Entregados os Premios Ánxel Casal da Edición de 2014

DesdeAsociación Galega de Editores a Asociación Galega de Editores:
O gremio editorial galego celebrou este serán en Pontevedra X edición dos Premios Ánxel Casal, nun acto no cal a Asociación Galega de Editores reúne anualmente a representantes do sector do libro de Galicia. (…) O acto foi presentado por María Lado e Lucía Aldao.
O acto contou coa inestimable colaboración do Concello de Pontevedra, grazas á Concelleira de Cultura Anxos Riveiro e asemade do Pazo da Cultura da cidade, con Pilar Portela á fronte, da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e de Gadis, que, dende hai varios anos, apoia economicamente o acto.
Os libros finalistas, entre os cales o xurado selecciona os títulos premiados, foron elixidos polos editores mediante votación, realizada entre a proposta de candidaturas realizada por cada unha das editoriais.
O xurado estivo composto por Pilar Fernández Ruíz, bibliotecaria e directora da Biblioteca de Pontevedra; Cano Paz, libreiro da Librería Paz de Pontevedra; Alfonso G. Sanmartín, editor e ex presidente da AGE; Ramón Rozas, xornalista do Diario de Pontevedra; e Kiko da Silva, ilustrador e editor da banda deseñada. Os premios son os seguintes:

– Premio ao libro de ficción co que se pretende recoñecer ó mellor libro de ficción editado polos editores da AGE no ano 2014: A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz. Edicións Xerais.

– Premio ao libro de non ficción co que se pretende recoñecer o mellor libro de non ficción editado polos integrantes da AGE durante o ano 2014: O soño galego de Julio Cortázar, de Francisco X. Fernández Naval. Edicións Linteo.

– Premio ao Libro de poesía ou teatro, co que se pretende recoñecer o mellor libro do ano 2014: Estrela do Norte, de Luís Rei Núñez, editado por Kalandraka Editora.

– Premio Isaac Díaz Pardo libro mellor ilustrado co que se pretende recoñecer un libro ilustrado editado polos membros da AGE e publicado en galego durante o ano 2014: Leviatán, de Ramón Trigo. Kalandraka Editora.

– Premio Neira Vilas ao mellor libro infantil e xuvenil co que se pretente recoñecer un libro infantil editado polos membros da AGE durante o ano 2014: Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas. Edicións Xerais.

– Premio Lois Tobío ao libro traducido co que se pretende recoñecer un libro traducido para o galego editado no ano 2014: As floriñas de San Francisco, de Darío Xohán Cabana. Alvarellos Editora.

– Premio Xosefa Vilarelle ao libro educativo, co que se pretende recoñecer ó mellor libro educativo do ano 2014: Historia das mulleres galegas. Das marchas nómadas á Marcha Mundial das Mulleres, de Pepe Barreiro. Baía Edicións.

– Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora co que se pretende recoñecer a traxectoria creativa dun autor ou autora: María Reimóndez.

– Premio Rosalía de Castro á mellor iniciativa editorial co que se pretende recoñecer o traballo editorial durante o ano 2014: Colección Rescate, de Alvarellos Editora.

– Premio Francisco Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural co que se pretende recoñecer o traballo realizado por unha persoa, empresa, entidade ou colectivo ao longo do ano 2014: Bibliotecas Escolares de Galicia.

Vilagarcía de Arousa: presentación de Amor en alpargatas, de Manuel Portas

OManuel Portas martes 17 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Nobel (Rúa Edelmiro Trillo, 19) de Vilagarcía de Arousa, preséntase a novela Amor en alpargatas de Manuel Portas, publicada en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Emílio Xosé Ínsua e Fran Alonso.

Pontevedra: presentación de Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías, de Antonio Reigosa

OAntonio Reigosa martes 17 de marzo, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Casa das Campás (Rúa Don Filiberto, 9-11, a carón do Teatro Principal) de Pontevedra, preséntase Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías, coordinado por Antonio Reigosa, editado por Xerais. No acto, coorganizado pola editora e o Ateneo de Pontevedra, participan, xunto ao autor, Poldo Cañizo Durán, Rafael Quintía, Calros Solla e Manuel Bragado.

Compostela: presentación de Atravesar o fantasma, de Carlos Callón

OCarlos Callón xoves 12 de marzo, ás 20:30 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase Atravesar o fantasma, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, que contará, xunto ao autor, coa participación de Fran Conde, Montse Dopico e Manuel Bragado, estrearase o videopoema O desexo está na pantalla, dirixido por Alberte Paz Calo e Alba Romero Diéguez, coas actuacións de Antón Blanco Casás e Luís Miguel Giménez Grende.

Forza e control, por María Reimóndez

ArtigoMaría Reimóndez de María Reimóndez na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“(…) Se algunha vez alguén tivo dúbida da conexión entre os mundos da fantasía, no literario e fóra, e aqueles que denominamos “o real” (deixarei a crítica da Matrix para outro día) achegarse a O Gran Reino [de Eduardo Santiago] acabará de disipar esas incertezas. Non é novidade ningunha ler a ficción científica ou a literatura denominada “fantástica” como glosas sobre o que existe, pero neste caso o tema vólvese a materia da propia narración. Unha materia que toma forma corpórea nunha adolescente, Galadriel, que anda, na miña lectura, á procura dun espazo onde poidan convivir a forza e o (auto)control.
Aínda que as capas de lectura deste Gran Reino poden ser moitas, vou ficar nesta concreta. Porque rara vez atopamos na literatura protagonizada por adolescentes unha personaxe como Gala. Certo é que o estereotipo masculino do heroe que ten poderes e non sabe que facer con eles pode ecoar como referencia, mais precisamente o interesante de Gala é que foxe e se arrepón ao discurso adquirido. Para empezar, o único poder que ten Gala é a súa intelixencia, a súa creatividade. Algo ao alcance de calquera moza. Algo fanado socialmente en calquera moza. Como ben nos recorda Carlos Negro en Penúltimas tendencias, o mundo do rosa ao que nos vimos sometidas as que fomos adolescentes e ao que se vén sometidas as que o son agora implica tamén unha asunción da parvicie e da superficialidade por defecto para definir o feminino. As mozas poden ser calquera cousa, mais nunca intelixentes. E moito menos intelixentes de máis. Esa é unha chata incomprensible que fai que unha non saiba que facer con ela.
Porén, Gala atopa unha maneira, controvertida e por veces maléfica (e aló vai outro estereotipo, o da adolescente riquiña, o da muller que ten que agradar a toda costa). Unha moza que sabe aproveitar moi ben as feblezas alleas para o seu propio beneficio. Que sabe usar o estereotipo para o ben propio. Dubido que ningunha adolescente a quixese inicialmente como amiga ante esta descrición, mais a astucia desta novela fica en que malia todo isto Gala é alguén a quen queremos emular porque na súa perfidia está tamén unha creatividade sen límites, aquela da que agroma O Gran Reino. (…)”

Lugo: encontro sobre O veleno da risa. Un misterio para Tintimán en Lugo, con Santiago Jaureguízar

OSantiago Jaureguízar xoves 12 de marzo, a partir das 18:00 horas, no Museo Interactivo da Historia de Lugo (Parque da Milagrosa), Santiago Jaureguízar será o escritor protagonista da Cata Literaria, onde manterá un encontro cos lectores da súa obra, dirixida a público xuvenil, O veleno da risa. Un misterio para Tintimán en Lugo, publicada por Xerais.