Nomeamentos en Galaxia

Editorial Galaxia S.A., Merlín Comunicación S.L. e algunhas das Fundacións relacionadas coa editora están a proceder a un proceso de restruturación e actualización dos seus consellos. Unha das primeiras medidas foi o nomeamento de Xaime Isla Couto como Presidente de Honra das devanditas empresas e da Fundación que leva os apelidos da súa familia. Blanca Jiménez Alonso, viúva de Fermín Penzol, asume asemade a Presidencia de Honra da Fundación Penzol.
Benxamín Casal, ata agora vicepresidente de Galaxia e de Merlín Comunicación, foi nomeado presidente de ambas as dúas empresas no último consello de administración das mesmas, e Alfonso Zulueta de Haz asume a presidencia executiva da Fundación Penzol, que dende o falecemento de Francisco Fernández del Riego dirixe Francisco Domínguez.
Ao mesmo tempo, Xavier Martínez Cobas, profesor de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Vigo e vencellado dende hai anos a estas institucións, foi nomeado tamén novo Conselleiro Delegado de Editorial Galaxia e Merlín Comunicación, empresas que segue dirixindo Víctor Fdez. Freixanes.
O anterior Conselleiro Delegado, Manuel Meixide, foi nomado Vicepresidente Segundo destas empresas. O Vicepresidente Primeiro segue a ser Alfonso Zulueta de Haz, e o Secretario Xeral de todas elas, así como das Fundacións, Antón Vidal Andión.
Os actuais nomeamentos responden a un proceso de renovación e incorporación de novos conselleiros que se irá facendo pública segundo se vaian confirmando oficialmente. Tanto Xaime Isla Couto como Blanca Jiménez Alonso pasan a ser Presidentes de Honra por razóns de recoñecemento e saúde. A presidencia da Fundación Isla Couto asúmea Cristina Novoa, esposa de Xaime Isla Couto.

Arturo Casas: “Co blog volvín experimentar o pracer da escrita”

Entrevista a Arturo Casas en Protexta, desde Galaxia:
“Así titulan no último Protexta a entrevista que Marta Pérez Pereiro lle fixo a Arturo Casas con motivo da publicación do libro Alusión, que escolma unha parte do seu blog Lándoas. Velaquí podedes ler a entrevista completa.”

As Pontes: concerto comentado de Haberá primavera, por César Morán

O venres 3 de febreiro, ás 20:30 horas, na Casa Dopeso (Rosalía de Castro, 28), As Pontes, terá lugar un concerto comentado do libro-disco Haberá primavera, de César Morán, publicado en Galaxia, baseado en poemas de Álvaro Cunqueiro. No acto o autor estará acompañado por Afonso Morán (contrabaixo) e Roberto Somoza (saxo).

Galaxia publica en galego o último libro de Paul Auster antes de que saia en inglés

“A Editorial Galaxia publicará en galego o próximo mércores -1 de febreiro- o último libro do escritor estadounidense Paul Auster, Diario de inverno. Desta forma, a súa última obra sairá á luz en galego ao mesmo tempo que en castelán -á vez que sairá a edición dixital-, e farao antes de que sexa publicada en inglés. Segundo explica Galaxia, a novela do autor da triloxía de Nova York, encaixa á perfección no que a crítica denomina autoficción, de forma que o autor se converte a si mesmo en personaxe da obra, como fixo con anterioridade noutros traballos. (…)” Vía Galicia Hoxe.

Rianxo: presentación de Vivir, unha aventura irrepetíbel, de Mercedes Queixas

O sábado 28 de xaneiro, ás 12:00 horas, no Auditorio de Rianxo, preséntase a biografía de María do Carme Kruckenberg Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, de Mercedes Queixas, publicada en Galaxia. No acto, organizado pola Asociación Cultural Barbantia, participarán, xunto á autora, Francisco Castro e Milagros Torrado. A seguir, terá lugar un recital poético no que participarán Esther F. Carrodeguas, Milagros Torrado e María Xesús Blanco, cunha intervención plástica do pintor Salvador Fernández Laíño. No mesmo emprazamento, ás 20:00 horas, terá lugar unha conferencia de Miguel Anxo Seixas sobre Castelao á luz de Paz Andrade.

A Coruña: presentación de O soldadiño de chumbo

O domingo 29 de xaneiro, ás 19:30 horas, na Biblioteca do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n), preséntase o libro O soldadiño de chumbo, de Hans Christian Andersen, adaptado por Xavier Senín, e publicado en Galaxia. No acto, onde se proxectará igualmente a curta que acompaña a publicación, intervirán Virginia Curiá, Cristina Ameijeiras e Francisco Castro.