Ourense: recital músico-poético a cargo de Héctor Lorenzo e Santi Cribeiro

O venres 6 de xuño, ás 21:00 horas, no Liceo de Ourense (Rúa Valentín Lamas Carvajal, 5), Héctor Lorenzo e Santi Cribeiro farán un recital músico-poético con versos de Xosé María Díaz Castro, así como outros de autores como Manuel Antonio, Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Xosé María Álvarez Blázquez e Rosalía de Castro. Desde Galaxia.

Ourense: actividades destacadas do mércores 4 na Feira do Libro

O mércores 4 de xuño continúa a Feira do Libro de Ourense (na Alameda), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para ese día:

19:30 h. Presentación do libro O espido de Gina, de Miguel Anxo Fernández, publicado en Galaxia. Xunto co autor, participan no acto José Manuel Rubín e Víctor Freixanes.
20:30 h. Presentación do libro Peinador, do escritor Rubén Martínez Alonso gañador do XIV Premio Risco de Creación Literaria, publicado pola Editorial Sotelo Branco.

Taboleiro do libro galego (XXIII), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Chega a quinta entrega deste 2014 do «Taboleiro do libro galego» que recolle, segundo os datos obtidos de quince librarías consultadas, as novidades editoriais máis vendidas en lingua galega ao longo do mes de maio. O meu agradecemento, nesta ocasión, ás seguintes librarías: Librouro, Suévia, Carricanta, Biblos, Casa do Libro (Vigo), Andel, Á lus do candil, Aira das Letras, Paz, Trama, Couceiro, Libros para soñar, Abrente e Lila de Lilith, ás que se suma, desde agora, Miranda de Bueu, á que lle dou a benvida.

NARRATIVA
1º-. A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz, Edicións Xerais.
2º-. A voz do vento, de Pemón Bouzas, Edicións Xerais.
3º-. Intensa e quente é a túa humidade azul, de Xulio Pardo de Neyra, Edicións Positivas.
4º-. Sete Caveiras, de Elena Gallego, Edicións Xerais.
5º-. Maternosofia, de Inma López Silva, Editorial Galaxia.
6º-. A memoria da choiva, de Pedro Feijoo, Edicións Xerais.

POESÍA
-. Nimbos, de Xosé María Díaz Castro, Galaxia.
2º-. Ningún amante saber conducir, de Rosalía Fernández Rial, Positivas.
3º-. Eu violei o lobo feroz, de Teresa Moure, Através.
4º-. Dun lago escuro, de Marta Dacosta, Edicións Xerais.
5º-. A segunda lingua, de Yolanda Castaño, Pen Clube-Xunta de Galicia.

ENSAIO-TEATRO
-. A alternativa está aquí, de María Reimóndez, Edicións Xerais.
2º-. Politicamente incorreta. Ensaios para um tempo de pressas, de Teresa Moure, Através.
3º-. Xavier Vence. Conversas, de Xan Carballa, Engaiolarte Edicións.
4º-. Contra a morte das linguas, de Miguel Moreira, Edicións Xerais.
5º-. Para que nos serve Galiza?, de Xaime Subiela, Editorial Galaxia.

INFANTIL-XUVENIL
-. A illa de todas as illas, de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas, Edicións Xerais.
-. Ámote, Leo A. Estación de tránsito, de Rosa Aneiros, Edicións Xerais.
-. Recinto gris, de Ledicia Costas, Edicións Xerais
-. O Castañeiro de abril, de Antonio Manuel Fraga, Edicións Xerais.

ÁLBUM ILUSTRADO
-. O soño de Esther, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
2º-. O Dragón que cambiaba de conto cada vez que esbirraba, de David Aceituno e debuxos de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
3º-. A Burra Ramona, de Paula Carballeira (ilustracións de Xosé Tomás), Baía Edicións.

LIBROS CD-DVD
-. Brinca vai!, de Paco Nogueiras, Kalandraka.
2º-. Na lingua que eu falo, de Najla Shami e Rosalía de Castro, Editorial Galaxia.
3º-. Pitusa semifusa, de Olga Brañas, Editorial Galaxia.
4º-. Pan de millo, de Migallas, ilustracións de Dani Padrón, Kalandraka.

BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero IV, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.

OUTROS
1º-. Luzes, nº 6, maio 2014.”

Tabela dos Libros de xuño, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co primeiro luns do mes, chega outra volta a Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.»

Vigo: actividades destacadas do venres 30 de maio na Feira do Libro

O venres 30 de maio continúa a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para eses días:

18:15 h. Sinatura de Miguel Ángel Alonso Diz na caseta da Libraría Andel.
19:00 h. Mesa redonda sobre Xosé María Díaz Castro. Intervirán no acto Armando Requeixo, Luís González Tosar e Víctor Freixanes.
20:00 h. Presentación do libro O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila, publicado por Galaxia. Xunto á autora, participan no acto Xosé Monteagudo e Carlos Lema.

Vigo: actividades destacadas do xoves 29 de maio na Feira do Libro

O xoves 29 de maio continúa a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para eses días:

19:00 h. Sinatura de libros de Ledicia Costas na caseta da Libraría Andel.
20:00 h. Inma López Silva presenta o seu libro Maternosofia, publicado por Galaxia. Xunto coa autora, participará no acto María Xosé Queizán e Carlos Lema.

Vigo: actividades destacadas do mércores 28 de maio na Feira do Libro

O mércores 28 de maio continúa a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para eses días:

19:00 h. Presentación de 50 anos de Grial, pola Editorial Galaxia. Participan Víctor F. Freixanes, Henrique Monteagudo, Carlos Fernández, Domingo Docampo, Uxío Labarta e Xurxo Martínez.
20:00 h. Presentación do libro Pedro Petouto, de Xesús Alonso Montero, publicado por Xerais. Acompañarán ao autor do libro Modesto Hermida, Antón Costa Rico e Manuel Bragado.

Armando Requeixo: “Díaz Castro desexaba reflectir a parálise dunha Galiza inmobilista que non conseguía avanzar, que non se espreguiza”

Entrevista de Montse Dopico a Armando Requeixo en Praza:
“Xosé María Díaz Castro non é só Nimbos. Non fora publicada nin a terceira parte da poesía en galego do homenaxeado no Día das Letras do 2014. E, dela, só Nimbos xerou un impacto crítico importante. Un dos maiores expertos na súa obra -se non é o maior-, Armando Requeixo, recuperou os dous poemarios de xuventude do autor, os ata entón inéditos Follas verdes e Follas ô aire, nun volume no que tamén recolle Nimbos, Nascida d’un sono e poemas soltos e non compilados, alén dunha escolma epistolar. Neste libro, Xosé María Díaz Castro. Poesía galega completa (Galaxia), Requeixo reivindica o Díaz Castro “poeta de denuncia que arremete contra a pasividade da sociedade galega” e contra a “penosa realidade migratoria do pobo galego”.
– Praza (P): Divides a obra de Díaz Castro en tres etapas. A primeira iría do 31 ao 36, con Follas verdes e Follas ô aire (dos que salientas o maxisterio rosaliano, paisaxismo mindoniense e pegada da lírica francesa). Achegaríase entón á Escola Poética do Seminario de Mondoñedo e ao Ruralismo. En que aspectos?
– Armando Requeixo (AR): Díaz Castro, nesa altura, comparte moitos trazos característicos da Escola Poética do Seminario de Mondoñedo e, tamén si, do Paisaxismo Humanista, Neovirxilianismo ou Ruralismo, como a súa ampla formación humanística, a escolla da paisaxe mindoniense como escenario poético, a procedencia rural que permea na escrita, presentar textos formalmente moi elaborados e, polo xeral, sometidos á disciplina métrica e procurar a dignificación do idioma a través da reivindicación do popular e o dialectal como propicia arxila poética, extremos todos que, en efecto, cumpre a poesía do autor. (…)
– P: A segunda etapa abrangue do 36 ao 47. Desta fase son o Caderno-Borrador Manuscrito e o Caderno-Borrador Mecanoscrito, ou o poema Mediodía. Tamén Nascida d’un sono e El cántico de la Ciudad. Aumenta neles o ton confesional e tamén de celebración do cotián, de lugares, de xentes. De que maneira a sinxeleza, as métricas clásicas… adiantan Nimbos?
– AR: Os ensaios cada vez máis dúctiles de metros e fórmulas rítmicas preanuncian a mestría que neste eido alcanzou en Nimbos, do mesmo xeito que o recurso a certas temáticas, motivos e mesmo solucións estilísticas están na base das ensaiadas no poemario de 1961.
– P: A terceira etapa abrangue do 47 ao 90. Son Nimbos e poemas publicados en revistas como Alba, Dorna, Xermolos ou Amencer, ou en escolmas como a de Fernández del Riego. Nimbos tivo un proceso de creación moi longo. Por que?
– AR: Porque o poeta, cando Francisco Fernández del Riego en 1956 lle escribe por vez primeira pedíndolle un poemario para Galaxia, non ten materiais suficientes que o convenzan para compor un volume de versos. Ese feito fai que demore máis do esperable en publicar o libro, pois a súa situación vital (afastado en Madrid), familiar (coas obrigas que supuñan os fillos que entón comezaron a nacerlle) e profesional (cos moitos compromisos tradutores que tiña que atender nos organismos que traballou e, fóra deles, coas editoras coas que colaboraba) dificultaron que reunise en menos tempo poemas abondos para conformar un libro que, ao final, acabou publicándose con tan só trinta e dúas composicións, das cales catorce foran reaproveitadas de entre as xa aparecidas na prensa periódica ou antoloxías. (…)”