Premios da Crítica de Galicia 2021

Porto: presentación virtual de Narrativa e imaxinario nacional na reconstrución do campo literario na posguerra (1936-1966), de Mario Regueira

O 28 de abril, ás 18:00 horas (19:00 en Galiza), terá lugar a presentación virtual do libro Narrativa e imaxinario nacional na reconstrución do campo literario na posguerra (1936-1966), de Mario Regueira, publicado por Xerais. No acto, organizado por unha asociación de estudantes da Universidade do Porto, participará tamén Arturo Casas, que orientou a tese de doutoramento do autor.

Entrar na reunión Zoom https://us02web.zoom.us/j/3576115735?pwd=V1FhQjZkS3ZMZ2I0bjFHeDVqQWdKZz09
ID da reunión: 357 611 5735
Seña de acceso: 3BBPzz

Mario Regueira: “Galaxia influíu desde o literario e o político”

Entrevista de Tensi Gesteira a Mario Regueira en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): O libro Narrativa e imaxinario nacional na reconstrución do campo literario de posguerra (1936-1966) parte da túa tese de doutoramento. Como foi o proceso de adaptación ao libro?
– Mario Regueira (MR): Os ritmos editoriais son pausados, así que houbo que facer unha pequena actualización bibliográfica con algunhas achegas que apareceron nestes catro anos. Tamén retiramos algúns capítulos de carácter máis técnico ou que apelaban á metodoloxía para que a obra se centrase na perspectiva histórica dun período concreto, que era editorialmente máis aconsellábel. En liñas xerais creo que foi unha adaptación moi acaída para un público máis amplo que o que tiña o proxecto orixinal.
– ND: Por que decidiches publicar o libro agora? Cres que a situación do libro galego actual permite estas reflexións?
– MR: A tese espertou o interese de varias editoriais e sempre é un engadido poder publicala, aínda que sexa neste formato. Finalmente saíu con Xerais por ser a miña primeira casa e unha das primeiras en comprometerse coa proposta. É certo que o ensaio, e especialmente o ensaio académico, está a levar a peor parte da crise do libro na Galiza, aínda así creo que é un eido necesario polo que hai que seguir apostando, tanto nos estudos galegos como nas temáticas xerais. Son malos tempos para a reflexión no campo editorial, pero se abandonamos ese eido, acabaremos lamentándoo.
– ND: Recolles no libro as primeiras experiencias editoriais galegas, mais o núcleo central é Galaxia, arredor da que estudas a construción do campo literario galego e as propostas autoriais que deron pé a consolidar a narrativa do país. De onde partes para apuntar esta idea e como se foi xestando?
– MR: O núcleo non podía ser outro que Galaxia, pois a súa influencia no devir do país sobordou o editorial e o literario e incluía tamén un proxecto político que, en certo sentido, trataba de continuar, aínda que moi alterado, o do Partido Galeguista. Sempre digo que o meu interese partiu dunha profunda fascinación pola literatura de posguerra (Méndez Ferrín, Queizán, Casal, Mourullo…) case desde a adolescencia. A pescuda paulatina do seu contexto foi camiñando parella á miña formación académica e conclúe con esta perspectiva diferente ás inercias dalgunhas explicacións que atopei sobre este momento histórico. (…)
– ND: Amais de escritor e poeta, exerces un importante labor como crítico literario. Como foi evolucionando esta profesión e cal é a situación hoxe en día?
– MR: A primeira cuestión sería en cantos casos pode considerarse unha “profesión”, pois é algo que segue a facerse principalmente desde o amateurismo, unha arma de dobre fío: non hai dependencias económicas pero tampouco hai, moitas veces, unha bagaxe para elaborar unha crítica competente. Conectándoo coa crise do ensaio que falamos antes, creo que son tempos difíciles para o pensamento crítico complexo. Vivimos nunha época na que a comunicación tende a basearse en proclamas e posicionamentos globais e cada vez custa máis facer entender os matices, as contradicións e os posicionamentos que foxen da simplificación. A crítica corre o risco (sempre viviu nel na Galiza) de converterse nunha simple ferramenta de marketing ou nunha forma de pagar favores persoais. A súa práctica, dentro destas dinámicas, é bastante complexa e moitas veces desalentadora.
– ND: Após ter estudado unha etapa tan importante da nosa historia, e desde o teu labor filolóxico, cal é o estado da literatura galega actual?
– MR: As cousas vense mellor en perspectiva, é por iso que historiar o presente sempre é un reto, especialmente cando formas parte tamén como actor literario dentro del. En liñas moi xerais podería dicir que a literatura galega non pode esquecer a súa situación subalterna e como parte dunha realidade nacional sometida. É un punto de vista que sempre está de fondo na nosa realidade e que choca moitas veces cos relatos da normalización que son, en si mesmos, un paradoxo. Se realmente estivésemos tan perto da normalidade non teríamos que estar celebrándoa constantemente. Dentro disto, teño moi poucos prexuízos: paréceme ben que a literatura diversifique as súas realidades, que aparezan xéneros, subxéneros e éxitos editoriais. Non me entusiasma tanto que o horizonte pareza ser unha forma distorsionada e inxenua doutros campos literarios completamente diferentes ao noso. (…)”