Carral: entrega do premio de poesía Concello de Carral a Emma Pedreira, e presentación de As crebas, de Miro Villar

O venres 27 de maio, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Carral, entregarase o premio da 13ª edición do Certame de Poesía Concello de Carral a Emma Pedreira, polo seu Libro das mentiras, e preséntase o poemario gañador da anterior edición, As crebas, de Miro Villar, publicado en Espiral Maior. Pechará o acto unha actuación poético-musical de Iulius XIII, con poemas de Eli Ríos, Lois Pereiro e Emma Pedreira.

Santiago: presentación de Rúa da Cancela e posterior recital poético

O venres 29 de abril, ás 21:00 h., no Pub Dado Dadá (Rúa Alfredo Brañas, 19) de Santiago de Compostela, preséntase Rúa da Cancela, obra gañadora do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, de Eli Ríos e Eduardo Estévez, publicada pola A. C. Caldeirón. No acto desenvolverase un recital no que participarán algúns dos autores e autoras gañadores de edicións anteriores (Alberte Momán, Lino Braxe, Emma Pedreira, María Lado).

A Coruña: presentación de Rúa da Cancela, de Eli Ríos e Eduardo Estévez, e posterior recital poético

O xoves 24 de febreiro, a partir das 20:00 h., na Galería Sargadelos (Rúa Real, 56) da Coruña, preséntase o libro Rúa da Cancela, de Eli Ríos e Eduardo Estévez, obra gañadora do IV Premio de poesía erótica Illas Sisargas, e publicada pola A. C. Caldeirón. Posteriormente, terá lugar un recital de poemas dos/das autores/as gañadores/as dos consecutivos premios de poesía erótica Illas Sisargas, coa participación de Eli Ríos, Alberte Momán, Lino Braxe, Emma Pedreira, Paco Souto e Paco de Tano.

Elisabet Ríos Liste, Premio de Poesía Concello de Carral

Elisabet Ríos Liste, coa súa obra Nós escoitando o badalo de Marienplatz resultou gañadora do Concurso de Poesía Concello de Carral do presente ano. O xurado, formado polos poetas Luis González Tosar, Lucía Novás e Paulino Peña Álvarez, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Mª José García Fariña, e asistidos en calidade de secretario polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez, escolleu o libro de Elisabet Ríos entre as 42 obras presentadas ao certame, salientando a súa calidade, frescura e innovación.

O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior. O acto de entrega do premio terá lugar o 29 de maio, na Biblioteca de Carral.