María Alonso, escritora: “A nova vaga migratoria é un fenómeno masivo”

Entrevista de Belén Bouzas a María Alonso en Nós Diario:
“- Nós Diario (ND): A que necesidade responde a publicación de Migrantas?
– María Alonso (MA): Migrantas, en feminino, é un libro de conversas só con mulleres, galegas, que viven ou que viviron nalgún momento fóra da Galiza por algún motivo. Con estas historias, con estas conversas, a intención principal do libro é a de cuestionar a imaxe da emigración galega, masculina, clásica, ou da emigración de mediados do século pasado ao norte de Europa.
Nesta nova vaga migratoria, que xurdiu a partir da crise de 2008, cambiou radicalmente. Xa non só porque agora emigran máis mulleres que homes, senón sobre todo polo perfil destas mulleres. Tamén pola actitude de cara á vida, ao presente e ao futuro, que teñen todas elas.
A intención de Migrantas era a reflexión. Unha reflexión a través de conversas que tiveron lugar en liña entre outubro e novembro do ano pasado. Neste sentido, o volume está condicionado pola situación de pandemia e alerta sanitaria.
– ND: Cales son, para vostede, as características desta nova emigración?
– MA: Considero que hai varios aspectos que se repiten de forma constante en todas as conversas. O primeiro que xorde de modo natural é a idea de retorno, que está presente en todas e cada unha. Ese retorno, que aparentemente non é posíbel, obsesiona esas mulleres. Mais todas elas son conscientes de que, polo de agora, non é posíbel. Algunhas delas levan 20 anos emigradas e outras levan menos tempo, mais todas son conscientes de que a volta á casa non será factíbel nun futuro próximo.
Despois, a motivación para emigrar na maioría dos casos foi a precariedade laboral que atoparon ao terminar as súas carreiras. Todas elas son licenciadas, moitas teñen mestrados, doutoramentos… Son científicas, investigadoras… Mais as condicións laborais de precariedade, mesmo no ámbito científico, foron brutais… Así, esa precariedade é outra característica bastante común entre todas elas.
Por outra banda, a maior parte das historias teñen unha evolución en positivo. É dicir, deixaron a precariedade na Galiza, emigraron e atoparon tamén precariedade no país de acollida, mais pouco a pouco foron encontrando o seu sitio na emigración e melloraron. Porén, tamén hai algunhas historias de frustración, de plans que non acaban de funcionar, que cuestionan a idea de que emigrar é igual a éxito.
– ND: En Transmigrantes (Axóuxere, 2017), o seu anterior ensaio, xa pousaba o ollar na emigración.
– MA: Transmigrantes escribino cando eu era transmigrante. Nesa época, cun título de doutoramento na man, atopei bastante precariedade. É un ensaio diferente a este libro novo. Unha obra moi crítica sobre aquela época, de 2014 a 2016, cando máis comecei a notar as consecuencias da crise de 2008. Regreso a esa temática porque creo que é necesario e urxente comezar a falar sobre a nova vaga migratoria.
Seguimos ancoradas na idea de que a Galiza migrante é do século pasado e non é así. As características da nova vaga migratoria son diferentes das anteriores. Xa non se emigra nin en familia nin en barcos todos xuntos, agora emigramos de xeito máis particular, máis individual, pero é un fenómeno masivo.
A través destas conversas o que noto é que as persoas migrantas, coma min, teñen ganas de falar. Teñen ganas de que lles dean voz, de ser escoitadas… E agradecen moito, polo menos neste caso, que lles deran a oportunidade de falar e compartir as historias.
Considero que é necesario e importante que tomemos consciencia de que existe un fenómeno migratorio e que detrás de todos eses números, de todas esas cifras, hai persoas reais, con nomes, con historias e con circunstancias que necesitan ser compartidas.”

A Coruña: Encontros no ensino 2021

Os Encontros no ensino 2021 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña.
Con esta iniciativa, preténdese achegar aos centros de ensino aquelas autoras e autores con obras que están a ser lidas nas aulas.
Está dirixida a alumnado deses centros, na cidade da Coruña.

15 de novembro
Encontro con Antón Riveiro Coello arredor de O paraíso dos inocentes.
IES Urbano Lugrís.

3 de decembro
Encontro con Iria Misa arredor de Xa non estou aquí.
IES Agra do Orzán.

14 de decembro
Encontro con Eva Mejuto arredor de Memoria do silencio.
IES Ramón Menéndez Pidal, Zalaeta.

14 de decembro
Encontro con Ledicia Costas arredor de Un animal chamado néboa.
IES Durmideiras.

Premios da Crítica de Galicia 2021

Francisco Castro: “A mensaxe de Vox conseguiu penetrar entre a rapazada”

Entrevista de Mar Mato a Francisco Castro en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): Que busca transmitir con este novo libro?
– Francisco Castro (FC): O cemiterio de barcos é un libro no que transito por lugares que xa percorrera moitas outras veces como o amor malo, o maltrato, e a preocupación pola memoria histórica. Como xa os tratara en novela para adultos, quería agora dirixilo ao público xuvenil inda que os adultos tamén poden gozar da súa lectura. Preocúpame moito que haxa resultados como os que tivemos hai 15 días na estatística do Instituto de la Mujer con gran número de rapaces dicindo que o feminismo é unha ideoloxía que só busca fastidiar os homes ou que manteñen, mesmo mulleres, que a violencia de xénero non existe. Tamén me parece preocupante que a rapazada ignore o que aconteceu hai 80 anos e a represión trala Guerra Civil.
– FV: O inicio é moi contundente, cunha páxina do diario dunha rapaza dicindo “É certo que ás veces, cando se enfada comigo, rompe cousas. Pero o seu pouso é bo”.
– FC: Tiña moi claro que, dende o principio, había que conectar o lector ou lectora coa problemática que vive a protagonista. A través das páxinas de Piscis, o diario de Lucía, imos pasando por todas as fases polas que pasa unha muller maltratada. Ao principio, a xustificación do maltrato. Despois, pasa a culparse: di que o merece. Tamén hai outro personaxe (David) que representa unha nova masculinidade. Na novela vense os dous tipos de masculinidade: a baseada na testosterona e a outra de homes sensibles que se apuntan ao trato igualitario. Os homes emocionámonos, os homes choramos. Lucía ao coñecer a David ve que hai outra maneira de ser home. (…)
– FV: En que medida a literatura pode axudar a familias e centros educativos a sanar esa visión errada do amor? Hai un incremento considerable de violencia de xénero entre os novos.
– FC: Por unha banda, hai un fracaso educativo social pero outro lado, os resultados da enquisa demostran como a mensaxe de Vox conseguiu penetrar entre a rapazada. Hai 54 deputados dun partido que nega a violencia de xénero, que fala de feminazis, de chiringuito feminista, que ten nun dos seus piares o odio á igualdade, o que é terrible. Odiar a igualdade é de mala xente. Se lemos os resultados da enquisa son coherentes co que Vox comezou a implantar no conxunto da sociedade. Estamos dicindo que eses rapaces a pesar de mil accións educativas (charlas, libros…) están seguros de que controlar o móbil á rapaza como pasa na novela non é malo. E hai rapazas que están empezando a caer nesa dialéctica.
– FV: A literatura entón é clave.
– FC: Claro, eu escribo a novela por iso. Encantariame escribir libros de mero entretemento pero non me saen. Creo que a literatura é un xeito de intervir na realidad. Por iso, os dictadores o primeiro que fan é queimar aqueles libros que manteñen valores distintos aos que queren instaurar.Si que creo que unha xuventude lectora é unha xuventude mellor formada, máis protexidas ante a irracionalidade de determinados grupos políticos e sociais.”

Tabela dos libros. Novembro de 2021

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”