Arquivos da etiqueta: Emma Abella
Carballo: presentación de Tankas da vida salgada, de Xosé Henrique Rivadulla Corcón
Muxía: presentación de Lugar de incendios, de Paco Souto e Serxio Moreira
Emoción, poesía e evocación do compromiso na homenaxe nacional a Paco Souto
Desde Sermos Galiza:
“(…) Sete meses despois, centos de persoas encheron o Teatro Colón da Coruña na primeira homenaxe nacional a Paco Souto nun espectáculo colectivo organizado pola Deputación da Coruña e coordinado pola poeta Rosalía Fernández Rial e que foi apresentado pola vicepresidenta da institución, Goretti Sanmartín, e pola viúva do poeta Emma Abella.
O tributo -convocado sob a lenda de “Atesourando a palabra”- reuniu unha nutrida representación das artes polas que Paco Souto profesaba un maior cariño: as plásticas, a poesía, a música… Rosalía Fernández Rial contou para este evento con poetas como Miguel Mato Fondo, Marta Dacosta, Xosé Iglesias, Lino Braxe, María Xosé Fernández ou Paco de Tano; artistas plásticas como Viki Rivadulla, Peter Kramer, Peter Schneider, Mon Lendoiro, Chiña ou Abraham Vila, e músicos como Serxio Moreira, Aida Saco e Fran Barcia, ou figuras do eido audiovisual como o cineasta Xosé Bocixa.
Elas e eles tomaron a palabra para, desde o afecto e a admiración, evocaren a figura dun escritor que, alén de producir a súa propia obra, foi un importante promotor da cultura na Costa da Morte, o seu territorio, nas diferentes artes. Gabaron non só o Paco Souto poeta, mais tamén o Paco Souto activista político comprometido desde o nacionalismo coa causa das clases populares e dos direitos nacionais de Galiza.
“Foi un grande axitador cultural, coa súa continua vontade para promover actos e iniciativas culturais. Paco Souto foi a personificación do verbo dar”, sobranceou Rosalía Fernández Rial, quen louvou a súa actitude “voluntariosa e colaborativa”. (…)”
Arteixo: encontro literario e recital poético na memoria de Paco Souto
O venres 12 de maio, ás 20:00 horas, no Centro Cívico e Cultural de Arteixo terá lugar un encontro literario, presentado por Alfredo Ferreiro, enmarcado no programa cultural do mes de maio.
Trátase de dar a coñecer as obras máis recentes de autores vencellados ao Concello de Arteixo. Os autores convidados son Francisco A. Vidal, Henrique Rabuñal, Miguel Sande, Modesto Fraga, Xosé Iglesias e Xabier Maceiras.
Tamén haberá un recital poético na memoria do poeta e activista cultural Paco Souto, para o que se conta co seguinte elenco: Emma Abella, Henrique Rabuñal, Iolanda Aldrei, Miguel Sande, Modesto Fraga, Rocío Blanco, Xosé Iglesias, Xabier Maceiras e Alfredo Ferreiro. O evento será acompañado pola música de Alberto Laso e Karlos Barral, co seu proxecto Infusiones Musicales.