O neno can entra no catálogo das mellores publicacións sobre o tratamento da discapacidade

Desde La Voz de Galicia:
O neno can, o libro de breves relatos a favor de Unicef no que Fina Casalderrey e Francisco Castro abordan asuntos relacionados coa falta de dereitos básicos que padecen moitos nenos, acaba de ser incluído no Centro IBBY de Documentación para Nenos con Dificultades Especiais. Esta institución, con sede en Oslo, elabora a coñecida como Lista Outstanding Books 2013, unha colección cos títulos destacados polo seu tratamento da discapacidade. O libro galego, publicado no 2012, e no que se contan historias de cativos que teñen que sobrevivir remexendo nos colectores de lixo, a epopea desas nenas obrigadas a casar con homes adultos ou a discriminación de quen é diferente por calquera motivo, logra desta maneira un gran recoñecemento internacional. Entra nun catálogo que recolle as mellores publicacións sobre esta temática -editado en varias linguas-, e que se expón, primeiro, na Feria do Libro Infantil de Boloña e, posteriormente, en distintas capitais a través dunha mostra itinerante. Asemade, entra a formar parte dunha colección permanente que se expón no Centro IBBY. O libro que, a pesar da crueza das realidades que conta, amosa relatos cheos de vida, publicouse en galego pola Editorial Galaxia, firma que amosa a súa satisfacción polo recoñecemento. Nos vindeiros meses será publicado en castelán por outra editorial. (…)”.

Xavier Alcalá: “O castrismo mitificou Sierra Maestra sendo moito máis decisiva a loita urbana”

Entrevista a Xavier Alcalá en Diario de Ferrol, desde Galaxia:
“- Diario de Ferrol (DF): Unha vez máis novela [Verde oliva] uns feitos cargados de historia.
– Xavier Alcalá (XA): Mantiven moitas entrevistas coa protagonista, Juana Maseda, e cheguei a un pacto para facer unha novela, cambiando nomes, pero os feitos son reais. O proceso é semellante ao que fixen sobre a triloxía sobre o movemento evanxélico en Galicia. (…)
– DF: Como foi esa loita urbana?
– XA: Investiguei a través de varias fontes e en Miami chegaron a darme un dato que pode ser esaxerado pero é significativo: as baixas de Batista en Sierra Maestra foron de 200 persoas, mentres que nas cidades foron de 20.000. O dato deumo en Miami Luis Conte Agüero, a quen nos anos da revolución Fidel chamaba “mi hermano Luis”. Logo ao castrismo interesoulle aumentar a importancia da loita nas montañas. (…)
– DF: Como está a ser a recepción de Verde oliva?
– XA: Extraordinaria. Teño que dicir que a novela está escrita en galego pero enseguida ma pediron para editar en castelán para libro electrónico e a Juana Maseda interesáballe que saíse tamén en castelán para que lle chegara a nova a Fidel. Tamén tivo repercusión en Puerto Rico, onde hai moitos revolucionarios cubanos. (…)”.

Ferrol: presentación de Verde oliva, de Xavier Alcalá

O mércores 9 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Ferrol (Rúa Rubalcava, 30-32), preséntase Verde oliva, de Xavier Alcalá, publicada en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Víctor F. Freixanes e Alfredo Ferreiro, quen manterá unha conversa co autor.