Desde
Galaxia:
“A última novela de Marcos Calveiro, O xardineiro dos ingleses, que xa fora recoñecida co Premio de Novela Manuel García Barros no 2017, foi merecedora hoxe do Premio San Clemente na súa categoría en galego. Nesta XXIV edición do Premio San Clemente, que convocan o IES Plurilingüe Rosalía de Castro e Abanca co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, foron tamén premiadas as novelas La uruguaya de Pedro Mairal, na categoría en español, e A vexetariana de Han Kang, entre as candidatas en lingua estranxeira.
O premio San Clemente busca converter o alumnado de bacharelato en protagonista á hora de conceder un galardón literario, polo que o seu xurado está composto por estudantes. Nesta XXIII edición, ademais do estudantado do IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), participou no xurado o do IES Neira Vilas (Oleiros), o IES Sánchez Cantón (Pontevedra), o IES Xoán Montes (Lugo), o IES Otero Pedrayo (Ourense), o IES Antonio Fraguas (Santiago de Compostela), o Hockerill College (Londres), o Saint Français Xavier (Vannes), o Grimmelshausen Gymnasium (Gelnhausen), a Escola Secundaria de Santa Comba Dao e o Colexio Rosalía de Castro de Moscú.
En Vilagarcía, a principios do século XX, o destino dos mariñeiros ingleses e alemáns crúzase coas arelas de liberdade dunha moza que intenta ceibarse das estreitezas e ataduras da Galicia daquel tempo. Moitos anos despois, no Cemiterio dos Ingleses só queda unha tumba anónima, a número un. Cunha prosa áxil, protagonistas de carne e óso e unha trama que zigzaguea entre os principais acontecementos históricos europeos, Marcos Calveiro consegue a súa obra máis lograda, de lectura apaixonante e chea de sucesos inesperados. Unha novela sobre a busca da liberdade. Sobre a xustiza e a capacidade para enfrontarse ao fado da historia. Un relato que hoxe foi premiado pola súa valentía unha vez máis, que non deixa de sumar lectores dende a súa publicación hai un ano, e que vai camiño de converterse nunha das novelas mellores valoradas por crítica e lectores dos últimos tempos.”
Arquivos da etiqueta: Editorial Galaxia
Pantallas, libro de poemas de Celia Parra
Desde
o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“”Pantallas é un universo futurista, unha distopía ambientada nun futuro moi afastado, pero que ten o seu reflexo na sociedade actual, é un espello”.
“O principal foi reflexionar sobre como a imaxe e o uso que facemos dela, e as redes sociais e o uso que facemos delas, moldean a nosa forma de comunicarnos e de autorrepresentarnos e crear a nosa identidade”.
A entrevista pode verse aquí.”
Vigo: presentación de A formiga fóra do carreiro, de Raquel Castro
A Coruña: presentación de Galicia no labirinto da nova política, de Xoán Hermida
As Pontes: presentación de Amor por catro e Poesía mínima, de Helena Villar, e Memoria do corpo, de Xesús Rábade Paredes
Bases do XVIII Premio de Ensaio Ramón Piñeiro
Ramón Villares: “Prodúcese, por veces, unha combinación pouco virtuosa entre actores políticos e culturais”
Entrevista
de Montse Dopico a Ramón Villares en Praza:
“(…) – Praza (P): Adoita definir vostede Galicia como nación-cultura. Por que di en Identidade e afectos patrios que as mesmas forzas históricas que bloquearon a conversión de Galicia en reino con institucións propias son as responsables da forte identidade cultural que chega ata hoxe? Por que esa contradición?
– Ramón Villares (RV): É unha contradición que, en realidade, non é tal. Galicia está construída, como nación cultural, sobre estratos moi distintos, moi antigos e outros máis modernos, que se van resignificando tamén co paso do tempo. Pero é evidente que hai unha tradición romana, por non dicir xa prerromana, que foi moi enriquecida sobre todo na época da Idade Media. Podemos pensar en Martiño de Dumio, Fructuoso, Egeria, Osorio…, en todo o esplendor cultural que houbo entre o fin da antigüidade e a Idade Media, que moitas veces pasa inadvertido. Pois todas esas figuras que teñen contacto co mediterráneo oriental, con Agustín de Hipona, que visitan os Santos Lugares, que realizan obras de referencia na historia da humanidade: por exemplo, Paulo Orosio e a súa ‘Historia contra os pagáns’, revelan que aquí había unha forza cultural moi importante, neste occidente da Romania.
E logo hai un segundo momento moi importante, no século XII, que eu diría que é o século de Xelmírez, onde se opta por algunhas vías estratexicamente decisivas. E non o invento eu: está en Vicetto dunha forma, en Murguía doutra forma, en Castelao, en Otero Pedrayo… está na tradición culta galega constantemente. Aí eu vexo un dos límites do camiño posible da Gallaecia cara un reino. Xa o dixo Murguía: só foi rei García, uns poucos anos. Co apoio do poder carolinxio, da Galia, Xelmírez converte Santiago nun foro extraordinariamente importante da época medieval. Pero aposta por unha vía cultural, fronte ao condado de Portucale, que apostou por unha vía máis política.
Neses dous factores está a explicación da contradición. A condición de Santiago como grande cidade nova, fin do camiño de Santiago, vinculada á Europa carolinxia, bloqueou a expansión cara ao sur, e contribuíu a escindir a Gallaecia, que xa estaba un pouco escindida de antes. Agora, ese peso cultural, esa alianza entre os mosteiros, os campesinos e logo os fidalgos, tamén foi o que creou esta cultura galega. Que non o a creou un Estado. Que a crearon institucións eclesiásticas, en grande medida…
– P: Identidade e afectos patrios é un libro sobre os relatos, as narrativas construídas polas elites cultas contemporáneas sobre a nación. Unha das cuestións que comenta é que, na actualidade, carecemos dunha reflexión sistemática sobre a identidade galega. E iso relaciónase, supoño, con polémicas como a xurdida arredor do discurso de Feijoo sobre A derradeira lección do mestre de Castelao.
– RV: Entre moitas outras cousas, si. Aí hai moitas cousas. Unha é que hai unha ausencia dun consenso básico sobre a lingua e a cultura galega, que debería ser compartido por todos, con independencia das opcións políticas. E despois que, desde o Beiras dos anos 60-70, tampouco hai unha reflexión global sobre o que é Galicia. A teoría do atraso de Beiras é algo que hoxe hai que revisar, pero ten esa importancia de ser unha reflexión global, unha aproximación ao conxunto de Galicia. Iso fáltanos hoxe. Pero é unha reflexión que non pode facerse só en termos académicos. Ten que ter algunha conexión coa política.
E a política hoxe está un pouco orfa de relato, de narrativa propia. Repite moitísimo, e ao propio tempo o mundo académico non se ocupa diso. Agora, sobre estes debates como o de A derradeira lección do mestre de Castelao…, en Cataluña hai debates por menos, e son unha nación política e non só unha nación cultural. Non creo que sexa ese o problema. Creo que o problema de Galicia é xustamente que non falamos do que hai que falar. Debatemos pouco. Porque para debater hai que recoñecer o contrario. Eu recoñezo o que di outro, non o dou por bo, e trato de argumentar por que non estou de acordo. E isto esixe unha operación intelectual moi seria que non sempre é posible. (…)”







