado identificarse coa idea de que o paso do tempo nos fai menos inocentes, de aí o silencio e a dor. (…)
– P: Un dos temas de Bosque vermello é a identidade, sobre a que se pensa en relación co outro/a, co que (quizais) non é o noso corpo. En realidade, é algo que estaba tamén nos teus anteriores poemarios. Como se relacionan corpo e identidade en Bosque vermello? (Parece que a ausencia do outro/a te fai máis consciente da túa propia identidade).
– TA Hai certos temas que non deixan de aparecer de xeito transversal en todo o que escribo. Supoño que esas son as cuestións obsesivas: o corpo, a linguaxe, a identidade, mais se cadra pensados en cada poemario desde unha nova perspectiva.
Ás veces, cando estou con alguén, dáseme por preguntarme como habita esa persoa unha realidade na que eu mesma me atopo, como dous corpos poden habitar de xeito distinto un mesmo momento, un mesmo lugar, como todo é absolutamente subxectivo e cuestionable.
Por outra banda, moito teño falado cunha amiga sobre esas persoas que coñeces en tránsitos (aeroportos, trens, viaxes breves) coas que de súpeto xorde unha complicidade inexplicable, e coas que te amosas máis libre porque estás fóra do lugar vital que che é máis común.
Daquela: a identidade compréndense en función de cada outro, de cada contexto, pero sempre en flutuación. A identidade de cada persoa vai abaneando grazas a outro, como unha danza. (…)”

Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2019

Desde Fervenzas Literarias:
“Tras case un mes de votacións, o 15 de xaneiro pechou o prazo para votar na enquisa anual para escoller Os mellores libros do ano.
Como cada ano, queremos darvos as grazas a todas e a todos os lectores que cos vosos votos axudades, dende hai xa trece anos, a facer posible esta proposta. Moitas grazas!
E agora so resultados… Moitos parabéns aos libros premiados! Velaquí están os mellores libros do 2019!

– Mellor libro de narrativa para Carrusel, de Berta Dávila.
– Mellor libro de poesía para Feliz Idade, de Olga Novo.
– Mellor libro de ensaio/investigación para Vigo, puro milagre, de Manuel Bragado.
– Mellor libro de teatro para Na miña alma ouvea un lobo, de Xavier Lama.
– Mellor álbum de banda deseñada para O bichero IX, de Luís Davila.
– Mellor libro traducido para público adulto para Os homes explícanme cousas, de Rebecca Solnit, traducido por María Fe González Fernández.
– Mellor libro de literatura xuvenil para Os corpos invisibles, de Emma Pedreira.
– Mellor libro de literatura infantil para Xelís, o guieiro das botellas de mar, de Rosa Aneiros.
– Mellor libro traducido de literatura infantil e xuvenil para Astérix: A filla de Vercinxetórix, de René Goscinny, Albert Uderzo, Jean-Yves Ferri e Didier Conrad, traducido por Isabel Soto, Xavier Senín e Alejandro Tobar.
– Autor/a do ano para Ledicia Costas.
– Ilustrador/a do ano para Andrés Meixide.
– Mellor capa de libro para adultos para Infamia, de Ledicia Costas.
– Mellor capa de libro de literatura infantil e xuvenil para Amani, de Miguelanxo Prado, publicada por Retranca Editora.
– Mellor editorial do ano para Xerais.
– Mellor crítico/a literario/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para o Premio Estatal de Poesía para Pilar Pallarés.
– O peor acontecido para a política cultural e lingüística da Xunta de Galicia.
– Mellor Libraría para a Libraría Cartabón.
– Mellor medio de comunicación para Praza.
– Mellor blog/web literaria para BiosBardia.”

Vilagarcía: presentación de Atila no Grove, de Antón Mascato

O 19 de decembro, ás 20:00 horas, no Faiado da Memoria (Praza Ravella, 37), en Vilagarcía de Arousa, presentación de Atila no Grove. Crónica política e Memoria da masacre (1923-1948), de Antón Mascato, publicado por Positivas. Participan, xunto ao autor, Patricia Arias e Carlos Méixome.

O Grove: presentación de Atila no Grove, de Antón Mascato

O 13 de decembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura do Grove, presentación de Atila no Grove. Crónica política e Memoria da masacre (1923-1948), de Antón Mascato, publicado por Positivas. Participan, xunto ao autor, José A. Cacabelos, Francisco Macías, Cruz López e Dionísio Pereira.

Decisión do xurado do IX Premio de Erotismo Narrativas quentes

“O xurado deste premio tomou as seguintes decisións:
1- Deixar deserto o Premio deste ano.
2- Aconsellar a Edicións Positivas non publicar ningunha das propostas presentadas na edición deste ano 2019, pois, ao parecer deste xurado, non responden á calidade literaria nin á calidade lingüística necesaria para seren publicadas.
3- Asemade, o xurado, a petición desta editora, aconsella pasar o premio a bianual ou suprimilo despois de ser este o segundo ano que queda deserto.

En Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2019″