Compostela: presentación de Mate-glifos. Orixe e evolución dos símbolos en Matemáticas, de Nicanor Alonso e Miguel Mirás

O 7 de outubro, ás 18:00 horas, na Aula Magna da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación do libro Mate-glifos. Orixe e evolución dos símbolos en Matemáticas de Nicanor Alonso e Miguel Mirás, publicado por Xerais. No acto participarán Elena Vázquez Cendón, Decana da Facultade de Matemáticas da USC; Nicanor Alonso e Miguel Mirás, autores do libro; e Fran Alonso.

A escritora Ledicia Costas estará na primeira sesión do club Sete Vidas da tempada para falar da súa novela Infamia

Desde Espazo Lectura:
“O 3 de outubro volve o club de lectura de narrativa Sete Vidas tras o descanso estival. Reunirémonos ás 20:00 na Casa da Lectura (Nogueira 8, Donas) para falar da novela Infamia, de Ledicia Costas (Editorial Xerais).
Infamia é un thriller psicolóxico protagonizado por Emma Cruz, unha profesora de Dereito Penal que se traslada a Merlo, un lugar marcado pola desparición de dúas nenas hai 25 anos. Contaremos coa presenza da autora.”

Helena González Fernández: “Chegar a unha interpretación feminista de Rosalía foi unha carreira de obstáculos”

Entrevista de Xan Carballa a Helena González Fernández en A Nosa Terra:
“(…) – A Nosa Terra (ANT): Antoloxías de Rosalía pódense facer moitas, pero aquí é clara a intención desde o título, Rosalía feminista.
– Helena González Fernández (HGF): Facer este libro foi como armar un xoguete fermoso. Foi unha aposta do editor Fran Alonso, quería algo contemporáneo, non un traballo filolóxico que xa está realizando Anxo Angueira. Un libro máis popular e deste tempo intentando conectar coa lectura que fixeron as feministas dos 80 e que foi medrando. O panorama de estudos rosalianos estaba moi receptivo a eses enfoques, nos que Rosalía saía da única lectura do nós e a nación. É de aí que xorde a antoloxía Rosalía feminista: popularizar unha Rosalía que nos acompaña no século XXI e que dá claves para cuestións do noso tempo. O título viña dado e só aceitei se podía remexer os poemas e propoñer un novo fío narrativo, que é o que fago nas miñas clases. Traballo con estudantes que entran en contacto con Rosalía un tempo moi limitado e debo manexar conceptos de teoría política e de feminismo que eles teñan a man. Propoño poemas que conecten coas grandes figuras da teoría feminista. O outro elemento que perseguín é que houbese figuras. Moitas veces lese a Rosalía desde unha ollada biográfica, que para min redúcelle potencial político, ou senón lecturas moi histórico-filolóxicas. Parecíame que en Rosalía hai moitas mulleres. E isto non é unha idea miña senón das persoas que máis saben nos estudos rosalianos. Que puidesen verse nenas, mozas e vellas, mulleres frustradas, iradas ou suicidas ou mulleres que celebran.
– ANT: Interésalle iso que denomina facer a xenealoxía das viúvas.
– HGF: Ler As viúvas dos vivos como un libro narrativo, con principio e final. De maneira que podes ver a marcha do home, a soidade da muller, a dor horríbel que a confinaba na desesperación, na saudade que non ten cura ou na loucura que a leva ao suicidio e diante da imposibilidade do suicidio (o poema das Torres de Catoira) concluír que xa que non podo morrer por el teño que facerme cargo do meu. Velaí cando xorde o concepto da viúva de vivo, non só como alguén que espera, que é a lectura habitual que facemos dela, senón de alguén que farta de esperar decide navegar. Velaí o fío con Xohana Torres. A viúva dos vivos non é unha muller vella, senón alguén con forza para a travesía, para ir a América, aínda sabendo que pode non atopar o home, e que sente a perda da Terra que deixa. É un final espectacular, moito máis interesante que o da muller que só queda esperando por moi conmovedor que resulte. (…)”

O mellor ensaio galego da década atópase entre 13 obras

Desde Sermos Galiza:
“Un total de 13 obras compiten por seren recoñecidas co Premio Mondoñedo 10 ao mellor ensaio da última década. Trátase dos seguintes libros: Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás (Xerais, 2012); Os santos titulares de parroquia en Galiza, de Xosé M. González Reboredo (Sotelo Blanco, 2012); Para que nos serve Galiza?, de Xaime Subiela (Galaxia, 2012); Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI, de Xurxo Ayán e Manuel Gago (2.0 Editora, 2012); Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), de Francisco Rodríguez Sánchez (AS-PG, 2013); Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza, de Antón Cortizas (Xerais, 2013); Galiza, um povo sentimental?, de Helena Miguélez-Carballeira (Através Editora, 2015); Historia de Galicia, de Ramón Villares (Galaxia, 2016); Enfermos pobres, médicos tristes: Historia crítica da medicina rural en terras esquecidas, de Roberto Fernández Álvarez (Urco, 2017); Identidade e afectos patrios, de Ramón Villares (Galaxia, 2017); Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863), de María Xesús Lama (Galaxia, 2017); Memorias dun loitador antifranquista. O testemuño do comunista David Álvarez Carballido, de Anahí Almasía, Mariela Sánchez e Antón Santamarina (Alvarellos, 2018) e As orixes da fotografía en Galicia. Estudios composteláns do s. XIX, de Carlos Iglesias Castelao (Alvarellos Editora-Consorcio de Santiago, 2018).
O xurado reunirase en Mondoñedo o domingo, 13 de outubro de 2019, ás 12 horas, e a entrega do premio terá lugar nun acto público que acollerá o Auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo o domingo 20 de outubro. O premio consistirá nun diploma acreditativo e unha obra artística orixinal e única, creada para esta ocasión polo artista mindoniense, José Pedro Gómez.
Forman parte do xurado: Antonio Reigosa (presidente, sen voto), cronista oficial de Mondoñedo; un vogal designado polo Consello da Cultura Galega; outro pola Real Academia Galega; outro pola Asociación de Escritores/as en Lingua Galega; outro pola Asociación Galega de Editoras; outro polo Instituto Galego de Historia; outro pola Facultade de Humanidades de Lugo (USC) e outro polo Concello de Mondoñedo. Actuará como secretario (sen voto) Fran Bouso, designado pola asociación convocadora deste premio.”