Pontevedra: presentación de Cabalo de ouros, de Víctor F. Freixanes

O martes 21 de decembro, ás 20:00 h, no Auditorio do Café Moderno (Fundación Caixa Galicia. Praza de San Xosé, 3) de Pontevedra, preséntase Cabalo de ouros, o novo libro de Víctor Freixanes, publicado en Galaxia. No acto participan, co autor, Carlos Lema, Lola Dopico e Miguel Barros.

Víctor Freixanes: “A literatura é unha cousa moi seria, non fago concesións”

Entrevista a Víctor Freixanes en La Opinión:
“La Opinión (LO): En Galiza temos moi bos escritores, pero temos lectores dabondo?
Víctor Freixanes (VF): Esa é seguramente a parte máis dura. Temos unha enorme capacidade de creación pero temos un público escaso ou polo menos insuficiente. A riqueza do catálogo do libro é enorme, pero nos lectores, aí seguimos a ter dificultades. Que se miramos cara atrás con perspectiva, avanzouse moitísimo, nunca se leu tanto como se le agora, pero somos poucos. Somos 2.700.000 persoas, e tendo en conta que nas sociedades desenvolvidas os lectores veñen sendo o 35% da poboación. E a iso hai que sumar que nesta sociedade temos un problema, que é o da lingua, que segue a estar en peligro grave.
LO: Cales son os pasos que se deben dar, dende o mundo editorial pola parte que lle toca, para ampliar eses lectores e lograr que a lingua deixe de estar en perigo?
VF: Unha editorial, que é unha empresa, ten que facer o mellor posible os seus produtos, o mellor posible a selección dos seus autores e dos seus textos, pensando na diversidade de públicos que hai. Ten que editar en condicións, para poder competir con calquera outra edición do mundo. Nestes mesmos días vimos de publicar O soldadiño de chumbo cun libro-cine en colaboración coa productora coruñesa Continental, unha obra que pode competir con calquera libro do mundo, tanrto na Feira de Boloña, como na Feira de Fráncfort… onde sexa. Pero temos que facelo ben, temos que publicar con pulcritude, e logo temos que saber lanzar, apoiar, promocionar, estimular, animar. Somos uns axitadores culturais tamén. É dicir, os editores galegos non somos máquinas de facer libros sen máis; estamos comprometidos cunha causa moi definida e así o sentimos todos, mesmo aqueles que semella que van máis ao seu.”

Santiago: presentación de Cabalo de ouros, de Víctor F. Freixanes

O xoves 16 de decembro, ás 20:00 h., na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII), de Santiago de Compostela, Víctor F. Freixanes presenta a súa novela Cabalo de ouros, publicada en Galaxia. Acompañan ao autor Carlos Lema, director de edicións de Galaxia, e Dolores Vilavedra, crítica literaria.

A Coruña: presentación de O imposible de desatar, de Iván García Campos

O xoves 2 de decembro, a partir das 20:00 h., na sala de conferencias do Kiosko Alfonso da Coruña, preséntase O imposible de desatar, de Iván García Campos, publicado en Galaxia, novela gañadora do Premio Blanco Amor 2010. No acto, acompañando ao autor, participan Carlos Lema e Camilo Franco.

Vigo: presentación de Ángel Llanos, fotógrafo, de Xerardo González Martín

O mércores 24 de novembro, a partir das 20:00 h., na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) de Vigo, preséntase o libro Ángel Llanos, fotógrafo, de Xerardo González Martín, publicado por Galaxia. No acto participan Víctor Freixanes, director xeral da editorial, Mercedes Llanos, filla de Ángel Llanos, Fernando Ramos, xornalista, e o propio autor.

Moaña: exposición e recital de Pel con pel

O sábado 20 de novembro, ás 12:00 h., no Concello de Moaña (Rúa das Barxas, nº 2), comeza a exposición do II Concurso de fotografía Lactación Materna 2010, organizado por Fedegalma e a Editorial Galaxia, acompañadas por textos literarios, recollido no libro Pel con pel. No acto participan Marta Dacosta, Ledicia Costas e Eduardo Estévez.