O
venres 14 de outubro, na Libraría Aira das Letras (Rúa Emilia Pardo Bazán, 5) de Allariz, preséntase In vino veritas, de Francisco Castro, publicado en Galaxia. No acto, acompañando ao autor, participa o profesor Xabier Álvarez.
Arquivos da etiqueta: Editorial Galaxia
Editado en francés Un ollo de vidro, de Castelao
“Estes
días chega ás librerías do mundo francófono, editado en Les Fondeurs de Briques, o libro de Castelao, orixinal de 1922, Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete en tradución directamente do galego de Vincent Ozanam: Un oeil de verre. (…) O libro chega ás librerías de Francia coas ilustracións do propio Castelao e que nós tamén publicamos na nosa edición. Máis unha vez, a nosa literatura florece noutras linguas. Unha boa nova para encetar o outono literario.” Vía Galaxia.
A Coruña: presentación do libro-disco Haberá primavera, de César Morán, no programa de radio Recendo
O
martes 11 de outubro, entre as 19:00 e as 20:00 horas, dentro do programa de radio Recendo, que a A. C. Alexandre Bóveda organiza dentro da emisora CUAC FM, César Morán presentará o seu libro-disco Haberá primavera, en homenaxe a Álvaro Cunqueiro, publicado en Galaxia en breve. Esta emisora pode escoitarse na comarca da Coruña no 103.4 FM.
Boiro: presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández
O
sábado 24 de setembro, ás 19:30 horas, no Centro Social Aturuxo (Rúa Principal, 118) de Boiro, terá lugar unha conversa sobre letras e cinema, dentro da que se presentará a novela Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicada en Galaxia.
‘Mil e un Cunqueiros‘
Artigo
de Daniel Salgado en El País (Galicia):
“Na nota ao pé dos Cantos de Hastings, catro poemas redactados nunha visita ás paraxes do sur de Inglaterra, Álvaro Cunqueiro (1911-1981) esquematizaba unha poética minúscula: “Aquí van algús, en versión ben provisional; son poesía de ocasión, pero toda poesía é de ocasión”. Era a voz do escritor en 1966, cando triunfaba coas súas propostas narrativas en galego e en castelán pero os seus poemas non atinxían repercusión equivalente. E con todo, aproveitaban calquera ocasión e inzaban as páxinas evanescentes de xornais e revistas de pequena difusión, pezas adoito ocultos tras o pano do pseudónimo. Esa etapa, rehabilitada inicialmente polo partisanismo de Méndez Ferrín na década dos setenta, é a que recolle Poesía 1933-1981. Xosé-Henrique Costas e Iago Castro Buerger encárganse dunha edición, impresa por Galaxia, que presenta en sociedade, entre outros materiais, medio cento de poemas espallados do mindoniense. (…)”
‘Ambiciosas novidades marcan o panorama editorial este outono’
“As editoras comezan a desvelar as súas cartas para o que resta do ano, con propostas ambiciosas. Deste xeito, Xerais anuncia a vindeira apertura da Biblioteca Dixital Xerais, unha tenda on line que permitirá o acceso de balde a material descatalogado e a ebooks, dos cales a firma adianta o lanzamento de 5 títulos. Canda a isto, os diccionarios xurídico e de primaria, así como un volume dedicado á xeografía de Galicia son as grandes apostas en obras de referencia. A nivel literario, sairá unha compilación de todos os relatos de Manuel Rivas, así como novidades de Agustín Fernández Paz, Fran Alonso, Pere Tobaruela, Luís Rei Núñez, María Xosé Queizán e Xavier Queipo entre outros. Desde Galaxia, pola súa banda, anuncian as novas propostas de Antón Riveiro Coello e Bieito Iglesias como autores galegos. A nivel de tradución, esta editora continuará a edición de 1Q84 de Haruki Murakami, e lanzará A verdade sobre Marie, de Jean-Philippe Toussaint, e C, de Tom McCarthy. Tamén Xerais incrementa o seu catálogo de títulos foráneaos coa segunda novela de Cornelia Funke. Detéctase tamén un maior interese das editoras tradicionais pola banda deseñada. Rinoceronte abre con Persépole, de Marjane Satrapi, a súa liña de BD, e Galaxia inicia unha serie de novela gráfica con Nómades, unha obra de Xosé Tomás. De novo Rinoceronte aposta por formatos anovadores coa presentación dunha colección de audiolibros en formato CD, con títulos como Seda de Alessandro Baricco ou A casa de Mango Street de Sandra Cisneros”. Vía Cultura Galega.
Fernando Díaz-Castroverde: ‘Sempre sentín fascinación polas estruturas fugaces’
Entrevista
con Fernando Díaz-Castroverde, recente gañador do Premio de narrativa breve Repsol, en Galaxia:
“(…) – Galaxia: Por que se decidiu polos microrrelatos?
– Fernando Díaz-Castroverde: O microrrelato é un xénero narrativo que, no meu criterio, ten certas concomitancias coa poesía na que tamén se procura un máximo efecto a partir dun mínimo contido. Elementos como a trascendencia, a ironía, o poder evocativo da palabra… é común a ambos xéneros e eu atópome moi cómodo nese rexistro. Esa foi, amais da fascinación que desde sempre sentín por esta estrutura fugaz, a razón da miña escolla. (…)”
Fernando Díaz-Castroverde gaña o Premio de narrativa breve Repsol con Microbios e outros paquidermos
“Fernando
Díaz-Castroverde gaña o Premio de narrativa breve Repsol coa obra Microbios e outros paquidermos, dotado con 9.000 euros e a publicación da obra na Editorial Galaxia. Fina Casalderrey, membro do xurado, definiu a obra gañadora como “un libro harmonioso, relacionado cos aforismos”, destacando “o uso da a contundencia do breve, utilizando a retranca, ou absurdo, a transgresión e a crítica mordaz”. Son microrrelatos intelixentes que levan á reflexión, conseguindo un ritmo áxil que convida a facer paradas para o lector. “É un libro para pensar”, concluíu. Trinta e nove foron as obras orixinais e inéditas que, cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120, se presentaron a este premio que chega á súa quinta edición. O xurado, formado por prestixiosas personalidades das letras galegas, estivo composto por cinco membros: Dolores Vilavedra, Darío Xohán Cabana, Carlos Lema, Xabier López e Fina Casalderrey. A entrega do Premio terá lugar antes do final do ano, nun acto público que se celebrará na cidade da Coruña.” Vía Galaxia. Entrevista en La Voz de Galicia, e reseñas en Xornal, La Opinión, Fervenzas Literarias e El País (Galicia).
Xavier Frías Conde: “A débeda das Letras Galegas con Madrid”
Artigo
de Xavier Frías Conde en Galaxia:
“A literatura en lingua galega tivo sempre unha sede lonxe do seu territorio natural e non estou a me referir a Buenos Aires, senón a Madrid. Case todos os grandes persoeiros da literatura galega, a comezar por Rosalía e Murguía e a seguir polo último homenaxeado das Letras Galegas, Loís Pereiro, pasaron tempadas longas da súa vida nesa cidade. Porén, esta é só unha parte da realidade, outra menos coñecida e moito máis dinámica e que Madrid segue a ser caldeira onde bole a literatura galega. Ademais dunha ducia de autores que viven na capital de España e crean en galego, existe unha dimensión cultural importantísima que non pasa desapercibida, onde mesmo dúas universidades, a UNED e a UCM, dedican tempo e esforzos a promover a literatura en lingua galega. O motor da creación galega nos últimos quince anos é o chamado Grupo Bilbao, así chamado por teren un faladoiro na Glorieta de Bilbao no delicioso Café Comercial. Alí foi fundada a colección de cadernos poéticos O Roibén, que está a espera de renacer nunha segunda época, nese mesmo formato de cadernos. Por tanto, considero inxusto o desinterese, en moitos casos a mantenta, que se fai do Grupo Bilbao e dos escritores galegos de Madrid, pois ao meu ver teñen todos eles moito que dicir no ámbito literario galego. En Madrid celébrase o Día das Letras Galegas durante unha semana enteira e con tantos actos como se poden facer nas máis das cidades galegas. Hai público e, ademais, a presenza de autores galegos en Madrid está a ser unha marabillosa montra para os eventuais lectores de lingua non galega. Non en van, de aquí xurdiron xa varios poetas alógrafos dunha excelente calidade poética. Paga a pena achegarse, ver e coñecer. Estades todos convidados aos faladoiros galegos do Café Comercial nos últimos sábados de cada mes a partir das catro. A palabra en galego, con café, sabe aínda mellor.”
A Coruña: exposición No niño novo do vento, e faladoiro sobre A obra dramática de Álvaro Cunqueiro
A
Consellería de Cultura, Editorial Galaxia, e Fundación Penzol, coa colaboración do Concello da Coruña, presentan a exposición No niño novo do vento, conmemorativa do centenario de Álvaro Cunqueiro, que estará aberta desde o xoves 8 de setembro na Sala Municipal de Exposicións do Palexco, na cidade herculina. A exposición, comisariada por María García Liñeira e Víctor F. Freixanes, estrutúrase en cinco grandes apartados, que describen o universo cunqueiriano a través de elementos tan íntimos como a reprodución do seu escritorio de traballo, a narración biográfica no seu contexto histórico e vital ou a exhibición de materiais de grande valor tanto emocional como patrimonial. Un espazo audiovisual reproduce en vídeo distintos documentais, entrevistas e gravacións das súas obras teatrais; e dous computadores con pantallas interactivas permiten a consulta de datos, fotos e bibliografía. Editouse así mesmo, como material complementario, un catálogo sobre os contidos da exposición. A inauguración terá lugar o xoves 8 ás 12:00 horas. (…)
O mesmo día, ás 19:00 h., no mesmo recinto, Ánxeles Cuña, Manuel Lourenzo, Euloxio R. Ruibal e Laura Tato participarán nun faladoiro baixo o título A obra dramática de Álvaro Cunqueiro.