(A derradeira actividade foi suspendida por motivos familiares do autor, F. X. Redondo).
Arquivos da etiqueta: Edicións Xerais
A Coruña: Xurxo Souto no programa Recendo, en CUAC FM
O
martes 27 de xaneiro, no programa de radio Recendo da A. C. Alexandre Bóveda, transmitido en CUAC FM, estará como convidado Xurxo Souto, quen falará sobre o seu libro Contos do mar de Irlanda, entre outros apartados, dos que destacamos a sección de Literatura, a cargo de Miguel Mato. O programa, que se emite todos os martes de 19:00 a 20:00 horas, pódese escoitar no 103.4 FM na comarca da Coruña, e en directo en internet, na web da emisora, pulsando o botón En directo. En diferido, pódense escoitar todos os programas xa emitidos, en Recendo blog.
Viveiro: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, e Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias
O
sábado 24 de xaneiro, ás 18:00 horas, na Libraría Porta da Vila de Viveiro (Rúa Pastor Díaz, 29), preséntanse Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado en Xerais, e Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias, editado pola A. C. Caldeirón. No acto, organizado polo Seminario de Estudos Terra de Viveiro, participan, xunto aos autores, Carlos Nuevo Cal e José Pino González.
Radiocrítica do 22-12-2014, por Armando Requeixo
Desde
o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 22 de decembro en Ames Radio (107.2 FM, accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Nazaret López das obras de Álvaro Cunqueiro El año del cometa, Vida y fugas de Fanto Fantini e Flores del año mil y pico de ave (00:50); de Atravesar o fantasma, de Carlos Callón (6:40), da Historia da Literatura Galega II, de Xosé Ramón Pena (11:00) e de Ícaro, de Federico Delicado (16:25).“
Pódese escoitar directamente aquí.
A Coruña: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto
O
xoves 22 de xaneiro, ás 20:00 horas, no FNAC da Coruña (Praza de Lugo), preséntase Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado en Xerais. O acto contará coa participación do propio autor, quen, acompañado polo seu acordeón, cantará algunhas das cancións do mar en terra.
Encontro para os docentes do programa de dinamización lingüística Dragal
Desde
a Xunta de Galicia:
“Un total de 22 representantes dos 55 docentes que interveñen este curso na segunda edición do proxecto de dinamización lingüística Dragal participaron o xoves 15 de xaneiro no encontro organizado pola Consellería de Cultura e Educación no Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) para poñelos en contacto, informalos sobre o funcionamento das ferramentas de traballo con que conta o proxecto, entregarlles material e coordinar as tarefas para os dous vindeiros trimestres.
O encontro celebrado en Santiago enmárcase nunha experiencia que a Consellería –a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística- está desenvolvendo por segundo ano en centros de educación secundaria das catro provincias galegas. Trátase do Proxecto Dragal, unha iniciativa multimedia con base na triloxía homónima de Elena Gallego Abad que promove a lectura, a creación e a investigación multidisciplinar en galego.
Se no primeiro ano participaron na experiencia sete CPI e institutos, este ano o programa esténdese a catro centros máis. Deste xeito, 659 e alumnas de primeiro e segundo da ESO do IES Rafael Puga Ramón da Coruña, CPI Virxe da Cela de Monfero, IES da Pobra do Caramiñal, CPI da Cañiza, IES Castro Alobre e IES Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa, IES de Valga, IES Xesús Taboada Chivite de Verín, IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia, IES Alfoz-Valadouro e IES de Becerreá participan este curso no Proxecto Dragal da man dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, encargada de coordinalos.
Tras a lectura da primeira novela da triloxía, A herdanza do dragón, e da ambientación ou dragalización de cada centro educativo, o alumnado participante este ano no proxecto prepárase para recibir a escritora Elena Gallego, que visitará durante as dúas vindeiras semanas os CPI e institutos que interveñen este ano no proxecto. Os encontros rematarán cunha videoconferencia que poñerá en contacto o alumnado dos once centros Dragal. A partir de aí, sucederanse os traballos de análise, de pescuda e de creación arredor da temática da novela, traballos que se realizarán ou compartirán no wiki do proxecto.
Está previsto rematar o curso, igual ca na pasada edición, cun xogo de rol no Pico Sacro, lugar lendario cun importante papel na triloxía Dragal. (…)”
Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2014
Desde
Fervenzas Literarias:
“Tras pechar o día 15 de xaneiro o prazo de votacións temos, un ano máis, os resultados onde as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2014. En total, este ano recibimos 531 enquisas.
Con esta edición, son xa oito as convocatorias onde os lectores amosan a súa voz para reflectir os seus gustos e as súas preferencias literarias.
Desde Fervenzas Literarias queremos agradecer unha vez máis a vosa participación e o voso interese en colaborar para formar estes listados de libros.
Agradecer igualmente á Federación de Librarías de Galicia por colaborar, un ano máis, con este iniciativa.
E agora os resultados… Os nosos parabéns aos premiados e premiadas…
– Mellor libro de Narrativa de adultos para A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz ((Xerais).
– Mellor libro de Poesía para Cronoloxía da urxencia, de Dores Tembrás (Espiral Maior).
– Mellor libro de Ensaio para Historia da Literatura Galega II, de Xosé Ramón Pena (Xerais).
– Mellor libro de Teatro para Lapsus, de Alfonso Pexegueiro (Axóuxere).
– Mellor libro de Banda Deseñada para O bichero, de Luís Davila.
– Mellor libro traducido ao galego para adultos para Jude o escuro, de Thomas Hardy, traducido por María Fe González (Hugin e Munin).
– Mellor libro xuvenil para Reo, de Xesús Fraga (Galaxia).
– Mellor libro infantil para Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas (Xerais).
– Mellor libro traducido ao galego para público infantil e xuvenil para Na cociña de noite, de Maurice Sendak, traducido por Oli (Kalandraka).
– Autor do ano para Agustín Fernández Paz.
– Ilustrador do ano para David Pintor.
– Mellor portada dun libro para adultos para Olympia Ring, 1934 (Galaxia).
– Mellor portada dun libro para público infantil e xuvenil para Escarlatina, a cociñeira defunta, con portada de Víctor Rivas (Xerais).
– Mellor editorial para Galaxia.
– Mellor crítico/a literario/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para o Culturgal.
– O peor acontecido para a política lingüística e cultural da Xunta de Galicia.
– Mellor Libraría para Libraría Couceiro.
– Mellor medio de comunicación para Praza.
– Mellor blog para Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.”
Arteixo: presentación de Caderno do Nilo, de Cesáreo Sánchez Iglesias
O
venres 16 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Libraría Á lus do candil (Rúa Historiador Vedía, 3) de Arteixo, preséntase Caderno do Nilo, de Cesáreo Sánchez Iglesias, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, intervirá Teresa Seara.




