Emílio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez González: “Noutros países existen biografías ‘canónicas’ das figuras senlleiras da nación”

Entrevista de Montse Dopico a Emílio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez González en Praza:
Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte. É o título da última obra editada por Xerais Crónica, un completo percorrido pola traxectoria vital, política e creativa de Antón e Ramón Villar Ponte escrito polos filólogos e investigadores Emilio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez González. Este traballo únese, así, a outros semellantes realizados recentemente -como a biografía sobre Castelao elaborada por Miguel Anxo Seixas ou a de Rosalía feita por María Xesús Lama- para avanzar nun xénero, o biográfico, “aínda moi deficitario”, segundo os dous autores, na nosa cultura.
Porque “que Rosalía, Manuel Antonio ou Cabanillas, por dicir algúns nomes, só en datas moi recentes fosen obxecto de traballos con afán totalizador sobre a súa biografía é ben sintomático”, apuntan. Ademais, no caso dos irmáns Villar Ponte a “inxustiza” era, ao seu ver, especialmente “sangrante”, xa que “o seu rol no panorama galego do seu tempo foi autenticamente fundamental”. Os dous responderon por correo electrónico as preguntas de Praza sobre Común temos a patria.
– Praza (P): Por que decidides facer esta biografía dobre, dos dous irmáns?
– Xurxo Martínez González: Temos falado moito arredor dos Villar Ponte, tanto da súa relevancia no período de preguerra -non sempre ben recoñecida- como da existencia dun fondo documental moi amplo e, en boa parte, inédito. Co gallo do centenario das Irmandades da Fala propuxémoslle a Xerais este traballo. Acollérono e estámoslle agradecidos pola aposta que fixeron.
– Emílio Xosé Ínsua: Entre nós seguen faltando biografías de figuras de primeirísima orde, é un xénero aínda moi deficitario, o que non deixa de ser un síntoma (máis) de “anormalidade” da cultura galega. Que Rosalía, Manuel Antonio ou Cabanillas, por dicir algúns nomes, só en datas moi recentes fosen obxecto de traballos con afán totalizador sobre a súa biografía é ben sintomático. No caso dos irmáns Villar Ponte a inxustiza era sangrante, pois o seu rol no panorama galego do seu tempo foi autenticamente fundamental. Abordar a biografía dos dous ao mesmo tempo ten unha dupla causalidade: porque formaron un verdadeiro tándem e resultaba imposíbel explicar un sen o outro, por unha banda, e porque a figura de Ramón, por outra, habitualmente menos considerada, atendida e recoñecida que a de seu irmán Antón, merecía esta especie de “restitución igualatoria”. (…)

Tabela dos libros. Febreiro de 2018

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co primeiro luns de mes, chega a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Premio Cunqueiro ás principais receitas do legado culinario galego

Desde Galicia Confidencial:
“O libro Cociña galega tradicional (receitas, tradición, historia e evolución), de Matilde Felpeto Lagoa, vén de proclamarse como a obra gañadora da XXIV edición do Premio de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro. O traballo foi o mellor valorado polo xurado entre as 22 propostas que se presentaron á convocatoria deste ano.
O volume gañador recolle as principais receitas do legado culinario de Galicia, relatando, en cada caso, a historia principal do prato e as distintas maneiras de preparalo. (…)
O segundo premio do XXIV Premio de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro, dotado con 1.000 euros, recaeu en O equilibrio dos opostos, unha longametraxe documental dirixida e producida por Alberto Baamonde Bello, autor que xa o ano pasado obtivera o primeiro premio deste certame co filme Cociñando na fin do mundo. O documental foi estreado no Festival internacional de cine documental PLAY-DOC, de Tui, o 22 de marzo de 2017. (…)”

Lendo lendas, digo versos de Antonio García Teijeiro e Antonio Reigosa, Lista de Honra do IBBY 2018

Desde Xerais:
“O libro Lendo lendas, digo versos de Antonio García Teijeiro e Antonio Reigosa e con ilustracións de Xosé Cobas foi nomeado para a Lista de Honra do IBBY, 2018.
Cada dous anos se publica en inglés o catálogo da Lista de Honra do IBBY que inclúe os libros que se consideran sobresaíntes pola calidade dos textos, ilustracións ou traducións. Esta selección de títulos pretende dar a coñecer os libros que mellor representan a literatura actual de cada un dos países que forman parte do IBBY e recomenda a publicación en todo o mundo das obras seleccionadas.
Este ano o catálogo será presentado en agosto no 36º Congreso Mundial do IBBY que terá lugar na cidade de Atenas, Grecia e os libros seleccionados formarán parte dunhas exposicións itinerantes que viaxarán a Xapón, Rusia, EE.UU. e á Feira do Libro Infantil Boloña 2019 para logo formar parte dos depósitos da Internationale Jugendbibliothek de München.”