Arquivos da etiqueta: Editorial Galaxia
Vigo: presentación de A lista da compra, de María Besteiros
Francisco Castro: “Vivimos nunha sociedade machista e patriarcal, hai que dicilo con total claridade”
Entrevista de Antón Escuredo a Francisco Castro en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Primeiro ensaio e moi persoal. Por que falar de feminismo?
– Francisco Castro (FC): Eu levo falando de feminismo moito tempo. Escribín moitos artigos reivindicándome como home feminista. Nos meus libros os meus personaxes masculinos son o que se adoita chamar “masculinidades moi disidentes”. Homes que se apuntan ao bo trato. Homes que están concienciados da necesidade de traballar xunto coas mulleres por un mundo en igualdade.
Ao mesmo tempo, nos últimos anos dei moitas charlas sobre esas outras masculinidades. Entón, pensei que era interesante tentar sistematizalo, partindo desde a experiencia persoal e dunha maneira moi divulgativa, reflexionar sobre a miña educación patriarcal, a miña toma de conciencia dese patriarcado que vive dentro de min e que segue moi presente.
Hai que loitar todos os días contra ese virus que nos meteron dentro sen vacina nin nada. Ademais, creo que é interesante que homes que temos unha certa presenza e voz pública a poñamos a favor do que é, probabelmente, o movemento revolucionario máis importante no que vai de século XXI: a forza do feminismo militante e con vocación de transformación do mundo.
– ND: Coincide en que vivimos nunha sociedade machista?
– FC: Vivimos nunha sociedade machista e patriarcal, hai que dicilo con total claridade. Se preguntas a Santiago Abascal vai dicir que non. Agora mesmo temos unha forte reacción patriarcal. Que haxa 52 deputados de Vox é unha maneira incontestábel de mostrar a forza do machismo.
Ese partido ten tres ideas básicas: unidade de España, sexa iso o que sexa, inviolabilidade das fronteiras e loita contra o feminismo. Polo tanto, unha das súas tres patas ideolóxicas é o antifeminismo.
Que exista un partido votado por millóns de persoas que ten como un dos seus alicerces a loita contra o feminismo é a demostración de que esta sociedade nosa é profundamente machista.
– ND: Cal é a razón de que moitos homes non dean ese paso que explica no libro?
– FC: Hai moitos factores. En primeiro lugar, é moi difícil renunciar aos privilexios. Nós somos a parte privilexiada polo feito de nacermos homes e polo tanto custa renunciar aos privilexios. Non coñezo moitos ricos que falen mal do capitalismo, están moi cómodos nese sistema.
Despois por unha cuestión, no fondo, de ignorancia. Hai moitos homes que consideran que o tema da explotación sexual é algo que teñen que solucionar as mulleres. Cren que o machismo teñen que solucionalo elas, que a desigualdade é unha cuestión que compete ás mulleres. E non. Falo no libro, basicamente, da decencia. O que explico é que unha persoa decente é feminista.
O feminismo é a ideoloxía que promulga a igualdade entre homes e mulleres. Polo tanto, quen non sexa feminista non cre nunha sociedade igualitaria e iso é indecente. Por que os homes non dan o paso? Por levar o patriarcado dentro.
– ND: A responsabilidade neste tema é da sociedade e das Administracións?
– FC: Hai unha interpelación á cidadanía para que saia dese sono feliz que é o patriarcado para os machistas. Logo están tamén as institucións. Aí vese ben o triunfo do feminismo. Hoxe non hai ningún partido que se atreva a definirse como machista abertamente. Polo 8-M, agás os trastornados de Vox, todo o mundo en Concellos, Deputacións e outras Administracións fan actos e lense manifestos.
O feminismo conseguiu que, polo menos, pareza que lles preocupa a cuestión. Se permitimos que un partido claramente antifeminista ocupe as institucións iremos cara a atrás. Todo o que as feministas gañaron pódese perder. Está todo relacionado, sociedade e Administracións. Os políticos de Vox non chegan ao poder a través dun golpe de Estado… é a cidadanía quen os pon aí. Temos moito que traballar.”
Compostela: presentación de Oito días sen Eva Cortes, de Sara Vila Alonso
Bases do V Premio Vidal Bolaño 2022
“Este certame nace pola necesidade de fomentar a escrita de textos teatrais dirixidos ao alumnado de ESO e Bacharelato. Por iso, o Concello do Porriño, o IES Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia, convocan este certame coa finalidade de crear un fondo de textos teatrais susceptibles de ser representados por alumnado do ensino secundario.
1. Poderán concorrer ao Premio todas as persoas que o desexen, de calquera nacionalidade, con textos teatrais inéditos e non premiados noutros certames, que estean escritos en lingua galega.
2. As OBRAS serán de temática e extensión libre, aínda que hai que ter en conta que van ser interpretadas por alumnos e alumnas de entre 12 e 18 anos.
3. Cada autor/a poderá presentar máis dunha obra.
4. O PREMIO constará de 2.000 euros, suxeitos ás retencións fiscais correspondentes, e que computarán en concepto de adianto de dereitos de autoría, un diploma acreditativo e a edición e publicación da obra gañadora a cargo da EDITORIAL GALAXIA. Para tal efecto a editorial asinará co gañador ou gañadora o correspondente contrato de edición.
5. O premio poderá quedar deserto se as obras presentadas non se adecúan á finalidade do premio, segundo o criterio do xurado.
6. O PRAZO de presentación de orixinais remata o 21 de xuño de 2022.
7. Enviaranse catro copias da obra, debidamente encadernadas, xunto cun sobre pechado cos datos do autor/a.
8. O ENVÍO das obras farase a través de correo postal ao enderezo: I.E.S Ribeira do Louro (Rúa Ribeira s/n, 36410, Torneiros, O Porriño), especificando no sobre Premio de Teatro Roberto Vidal Bolaño.
9. O XURADO estará conformado polo EDL do IES Ribeira do Louro, dous profesionais do teatro e un representante da Editorial Galaxia; e prestará especial atención á innovación dramatúrxica, as novas linguaxes contemporáneas e a singularidade temática das pezas.
10. A obra gañadora darase a coñecer no mes de setembro de 2022. Farase entrega do premio no Salón de Actos do IES Ribeira do Louro na última semana dese mes.
11. Se durante o tempo de presentación e deliberación a obra presentada recibise algún premio ou fose editada, o autor deberá comunicalo á organización do certame, xa que este feito será motivo de exclusión do presente concurso.
12. Os orixinais non premiados poderán ser recollidos na sede da Editorial Galaxia no prazo dun mes a partir do fallo do xurado. As obras non recollidas serán destruídas pasado o mes.
13. O feito de participar neste certame supón a aceptación total destas bases. O non previsto nelas será resolto pola organización.”